A 38ª edición da Mostra Internacional de Ribadavia, MIT, remata hoxe cunha xornada centrada na memoria dos maiores, na convivencia interxeracional e na poética dos feitos cotiáns.
Ás 19.30 horas, no patio do Museo Etnolóxico, terá lugar un acto aberto de coloquio con diferentes xeracións do teatro galego, das máis novas ás voces máis expertas. “Nos anos 70 e 80 o teatro galego estaba por (re)construír. Era a época de Abrente. En 1984 aparece a MIT e o CDG, despois as redes e os teatros e a diversidade de compañías profesionais, os María Casares, etc. En 2005, a ESAD. E en 2022, unha MIT como foro internacional e núcleo permanente do teatro galego que tamén quere xuntar nun espazo de encontro, (re)coñecemento, aprendizaxe, consciencia e compromiso a profesionais de diferentes idades, momentos e circunstancias do teatro galego. Quizais moitas nin se coñezan, posiblemente non intercambiaron nunca unha palabra, aínda que a súa paixón e o seu hábitat sexa o mesmo, a patria do teatro galego. Suponse que un festival debe ser un espazo de encontro, un lugar de diálogo e de oportunidades, de cruces para que emerxa algo novo sempre. Provocar un desexo, convidar a ese lugar de encontro onde a xente nova procurou o consello, o apoio e auspicio dos veteranos, iso queremos que volva acontecer na Ribadavia deste 1º encontro interxeracional”, recolle o programa da MIT.
O encontro, que estará aberto ao público, estará moderado por Ana Abad de Larriva e nel participarán Eduardo R. Cunha, Tatán; Helena Salgueiro; Casilda Alfaro; Carlota Mosquera; Eduardo Alonso; Diego Chamizo; Jorge Rey e colectivo LabCareixa.
De seguido, El Patio Teatro, de La Rioja, e Marie de Jongh, do País Vasco, farán que o día de clausura teña o teatro de obxectos de novo como protagonista, despois da estrea en Galicia o xoves de El Mar: visión de unos niños que no lo han visto nunca, do Teatro Nacional de Cataluña, en coprodución co FiTT de Tarragona e Xavier Bobés.
Conservando memoria é unha homenaxe poética aos avós e avoas da autora e actriz, Izaskun Fernández, a través do teatro de obxectos e a palabra, na que comparte connosco o seu desexo de conservalos con ela, de conservar a súa memoria, para un día poder esquivar a súa ausencia.
Pola súa banda, AMA, de Marie de Jongh, fala dos coidados, da fraxilidade e que mestura o prosaico co fantástico, a arte e o riso, o absurdo e o tráxico. Unha peza que conta co asesoramento do dramaturgo de orixe arxentina Pablo Messiez.