in ,

Carlos Álvarez-Ossorio dirixe a Gala dos María Casares 2022 que conmemorará o centenario da actriz

Carlos alvarez ossorio gala maria casares

O director, actor e dramaturgo Carlos Álvarez-Ossorio dirixirá a gala dos XXVI Premios de Teatro María Casares. Neste 2022, ano no que se conmemora o centenario de María Casares, a gala achegarase á figura de actriz e trazará sobre o escenario un percorrido pola súa traxectoria vital e artística. Con ese obxectivo, Álvarez-Ossorio contará cun elenco conformado integramente por mulleres que se encargarán de poñerlles voz ás palabras da propia Casares, xa que o espectáculo recollerá fragmentos das súas memorias.

Deste xeito, na cerimonia de entrega dos premios de teatro actuarán as actrices Marián Bañobre, Nerea Brey, Sheyla Fariña, Rosa Puga Davila, Marta Pérez e Mónica de Nut. A música ao vivo correrá a cargo de Proxecto X, un conxunto de recoñecidos músicos que son firmes valores da nova xeración de jazz. A formación está integrada pola guitarra de Virxilio da Silva, o baixo de Paco Charlín, a batería de Diogo Silva  e a voz da propia De Nut. Por outra banda, Violeta Martínez Rivera encargarase do deseño de iluminación e mais do espazo escénico, Marián Bañobre será a vestiarista e Rubén Porto é o axudante de dirección.

Álvarez-Ossorio é finalista ao Premio Max ao mellor actor este ano pola súa obra Si esto es un hombre, adaptación teatral da referencial obra autobiográfica de Primo Levi e vén de estrear en Galicia a obra O Péndulo de Inversa Teatro.


Publicidade

A gala dos XXVI Premios de Teatro María Casares, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia co apoio de institucións como a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña ou Fundación AISGE, celebrarase o xoves 2 de xuño no Teatro Rosalía Castro da cidade herculina. Un total de 14 espectáculos competirán en calidade de finalista nas diferentes categorías nas que se dividen os premios e o actor e director Fernando Dacosta lerá o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro.

Espectáculos finalistas

Un total de 14 espectáculos son finalistas en algunha das catorce categorías nas que se dividen os galardóns. Cigarreiras, obra de Contraproducións e Teatro Romea, e Othello, de Voadora, contan con 8 finalistas cada unha. A lúa vai encuberta, de Incendiaria e A Quinta do Cuadrante, aspira a facerse con 7 galardóns, mentres que Terceiro acto, obra do Centro Dramático Galego (CDG) opta a 6. Pola súa banda, Quixote, de Pedras de Cartón; Comando comadres, de Matrioshka Teatro, e O Charco de Ulises, do (CDG), rexistran dous finalistas. Cun finalista atópanse os seguintes espectáculos: Serba me serbavo te, do CDG; Hugo, dos Náufragos Teatro; Cubo, de Elefante Elegante; A parábola do angazo, de Talía Teatro; Morgana en Esemelle, de Sarabela Teatro; Soga e Cinsa, de Aporía Escénica, e A Cazola de Lola, de Tanxarina.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'SOBRE O BALEIRO' de Ana Abad de Larriva10

GALERÍA | ‘Escenas (Con)Textualizadas’ no Escenas do Cambio 2022

(Algunhas) Cousas de Castelao

Isabel Risco e Fran Rei estrean unha obra de teatro inclusivo sobre Castelao coa Asociación Avante