Xacarandaina estrea o espectáculo Endaterra o próximo sábado 23 de xullo en Santa Comba. Trátase dunha montaxe de música e baile tradicional para poñer en valor a arte inmaterial da ruta xacobea que transcorre dende A Coruña até Santiago e a que leva até Fisterra e Muxía. Quique Péon é o director da obra que reúne no escenario oitenta artistas entre músicos, corpo de baile e mais coros. A montaxe conta co apoio da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e as asociacións de Concellos do Camiño Inglés e do Camiño Fisterra-Muxía.
Endaterra é un espectáculo que fusiona distintas artes escénicas como son o teatro, o baile e a música tradicional galega (melódica e vocal). A montaxe, ademais, conta cunha banda sonora única que foi composta en exclusiva e dispón dunha singular produción audiovisual para crear unha paisaxe sonora e visual con imaxes e sons naturais destes itinerarios xacobeos. Todo iso fai de Endaterra unha montaxe etnográfica única e exclusiva que sorprenderá o público non só de Santa Comba, senón tamén de Negreira (15 de agosto), Dumbría (15 de outubro), Oroso (22 de outubro), Abegondo (5 de novembro) e Culleredo (19 de novembro).
Esta produción dirixida por Quique Peón, representa unha completa mostra da ampla cultura tradicional de dúas das rutas compostelás menos exploradas. Desenvólvese así un traballo de investigación dos bailes, divertimentos, danzas, cancións, traxes e tradicións dos 18 concellos polos que transcorren estas dúas vías a Santiago. O material etnográfico que se emprega forma parte do arquivo do Grupo de Música e Baile Tradicional Xacarandaina, froito do seu traballo de recollida durante máis de corenta anos de traxectoria e que abrangue os concellos da Coruña, Culleredo, Cambre, Carral, Abegondo, Ordes, Mesía, Oroso, Dumbría, Ames, Negreira, Mazaricos, Cee Corcubión, Fisterra Muxía e da propia Compostela.
Argumento histórico
O argumento baséase na peregrinación feita en 1900 por unha aristócrata inglesa e a súa doncela de orixe galega a Santiago con epílogo a Fisterra e Muxía. A viaxe desta intrépida muller divídese en tres etapas: a primeira realízase en barco desde o porto do Londres até o de A Coruña, despois a pé desde a cidade herculina até a capital de Galicia e logo até os confíns da Costa da Morte.
Para a representación desta historia, Xacarandaina mobiliza 80 artistas en escena. O corpo de baile constitúese con trinta persoas de entre 17 e 35 anos que, mentres que o grupo de pandeiretas está formado por doce mulleres que se encargarán da percusión de man. A peza tamén incluirá un grupo de gaitas que abrangue tres destes instrumentos, tamboril, bombo e pandeireta que, xunto co saxo, clarín, trompeta e tubo da charanga tocarán pezas tradicionais de distintas épocas. O coro contará con 35 voces e o amplo despregue artístico completarase con Os do fondo da barra, grupo doce homes e un acordeonista que se encargarán de representar coa compaña de percusión os antigos cantos de taberna.