O festival internacional de maxia Galicia Ilusiona vén de comezar a súa primeira edición, que se estenderá ata o 15 de outubro. Trátase dun festival de ilusionismo que, por primeira vez, abrangue toda a comunidade autónoma galega e que será un referente a nivel mundial dentro do mundo da maxia, xa que nace sendo xa un dos festivais de maxia máis grandes de Europa, en canto á súa duración, número de artistas participantes e número de accións). Nos seus dous meses e medio de duración acollerá a máis de 30 artistas, que desenvolverán diferentes funcións de maxia en máis de 100 localidades galegas.
Os seus principais eixes de acción son a maxia na rúa nun centenar de concellos, galas de maxia internacionais e retos de maxia extrema nas sete cidades e maxia solidaria nas unidades de pediatría dos principais hospitais de Galicia. O festival está dirixido e producido polos magos Pedro Bugarín e Dani Polo, co apoio da Xunta de Galicia a través do Xacobeo e da Fundación La Caixa.
O número 103 da erregueté inclúe unha entrevista en detalle con Pedro Bugarín e Dani Polo arredor da situación da maxia en Galicia e o festival Galicia Ilusiona.