in ,

O CDG inicia en Noruega o proxecto europeo ‘Phone’

20220629MovingCompass 2 |
'A barca do inferno', de Moving Compass

O Centro Dramático Galego, CDG, vén de iniciar a súa participación no proxecto europeo Phone, no que estruturas teatrais de sete países desenvolven varias iniciativas conxuntas para a posta en valor de linguas minoritarias a través das artes escénicas. O primeiro dos encontros presenciais terá lugar esta fin de semana na cidade de Tromso (Noruega), país que forma parte deste proxecto xunto con Holanda, Francia, Romanía, Italia, Irlanda e Alemaña, ademais de España.

Financiado con fondos da Unión Europea, o obxectivo de Phone é dar voz e salvagardar a diversidade cultural e lingüística de Europa, conectando profesionais e públicos que pertencen a comunidades con lingua propia, proporcionándolles unha plataforma para a súa expansión e intercambio. O proxecto préstalle especial atención á participación da xuventude e á transmisión de coñecemento entre distintas xeracións.

Phone desenvolverá métodos de escrita biográfica/documental e de teatro comunitario interxeracional a nivel europeo para dar como resultado oito montaxes teatrais contemporáneas (unha por cada territorio participante, xa que Alemaña achega dúas comunidades lingüísticas distintas). Está previsto recorrer a novos formatos escénicos, á aplicación de novas tecnoloxías e á utilización de ferramentas dixitais como podcasts ou vodcasts. Tamén pretende deixar como legado mecanismos que se comproben útiles como métodos de traballo, así como un manual de boas prácticas para promover o teatro en linguas minoritarias.


Publicidade

No caso concreto do Centro Dramático Galicia, en cada fase de Phone (encontros de dirección, dramaturxia etc.) incorporaranse artistas galegos novos que estean en cada momento a levar a cabo algún espectáculo con produción ou participación da compañía pública. Así, no arranque do proxecto en Tromso intervirá unha representación da compañía Moving Compass, coa que recentemente se levou a cabo en réxime de coprodución o espectáculo A barca do inferno e que será unha das montaxes do ano dedicado a Galicia no Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

PaulaCarballeira fotoXanXe baixa |

Paula Carballeira e Quico Cadaval abren o X Festival Atlántica

Companhia CertaDONODONADA 32 |

Un novo encontro coa Mostra Internacional de Artes para o Pequeno Público de Almada