in

Fran Sieira, Marta Alonso Tejada e Antón Coucheiro: a proposta galega do Camiño Escena Norte 2022

Sonámbulo de Antón Coucheiro
'Sonámbulo' de Antón Coucheiro e Pistacatro.
Camiño Escena Norte (CEN), o programa de intercambio cultural no que participan compañías de danza e teatro de Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi, chega este ano á súa cuarta edición sumando novas sedes e escenarios, máis participantes e un territorio convidado: Navarra.
Entre o sábado 10 de setembro e o domingo 9 de outubro, un total de 15 compañías ofrecerán espectáculos e actividades no marco dunha programación cultural cuxo eixe principal xira arredor do Itinerario Constelacións, o circuíto de representacións seleccionadas por comisións profesionais das diferentes comunidades autónomas para formar parte de CEN 2022. 
No caso de Galicia, as compañías seleccionadas para participar neste programa de Camiño Escena Norte, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), son Marta Alonso Tejada, co seu premiado espectáculo Bailar Agora; Fran Sieira Compañía de Danza, con DeMente e Pistacatro Produtora de Soños, con Sonámbulo.
A programación cultural, que este ano tamén incluirá a provincia de Araba, chegará a máis de 40 localidades, ampliando así tanto a súa presenza a nivel territorial  coma a nivel artístico. Pola súa banda, Asturias intervirá no intercambio cultural de Camiño Escena Norte con Fantastique Company e El secreto de Julio Verne; El Callejón del Gato, con La niña de las trenzas al revés; e Zigzag Danza, que representará Mímesis. A participación de Cantabria virá da man de Ruido Interno, con ‘Como un suspiro’; Escena Miriñaque, con Del otro lado e La Machina Teatro, que presenta Ecos en el fango. No caso vasco, Euskadi seleccionou os traballos de Vaivén Producciones, que participa con El Enjambre; Erre Produkzioak, con FAKE (Trampantojo); e Teatro Paraíso, que subirá ás táboas o seu espectáculo Úniko. Finalmente, Navarra entra en Camiño Escena Norte con outras tres propostas artísticas:  La Caja Flotante e o seu Beautiful Stranger; La Banda Teatro Circo, con Kimera; e Yarleku Teatro, con La casa más pequeña.
Nas vindeiras semanas anunciarase a programación completa e coñeceranse as sedes e localidades de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra que acollerán as funcións seleccionadas nesta edición, na que Vegalsa-Eroski se mantén como patrocinador oficial.
[embedyt] https://www.youtube.com/watch?v=8sBQ8kmPITk[/embedyt]

Camiño Escola

Outra das grandes novidades desta edición é Camiño Escola, un programa de colaboración entre CEN e as Escolas Superiores de Arte Dramática (ESAD) de Galicia e Asturias e a de Arte Dramática e Danza de Euskadi, Dantzerti. A iniciativa enmárcase no programa estatal ‘ESAD en Red’, que traballa para fortaceler os vínculos entre os centros das comunidades autónomas. Con Camiño Escola, o alumnado de Arte Dramática entrará en contacto coas e cos profesionais en activo que interveñen en Camiño Escena Norte 2022 a través de encontros, obradoiros de diversas disciplinas artísticas e prácticas que lles permitarán coñecer, de perto, un día de traballo dentro dunha compañía.

Catro anos de Camiño

Camiño Escena Norte naceu en 2019 co obxectivo de promover o intercambio cultural a través das artes escénicas, tomando como referencia e fío condutor a ruta histórica do Camiño de Santiago do Norte. Desde os seus inicios, CEN levou o teatro e a danza a escenarios periféricos, alonxados dos circuítos habituais, ofrecendo así a posibilidade de acceder a cultura e públicos de municipios e localidades que dificilmente poden programar este tipo de espectáculos; á vez que facilita as compañías seleccionadas en cada edición o acceso a novos espazos ou escenarios nos que desenvolver a súa creatividade.

CEN é unha iniciativa promovida polas propias asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria) e Eskena (País Vasco). Todas elas únense na supraentidade Camino Escena Norte Agrupación de Interés Económico, creada especificamente para o desenvolvemento, xestión e produción deste proxecto.

CEN conta co apoio económico prioritario da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Tamén colaboran o Goberno de España a través do Ministerio de Cultura e Deporte e do INAEM, a Deputación de Lugo e o ente provincial da Coruña. Neste 2022, ademais, Vegalsa-Eroski mantense como patrocinador oficial, cunha achega económica maior, reforzando así o seu compromiso e aposta por un proxecto que promove o intercambio cultural entre territorios do norte da península. 
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Fantoches Baj. Auga que non vas beber |

Por fin unha feira normal

Camiño Escena Norte

ButacaZero, Kirenia e Olivas Negras nos Cruzamentos de creación do Camiño Escena Norte 2022