in ,

Amantis | 39ª MITCFC

Amantis portada |
Imaxe de Prolight Foto Estudio | MITCFC

As caras ocultas da violencia

A mantis caracterízase como un ser solitario que só se reúne para aparearse, vivindo camuflada observando pacientemente o mundo en 360º, agardando por posibles presas.

Amantis é o alcume escollido por un adolescente de suadoiro con capucha co nome común de Miguel, coa intención de crearse un personaxe público popular co que captar presas nas redes sociais. Un adolescente interpretado polo actor de 23 anos Roque Ruiz.

É esta unha peza de teatro de temática social cuxa intención é a de mostrar ao público unha versión do que é ser un adolescente masculino hoxe en día. A súa directora e codramaturga Tamara Canosa, no coloquio que tivo lugar un día antes da función, explicaba que quixo poñer o foco no xénero masculino precisamente porque a violencia de xénero é machista; e dalgún xeito indagar nas orixes do machismo na adolescencia axudará a tomar unha perspectiva de como abordar o dito problema.

Así, a peza arranca cun DJ no alto do teatro coa palabra Amantis en letras de neon, facendo do auditorio unha especie de discoteca na que o último en chegar é o “adolescente” que entra polo patio de butacas boureando e facéndose selfies co seu público. Dende aí arranca a dramaturxia sen cuarta parede da peza, onde o binomio Miguel-Amantis vai estar todo o tempo contándolle e mostrándolle ao público como é a súa vida de adolescente, a que leva por dentro e a que mostra por fóra.

A elección de chegar ao público directamente, como se dos seus colegas nos tratásemos, para xerarnos empatía, é efectiva a medias. Quizais porque notamos que o que di o “adolescente” non é o modo natural no que falaría un adolescente, sobre todo polo ton tan narrativo e incluso pedagóxico do texto. Queda a dúbida de ver como será a acollida do espectáculo por un público adolescente, pois é ao que está destinado a axudar esta peza.

Inevitablemente, cada adulto da sala, ao ver a Miguel, debeu de relembrar a etapa da súa pubertade e comparar o que foi e o que é hoxe en día, onde o mundo real parece un escenario de mentira no que construír “a verdade” que se sobe ao mundo virtual. Así, a escenografía constrúese como unha habitación pechada sen paredes onde só se precisa dunha plataforma (do tamaño dunha cama), un escritorio cun ordenador e un anel selfie para “saír” ao mundo a través dos lives de Instagram.

Na hora que dura o espectáculo, Roque só, axudado polo acompañamento dalgunhas proxeccións e música, introdúcenos dentro dunha ficción que por momentos ten un aire cinematográfico máis que teatral, como cando ao final da peza aparece ampliado e proxectado sobre o fondo do escenario, para que contemplemos, como se dunha película de Nouvelle Vague se tratase, a expresión psicolóxica da súa cara perdida buscando non sabemos que en Internet. No meu caso agradecín este momento dilatado e contemplativo para dixerir internamente todo o texto e accións previas da obra, aínda que houbese unha caída do ritmo moi forte.


Publicidade

O ritmo da obra en si foi calmo, o que contrasta coa aceleración e impaciencia propios desta idade e máis nesta era da hiperestimulación. Roque diríxese a nós a través dunha codificación teatral tranquila, facéndonos chegar a súa historia vital a través da narración, do mimo, ou mesmo dos obxectos (como cando el mesmo é unha especie de manequín que se move seguindo os pasos do criminal do videoxogo Grand Theft Auto).

Estamos ante unha xeración que vive no dixital e que xa non só atopa os seus referentes na TV ou nas películas de Hollywood, senón que agora o couto está aberto a calquera que se queira pronunciar como novo profeta na rede. Miguel tamén quere ser un deles, vivir dos seus directos, formarse con Youtube… Para que estudar se toda a información que precisas está en Internet? Para que escoitar un mestre de escola, un vello, se podes escoitar o Xocas en Twich encomiando a ignorancia, a falta de respecto, a violencia…? A obra mostra como todo este cúmulo de estímulos negativos penetran nun adolescente creando dentro do seu corazón un conflito existencial, como ter que afastarse e maltratar a rapaza curvy da que está namorado porque o falso referente dos seus colegas non llo perdoaría. Escoller estar do lado das falsas amizades poderosas (violentas) a estar do lado dos que se preocupan verdadeiramente del (amorosas).

Unha obra narrativa, na que un “alumno” toma o papel de “profesor” e nos dá unha clase de como viven os adolescentes de hoxe en día, onde nós, o público, recibimos a lección na que a única réplica que se nos deixa é a de preguntarnos por 3 palabras que nos definan, como poderían ser “forte, valente, soñadora”, para logo advertirnos de que esas palabras as leva un sopro de aire, ante os embates do ambiente de violencia psicolóxica (e a veces física) existente no que vivimos: bullying, ghosting, presións sociais, imposicións ideolóxicas, posverdades, pornografía, e un largo etc., como velenos que matan o noso ser.

Estraña que ante tanta dose de crúa realidade, a peza remate como nos contos de final feliz, onde o adolescente renuncia ao lado escuro e volve xunto á moza e a familia corrixindo de súpeto o rumbo da súa vida.

Porén, cómpre salientar que na peza é loable o esforzo, o interese e a sensibilidade á hora de tratar os problemas sociais nesta etapa da vida; é aí onde reside a maior forza e interese da mesma. Por iso, desexo e agardo que esta poida axudar a moitos adolescentes, e os adultos que os acompañan, a cambiar pouco a pouco o escenario de violencia existente no que están a vivir, para construír unha sociedade baseada no respecto, libre de violencias.

Amantis, da compañía Rebordelos. Coproduce MITCFC

Actor: Roque Ruiz

Espazo e son: José Manuel Faro “Coti”

Espazo sonoro: Jas Processor

Vestiario: Melania Freire

Fotografías: Sabela Eiriz

Texto: Tamara Canosa e Xacio Baño

Distribución: Kandengue Arts

Dirección: Tamara Canosa

MITCFC. Auditorio Municipal de Cangas. 26 de xuño de 2022.

David Rodas González

David Rodas González

Actor e creador escénico. Titulado superior en Arte Dramática pola ESAD de Galicia na especialidade de interpretación xestual. Na súa traxectoria combina a docencia coa investigación e a experimentación escénica, incorporando tamén a súa paixón pola fotografía e tratamento do espazo (en relación á súa experiencia previa no eido da arquitectura). É un colaborador asiduo nas obras de Ana Abad de Larriva.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Mostra de Teatro Galego de Carino |

Comeza a XLIV Mostra de Teatro Galego de Cariño

Festaclown Vilagarcia 2022 Público vendo un espectáculo

O Festaclown de Vilagarcía arranca con éxito de público