in

María Roja e Vanesa Varela estrean a performance ‘Leçons du Vendredi’

Lecons du Vendredi |
O espazo de intervención cultural da Universidade da Coruña NORMAL acolle hoxe a conferencia De cuerpos ausentes, da profesora, escritora e investigadora Maite Garbayo Maeztu, que falará sobre algunhas das primeiras performances que se fixeron nos anos setenta no Estado español e as ocupacións das rúas por parte do activismo feminista; e mañá, venres, a estrea de Leçons du Vendredi, unha performance de María Roja e Vanesa Varela sobre a histeria como resposta solidaria e protesta colectiva dos corpos, e que supón unha deriva do proxecto Huelga salvaje.
As actividades están organizadas pola plataforma de produción, investigación e difusión das artes performativas contemporáneas en Galicia De corpos presentes e son gratuítas e de entrada libre até completar capacidade.

De cuerpos ausentes

Esta conferencia de Maite Garbayo Maeztu deriva do seu ensaio no que, baixo o mesmo título, reflexiona sobre algunhas das primeiras performances que se fixeron nos anos setenta no Estado español e as ocupacións das rúas por parte do activismo feminista. Frente ao ideal de presenza e transparencia de significados herdado da modernidade liberal, artistas como Dorothée Selz, Fina Miralles e Olga L. Pijoan puxeron en marcha veladuras, ocultacións e trocos que nos convidan a ir máis aló da visualidade.

Maite Garbayo Maeztu (Pamplona, 1980) é profesora Serra-Húnter no Departamento de Historia da arte da Universidade de Barcelona e Directora Académica do Máster en Prácticas Artísticas e Estudos Culturais: corpo, afectos territorio (UPNA, UPV e CACH). Doutora en Investigación e Creación en Arte pola Universidade do País Vasco e Mestra en Historia da arte pola Universidade Nacional Autónoma de México. Anteriormente ocupou unha praza de Académica no Departamento de Arte da Universidade Iberoamericana (México), e foi Investigadora Posdoutoral no Instituto de Investigacións Estéticas da UNAM. En 2016 publicou o seu primeiro libro, Corpos que aparecen, performance e feminismos no tardofranquismo (Consonni, 2ª edición 2019). Ten publicado numerosos artigos e capítulos de libro, e comisariado diversas exposicións. As súas principais liñas de investigación son a arte contemporánea e os feminismos no estado español e en Latinoamérica, e os estudos de performance.

 

Leçons du Vendredi

Nalgunhas casas comezaron a verse actos de sabotaxe desorganizados. Inicialmente, tratábase dunha lixeira melancolía que remataba nunha pota de comida queimada ou nunha camisa mal pasada a ferro, aínda que ás veces, incomprensiblemente, toda a vaixela acababa destruída en anacos no chan.

Somatización é unha palabra que anula toda unha serie de saberes e aprendizaxes dos nosos corpos. Establece, unha vez máis, a mente como un elemento autónomo que, en ocasións, produce alteracións fisiolóxicas ao exercer o seu poder sobre a carne. Gustamos de substituír “somatización” por “histeria”.

Histeria, como materia que ofrece alivio ao sufrimento emocional, como ruptura do corpo individual cara a protesta colectiva, como engano ante a disciplina e o implacable poder psiquiátrico.


Publicidade

Histeria, como xeito físico de enfrontarse ao mundo, que se le nos corpos alleos e se escribe no propio, nunha solidariedade non verbal.

HISTERIA! como berro inaugural das nosas leccións dos venres.

Leçons du Vendredi é unha das posibles conclusións, colaborativa e contaminada, do proxecto Huelga salvaje.

A obra de María Roja (Lugo, 1982)xira en torno ao corpo como contedor do íntimo á vez que arquitectura social e política, cun marcado interese nos seus procesos de apropiación, incorporación e transmisión do coñecemento inmaterial, así como na súa potencia como elemento subversivo e de resistencia. É Licenciada en Belas Artes cun Máster en Artes Escénicas pola Universidade de Vigo e Titulada Superior en Arte Dramática pola ESAD de Galicia. O seu traballo visual e performativo amosouse en diferentes exposicións e festivais organizados en galerías, museos, teatros e espazos alternativos de Galicia, España, Portugal, Grecia, Taiwan, Uruguai, Colombia, Chile, Brasil, Honduras, México, Ecuador, Santo Domingo, Arxentina, Cuba, Bosnia e Herzegovina, Irán, Países Baixos, Perú ou Canadá. É co-fundadora dos colectivos áIntemperie, Blanco&Roja, Ohn e Límites, proxectos situados no campo da arte de acción. No ámbito da interpretación, destaca o seu traballo en compañías de artes escénicas de linguaxe posdramática así como a súa participación en producións audiovisuais de corte experimental, sendo salientable o Premio María Casares á Mellor Actriz Secundaria no ano 2017.

Pola súa banda, Vanesa Varela / asformigas (Lugo, 1979) traballa en procesos de investigación artística que se moven entre o individual e o colectivo, mediante a creación de talleres e espazos de encontro, co fin de analizar prácticas corporais e culturais. É Licenciada en Belas Artes, cun Máster en Producións Artísticas e Investigación da Universitat de Barcelona. Expuxo, entre outros, no Espai 13 da Fundació Joan Miró, no Arts Santa Mònica ou na Sala de Art Jove. Foi premiada en convocatorias como “Premis Barcelona 2020”, “Ingràvid”, “Sala d’Art Jove” ou “Na vangarda”. É co-fundadora dos colectivos Niu d’aranyes e Ediciones Modelo, e participou tamén activamente en outros, como Mitja Subversiva ou Enmedio, e en proxectos educativos (En residència als instituts, Macba en família). No 2020 traballou de asistente da artista Nalini Malani na súa exposición na Fundació Joan Miró.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'Am I What' de Elvi Balboa. Foto de Ioar Labat

Elvi Balboa seleccionada na rede estatal ACIELOABIERTO

Eduardo R. Cunha Tatán

Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán” galardoado co Premio de Honra da MIT de Ribadavia