O sábado 20 e domingo 21 de agosto terá lugar no Museo Interactivo da Historia de Lugo unha nova edición do Ciclo de Performance Mexer que organiza a Galería de Arte Solaina para a Área de Cultura do Concello de Lugo.
O ciclo Mexer nace no 2021 coa intención de amosar a importancia desta disciplina na arte contemporánea, en especial na galega. Así, este ciclo quere apoiar aos novos talentos galegos introducindo esta disciplina nas redes museísticas.
Nesta nova edición o Mexer conta con seis performers vidos de diferentes puntos de Galica, María Roja (Lugo), Sofía Fernández (Allariz), Noel Quintela (Monforte), Ariezzz (O Porriño), Akazie (Vigo) e Chex Nova (Madrid – Vigo). Seis artistas con propostas moi diferentes, dende obras en bucle, a reflexións sobre a tradición, pezas de danza contemporánea ou de Drag. Unha variada selección coa que se pretende amosar a variedade e pluralidade das artistas e obras que están a agromar na nosa comunidade.
Solaina, un novo espazo en Lugo
Solaina nace co fin de promover a arte e a cultura da cidade lucense e de Galicia en xeral. Un lugar no que os artistas poidan coñecerse, traballar xuntos, dialogar e exhibir as súas pezas. Este proxecto está actualmente dirixido e curado polo artista lucense Sergio Marey. O espazo quere ser un referente da arte na nosa comunidade, e cuxo obxectivo é proporcionar “un espazo aberto a todas as artes e disciplinas, a calquera proxecto, coa intención de descentralizar a arte e achegala á sociedade”, en palabras de Marey.
Dende a súa apertura leva realizadas 14 exposicións, 10 colectivas e 4 individuais, dúas feiras, Vaia-Vaia Encontro de Fanzines, que este ano celebrará a súa 3ª Edición, e a feira de arte Arterite, en Lugo. “Solaina non só permite dar a coñecer a novos artistas contemporáneos, dándolles oco nunha galería, senón tamén serve para visibilizar todas as disciplinas, dende a música á pintura, pasando pola instalación, a moda ou a foto entre outras”, di Marey.
Solaina ven de participar na feira de arte HYBRID ART de Madrid, foron as organizadoras do Ciclo de Performance Mexer que este ano irá pola súa segunda edición e o Ciclo de Música e Visuais Colusión na cidade amurallada, ademais están a traballar en proxectos con outros concellos e institucións, como a sección escolas do Festival de Arte Audiovisual Contemporánea – Intersección, na cal foi curadora, o LabCareixa – Laboratorio de Teatro Experimental da Deputación de A Coruña ou coa Universidade de Vigo. Tamén cabe destacar a súa colaboración con outros espazos como Acéfala, Cubo ou Fuck This Studio e as súas aparicións en diferentes medios de comunicación tanto especializados como non e a súa colaboración con outras organizacións.