in

Por fin unha feira normal

Fantoches Baj. Auga que non vas beber scaled |
Imaxe de Ismael Boldu

“Por fin!” Esta é a palabra clave. “Por fin podemos ir ao teatro!”, dicía o ano pasado unha crianza ao entrar no Teatro-Estúdio António Assunção, dentro do festival Sementes en Almada. “Por fin unha feira normal e sen máscara!”, mencionaba con expresións de xúbilo e alivio Elisabet Vallvé que, xunto con Oriol Ferré, dirixe esta feira e tamén o Centre de Titelles de Lleida. Efectivamente, as máscaras practicamente desapareceron do patio de butacas, non sen certa inquietude, mais empeñados en volver a esa normalidade tan desexada. Lembramos que esta feira tivo que adiar e despois suspender a edición de 2020, e facela nunha soa xornada e nun mesmo espazo en 2021.

De todo se aprende porque este formato espacial foi utilizado o primeiro día no acto inaugural e todas as compañías representaron os seus espectáculos entre as murallas da Seu Vella, conxunto monumental do século XIII que domina desde o alto a cidade.

O espectáculo inaugural correu a cargo da compañía Ferrer & Weidman. Nada, que significa esperanza, é unha obra conceptual creada en vertical coa muralla do recinto como palco. Mestura o vídeo, as sombras, o teatro e a música coa danza acrobática para crear un espectáculo que pon voz aos conflitos silenciados dos refuxiados, representados neste caso polo personaxe de Nada Voskova, unha muller que padece o decorrer da guerra no seu país e emigra a outras terras converténdose nunha refuxiada. Tamén está baseado en Los nadies, “que cuestan menos que la bala que los mata”, como propiamente describe Eduardo Galeano neste poema. Polas rúas do monumento tamén paseou Aquiles, de La Fam Teatre, un xigante metálico articulado que non deixou impasible ao público que o contemplaba.

Pode que estes dous anos de recesión influísen na creación dos e das artistas que traballan as innumerables formas animadas. Pode que consciente ou inconscientemente, estes dous anos de peche e corentenas, dirixisen a mirada dos e das artistas cara ao exterior, cara á natureza e aos moradores dos distintos hábitats que a compoñen. O caso é que a natureza e o mundo animal tivo un peso notable ben como tema principal ou como xustificación para introducir outro.

A esta temática principal pertence Lovo de Teatro Lafauna, un espectáculo que ofrece unha mirada sobre a conservación e protección da biodiversidade e tamén nos amosa a vida microscópica que alberga o interior do último lobo de Serra Morena que está a piques de morrer intoxicado por produtos fabricados polo ser humano. Contada a modo de documental, utilizan o vídeo que proxecta na pantalla a fábula que acontece nun pequeno escenario onde habitan uns miúdos personaxes. Tratada desde a poética cun ritmo oriental que dá tempo á observación das pequenas cousas, contén momentos tenros e didácticos.

El tiempo de las tortugas, de Dora Cantero. Había tempo que non viamos un espectáculo cun texto tan delicioso, cheo de forza e evocador como este. Nel, destaca a palabra sobre o vídeo, obxectos e música, sen desprezar nada do que alí acontece. Cantero amosa, neste primeiro traballo en solitario, a súa parte máis persoal e nos fala, a través dunha conferencia sobre unha especie de tartaruga, do amor e desamor. É unha experiencia vela en escena, como se ri dela mesma, como xoga co significado das palabras, como recita os seus poemas, como emociona. Como nos atrapa co seu rostro esperto, o seu corpo en áxil movemento, como domina a escena. Como nos vemos a nós mesmos, como nos sentimos identificados con ela. É un espectáculo que nos gusta a todos e todas e non nos deixa indiferentes.

Celestina infernal é a última produción de Teatro Corsario, compañía especializada no teatro clásico en lingua castelá que foi fundada por Fernando Urdiales en 1982 e que festexa este ano o seu corenta aniversario. Por outra banda, de cando en vez, a compañía pon en escena espectáculos de títeres dirixidos por Jesús Peña, o actual director da compañía. A estética de Teatro Corsario é recoñecible e admirada e agárdase con expectación cada un dos seus novos espectáculos, esta vez cunha atrevida versión do clásico de Fernando de Rojas. A bruxa Celestina, que devece conseguir a eterna xuventude, recibe un encargo por parte do diaño que é o de conseguir que Melibea se namore de Calisto. A acción transcorre dentro dun gran retábulo e os títeres, dun tamaño similar ao humano, destacan pola súa beleza plástica realista, e son movidos detrás dunha especie de pano polo que os e as manipuladoras poden introducir as mans e os títeres. Desde un ritmo moi medido pola acción e o verso, este espectáculo amosa o modus vivendi da bruxa no que sexo, maldade e violencia flúen como auga no río. Parece un conto de fadas nunha atmosfera negra, tétrica, apoiada por unha precisa iluminación, a música e o continuo fume que semella néboa, igual que na anterior reposición da Maldición de Poe.

An-Ki, de Cía Ortiga foi o espectáculo máis galardoado, conseguindo catro premios Drac D´Or.


Publicidade

Cía Ortiga é un proxecto artístico con sede en Banyoles que combina o social co ambiental e do que saen numerosos obradoiros e accións artísticas para concienciar á sociedade sobre a problemática da degradación dos territorios e da restauración dos ecosistemas.

O espazo de representación sitúase dentro dunha carpa reconvertida en labirinto e con varias salas que albergan diferentes instalacións. Os catro intérpretes, codirectores e produtores do espectáculo, Ingrid Codina, Guillem Geronès, Mika Lecuyer e Clara Centenera, propoñen un xogo inmersivo onde non só escoitas e miras, tamén te moves, tocas, sentes e sofres. An-Ki combina teatro de actor, do obxecto, da máscara e de figuras animadas. Tamén é un teatro de emocións, expresadas a través de accións con aqueles obxectos que conteñen a memoria do mundo, dun mundo que desaparece. A nivel emocional, Geronès contou que “unha das frases que máis marcaron a obra foi a dunha muller siria, que viviu na Arxentina e decidiu regresar a Siria durante a guerra, porque di que se todos se van, quen vai estar para coidar a terriña?, a terra que os viu nacer”.

An-ki mergúllate nese ambiente desolado e sofres co que che mostran os personaxes que viaxan polo espazo, co que expresan as imaxes que xiran arredor da degradación do medio e tamén coa visión do incerto futuro que provoca esta imparábel destrución. Propón esperanza amor e traballo para coidar o planeta e preservar a diversidade.

El Espejo Negro foi a compañía encargada de pechar esta feira co espectáculo Cris, pequeña valiente, que trata sobre a transexualidade dun xeito moi educativo e, como vén sendo habitual, con excelencia.

A única compañía galega que interviu nesta feira foi Fantoches Baj, que actuaron en dous espazos de rúa co espectáculo Auga que non vas beber, unha sátira musical na que un público activo participou e divertiuse coas cancións populares que Almudena Vidal e Ignacio Vilariño cantaban e os monicreques que manipulaban en cada número.

 

*As imaxes do artigo son de Ismael Boldu

Xoán Carlos Riobó

Xoán Carlos Riobó

Director de escena e dramaturgo. Desenvolve a súa actividade teatral con grupos de adolescentes e adultos dentro do ámbito escolar e amador (Obradoiro de Teatro María Soliña, Teatro a Réplika e Teatro Aberto). Como dramaturgo ten publicados varios textos para crianzas e adolescentes en Edicións Fervenza: 'O retábulo das marabillas no país do chapapote', 'Acariñando os desexos' e 'A viaxe de Burhan: Éxodo'. Fundador da Mostra de Teatro Escolar de Cangas. Dirixe o Ciclo de Teatro Afeccionado do Morrazo. Membro dos grupos de traballo que organizan a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) e a Mostra de Teatro do Ensino Secundario do Morrazo (MOTESMO). É membro do consello de redacción da 'erregueté'.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Detalle da instalación sonora, realizada polo alumnado da ESAD de Galicia. Foto Afonso Becerra

Gurús nas aulas

Sonámbulo de Antón Coucheiro

Fran Sieira, Marta Alonso Tejada e Antón Coucheiro: a proposta galega do Camiño Escena Norte 2022