in

ButacaZero, Kirenia e Olivas Negras nos Cruzamentos de creación do Camiño Escena Norte 2022

Camiño Escena Norte
Sonsoles Cordón en 'Epiderme', proxecto de partida de 'DERMA', de Olivas Negras, que participou na pasada edición de Cruzamentos
O Camiño Escena Norte elixiu ás compañías que participarán no programa Cruzamentos, a rede de estancias de creación escénica deseñada para promover o intercambio artístico e profesional entre compañías de Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi. A través desta iniciativa, as compañías residentes teñen a oportunidade de compartir experiencias e recibir asesoramento por parte de compañías locais sobre a posta en escena dos seus proxectos. 
Nesta cuarta edición do Camiño Escena Norte, Cruzamentos desenvolverase entre o 11 de agosto e o 10 de setembro, previo ao inicio do circuíto Constelacións, e contará coa participación de tres compañías galegas: ButacaZero, Kirenia Danza e Olivas Negras.

En Galicia desenvolverase a proposta de ButacaZero e Hika Teatroa (Euskadi) para abordar Iribarne, o novo proxecto da compañía galega. En Asturias, a proposta seleccionada procede da compañía local Producciones Nun Tris, que conviradá a Kirenia Danza para investigar arredor do Voo de andoriñas/Vuelu d’andarines. No caso Cántabro, a galega Olivas Negras exercerá de compañía residente coa súa obra DERMA e contará coa formación local Espacio Espiral. Por último, en Euskadi desenvolverase a estancia proposta por Teatro del Cuervo (Asturias) coa compañía vasca Teatro Gorakada. Neste intercambio abordarase o proxecto ‘El otro libro de la selva’, unha coprodución de Teatro del Cuervo, Pájaros Pintados e Realidad Traviesa.
Os espazos cómplices dos Cruzamentos de Camiño Escena Norte neste 2022, repartidos polos catro territorios, son: Cidade da Cultura de Galicia, Auditorio Municipal de Negreira, Pazo da Cultura de Carballo, Laboral Ciudad de la Cultura (Xixón), Enclave Pronillo-Fundación Santander Creativa (Santander), Teatro Antiguas Escuelas de Orejo (Marina de Cudeyo), e o Centro de Innovación en Produción Escénica Harrobia Eskena (Bilbao).

Unindo ás Escolas de Arte Dramática

Outra das grandes novidades desta edición é Camiño Escola, un programa de colaboración entre CEN e as Escolas Superiores de Arte Dramática (ESAD) de Galicia e Asturias e a de Arte Dramática e Danza de Euskadi, Dantzerti. A iniciativa enmárcase no programa estatal ‘ESAD en Red’, que traballa para fortaceler os vínculos entre os centros das comunidades autónomas. Con Camiño Escola, o alumnado de Arte Dramática entrará en contacto coas e cos profesionais en activo que interveñen en Camiño Escena Norte 2022 a través de encontros, obradoiros de diversas disciplinas artísticas e prácticas que lles permitarán coñecer, de perto, un día de traballo dentro dunha compañía.

Cuarta edición de CEN

Camiño Escena Norte naceu en 2019 co obxectivo de promover o intercambio cultural a través das artes escénicas, tomando como referencia e fío condutor a ruta histórica do Camiño de Santiago do Norte. Desde os seus inicios, CEN levou o teatro e a danza a escenarios periféricos, alonxados dos circuítos habituais, ofrecendo así a posibilidade de acceder a cultura e públicos de municipios e localidades que dificilmente poden programar este tipo de espectáculos; á vez que facilita as compañías seleccionadas en cada edición o acceso a novos espazos ou escenarios nos que desenvolver a súa creatividade.

CEN é unha iniciativa promovida polas propias asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria) e Eskena (País Vasco). Todas elas únense na supraentidade Camino Escena Norte Agrupación de Interés Económico, creada especificamente para o desenvolvemento, xestión e produción deste proxecto.

CEN conta co apoio económico prioritario da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Tamén colaboran o Goberno de España a través do Ministerio de Cultura e Deporte e do INAEM, a Deputación de Lugo e o ente provincial da Coruña. Neste 2022, ademais, Vegalsa-Eroski mantense como patrocinador oficial, cunha achega económica maior, reforzando así o seu compromiso e aposta por un proxecto que promove o intercambio cultural entre territorios do norte da península. 
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Sonámbulo de Antón Coucheiro

Fran Sieira, Marta Alonso Tejada e Antón Coucheiro: a proposta galega do Camiño Escena Norte 2022

'Yellow Lemon' de Xián Martínez Miguel. Fotos: Guillaume Guardia e Máxime Còte.

Danza cítrica