O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, outorgará este 2022 o premio Xograr de Outono a Evaristo Calvo. O actor recibe este galardón do FIOT de Carballo que pretende salientar a traxectoria de profesionais das artes escénicas galegas co recoñecemento de figuras imprescindibles do sector de xeito anual. Deste xeito, o encontro, unha cita de referencia en Galicia mantén viva a chama da posta en valor e o recoñecemento de figuras imprescindibles do sector cultural galego.
Micro-Escenas Metro Cadrado
Por outra banda, a sexta edición do certame de Micro-Escenas Metro Cadrado do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo xa ten pezas finalistas. Compañía Anxela Blanco, Dani Blanco, Cacharela Teatro, Musicarte Rey Saavedra, Colectivo #ChamizoBelloVila e Mónica Paradela Cuñarro presentarán as súas últimas creacións experimentais na nova edición do FIOT prevista para este outono, nunha das liñas de programación máis queridas polo público local, quen valorará, como é habitual, tanto a mellor interpretación coma o mellor espectáculo.
Metro Cadrado ofrece ao público da comarca unha nova experiencia escénica, diferente ás habituais nos recintos: sen barreiras, sen artificios e desde a proximidade. Con esta intención, o FIOT convida ás compañías ou artistas emerxentes a crear ou deseñar un espectáculo (de teatro físico, música, clown, performance, danza, manipulación de obxectos…) de entre 10 e 20 minutos, que se poida poñer en escena, especificamente, nun espazo non teatral.
Nesta sexta edición do certame recibíronse un total de 36 propostas, tanto de creadores individuais como de equipos formados por profesionais de diferentes disciplinas: performance, teatro, danza, circo, etc. A maior parte de propostas proceden de novos creadores, pero tamén houbo profesionais consolidados nas artes escénicas con afán de experimentar. Entre todas elas, o xurado do Metro Cadrado, conformado por figuras do sector cultural, seleccionou media ducia de espectáculos finalistas: Xeografía dos corpos, presentada por Compañía Anxela Blanco; Viaxar é un pracer, presentada por Dani Blanco; Actriz, chora, presentada por Cacharela Teatro; Cinecleta, cinema doméstico a pedais, presentada por Sr. Lili; Menú do día, presentada por Colectivo #ChamizoBelloVila; Homeless, presentada por Mónica Paradela Cuñarro.