Aínda haberá quen pense que os sentimentos fortes, a atracción, o entusiasmo e outras afeccións, só se poden sentir cando se desata o cóctel bioquímico do namoramento por outra persoa. E, alén dos efectos desas drogas endóxenas do namoro, a atracción e o entusiasmo que tamén poden suscitar as comenencias, o afán por acumular diñeiro, prestixio, poder, etc.
Moi lonxe de todo iso está a paixón que espertan as artes vivas, esas que non se fixan nun papel (literatura), un lenzo (pintura), un bloque de pedra ou doutro material sólido (escultura), unha pantalla (cinema, vídeo…) etc.
Dáme a impresión que as artes escénicas, que se fan ENTRE persoas que actúan e se afectan mutuamente, na vibración xerada pola acción teatral ou pola danza, na súa plasticidade visual e musical, espertan unha paixón máis intensa que calquera das outras artes. Se ves unha película que non che gusta non che provoca a mesma ira que que pode provocar estar vendo unha obra de teatro pretensiosa, de cartón pedra. Non saes da sala de cine pensando en que non queres volver nunca máis ver unha película. Porén, cando alguén vai ao teatro e se aburre, pásao mal e sente un fastío que o disuade de volver. Se ves unha escultura ou unha pintura que non che gustan, pasas de largo e xa está. Se colles un libro e, logo de ler unhas cantas páxinas, te decepciona, déixalo e xa está. Co teatro ou coa danza, non obstante, acontece algo diferente, como se os sentimentos se acentuasen, igual que nun encontro con alguén que che gusta ou que te decepciona. Quizais porque nas artes escénicas actúan tanto as espectadoras como as actrices e actores, bailarinas e bailaríns. Tamén quen le un libro participa na súa creación ao ir imaxinando, razoando e recreando o que le. Pero nun espectáculo, ademais, interveñen os instintos animais e as intuicións inconscientes que se activan entre os seres vivos que comparten un espazo e un tempo. Noutras palabras: hai unha química retroalimentada, unha respiración, un xogo de tensións rítmicas, que poden xerar un só corpo comunitario, que alentan un sentido dificilmente definible. Un sentido que se volve necesario e que une, que re-liga (como na relixión). E o ser humano necesita, para ser humano, desa relación na que mirarse, na que ver. Teatro, etimoloxicamente, vén desa raíz: ver. O espello, a lente que necesitamos para ver(nos) e para construírnos como ser(es). Un relato que se constrúe, en vivo e en directo, naquel xogo que unha equipa artística trazou nunha dramaturxia concreta, a dese espectáculo no que estamos a participar.
Por iso dubido que as artes escénicas permitan relacións desafectadas, mornas, de xente illada tras pantallas ou parapetada en compartimentos ríxidos e estancos.
Chegou o solsticio de verán cos festivais de estío. Polo San Xoán arrincou a 39 Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas do Morrazo, a MITCF, que vai até o 9 de xullo. O 4 de xullo arrinca o 39 Festival de Almada, que vai até o 18 deste mes. Do día 15 ao 24 de xullo temos a 38 Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Isto no Eixo Atlántico peninsular. Logo tamén, por estas datas, o GREC de Barcelona, o Festival d’Avignon, etc. Por tanto, estamos ante un mes propicio para desatar a paixón polas artes escénicas, con altas doses de fruición. Todos os días un ou máis espectáculos de diversa índole e outras actividades relacionadas. Algo que non acontece todos os meses do ano.
Se saio vivo desta, lémonos no seguinte artigo!