Imaxe de Prolight Foto Estudio | MITCFC

Xira!

A miña cabeza non deixa de dar voltas pensando sobre como comezar a escribir acerca dunha peza como POI, da Cía D’es Tro, a cal tiven a fortuna de poder presenciar dentro da programación da 39ª MITCFC. E é que na vida hai pezas que sacan os nosos miolos da órbita lóxica da expectativa e nos transportan ao territorio do abraiante, deixándonos pasmados e coa boca aberta; para deixar que entre dentro de nós a maxia dun momento que, sen palabras, gardaremos para sempre.

Ao ver o programa da mostra, a sinopse e foto de POI non me atraían especialmente. Achegueime ata os Xardíns do Señal de Cangas agardando ver un rapaz chamado Guillem Vizcaíno xogar cunhas buxainas nunha entretida actuación circense, pero atopeime con moito máis ca iso. O espectáculo creado por Guillem cativoume dende o primeiro instante, cando entrou dende detrás do público chamando a nosa atención só co son dun simple chocallo que levaba colgado mentres nos miraba aos ollos, cunha mirada desafiante e amorosa ao mesmo tempo; mentres rumiaba unha palliña entre os beizos. Situado xa no centro do escenario efémero creado para a ocasión, tras parar o chocallo obsérvanos en silencio, para logo rompelo emitindo unha especie de berro que remitía a un pastor que chama as súas cabras á congregación; reunificándoas, sacándoas do seu estado de ensimesmamento, de agarda, ou de rumiar imaxes nos teléfonos móbiles. Sen necesidade de palabras, só con berros de “cabreiro” e algunha indicación xestual, atrapou e guiou o público ao longo de toda a actuación, facéndonos partícipes da mesma. Sen decatarnos, levounos polo sendeiro dramatúrxico que tiña preparado para nós, sen que perdésemos a atención en ningún momento. Detalle sobre detalle ía enroscándonos coa historia persoal que viña compartir connosco; contada case integramente a través dos obxectos cos que habitaba a escena (unha árbore, unha gran mesa redonda con pés de árbore, sacos de rafia, cubos de folla de lata,… e por suposto buxainas como as que aparecen caídas como belotas debaixo da árbore). Ademais completaba a mesma cun espazo sonoro creado polo compositor Jaume Compte que encaixaba á perfección coa “historia” sobre a infancia de Guillem cos seus avós e a xente do campo; mediante o uso de sons ambientais da natureza (paxaros, cigarras,…), con músicas tradicionais, así como con composicións propias creadas para a peza e que lle conferían unha gran forza emotiva. E é que todo na peza se complementa dun xeito óptimo, xerando unha atmosfera máxica que nos transporta aos campos mallorquinos e a sentirnos na pel dun Guillem neno xogando a lanzar baldufas (buxainas) baixo a sombra das oliveiras.

POI é unha peza que se constrúe dende as bases circenses de Guillem, pero que na miña opinión vai máis alá do circo, porque na mesma se mesturan tamén un ton “documental autobiográfico” e o teatro de obxectos. Falo de teatro de obxectos porque é tal a potencia expresiva dos elementos escénicos (deseñados e construídos artesanalmente por el) que teñen unha entidade escénica propia, ao “actuar” por si mesmos; como é unha buxaina unha vez que é lanzada e atrapa a nosa mirada hipnotizándonos coa súa danza xiroscópica.

Incluso o propio actor chega a ser un obxecto en mans dunha persoa voluntaria do público que o axuda a xirar tras “darlle corda” como a un peón. E é que como dicía, o público está integrado na peza dende o primeiro instante, facéndoo partícipe dos xogos de “malabares” coas buxainas. Así, o actor ordénalle a persoas do público (sen falar) que sosteñan táboas sobre as que fai xirar as baldufas, que tiren dunha polea, etc. Pero todo iso sen invadilas, sen intimidalas; pois as súas ordes teñen unha enerxía lúdica, de xogo, que conecta e esperta o espírito da infancia dos adultos, e por suposto dos máis novos. Nenos e nenas da era dixital actual, que quizais nunca xogaron cunha buxaina, desfrutan do espectáculo ao igual que as diferentes xeracións de adultos que lembramos o que era xogar con elas, facéndonos dalgún xeito espertar o noso gusto innato por volver xogar. E xogando xunto a Guillem e as súas buxainas, séntese como todas a xeracións alí reunidas nos unimos nun só ente, nunha comunidade que permanece unida ao rematar a función e non quere marcharse, aplaudindo de pé durante varios minutos, e logo incluso sacándose fotos con el para non esquecerse do acontecido.

Esta obra tan persoal de Guillem, que ten tanto del (por non dicir que é todo el, por como brilla en escena), foi creada ao longo de 3 anos grazas tamén ao parón do covid; pois ese tempo de “parar” o levou a profundar nas súas raíces e a experimentar coas baldufas; a construílas coa axuda do torno de seu pai, a buscar unha árbore que o acompañase na súa viaxe… Dicía nunha entrevista que as obras que son moi persoais precisan de que o tempo saia só, dende dentro para fora, ao seu ritmo. Durante o proceso de creación Guillem dicíase a si mesmo: “Cuando vayas a presentar esto, hazlo suave, hazlo lento y que salga la verdad (…)”. E é que sobre todo a obra é verdade. É tal a naturalidade e confianza na súa actuación, ao facer o extremadamente difícil “fácil”, que penso que a confianza que o público proxecta sobre el é máxima; e se descarta a idea de que algo poida saír mal, de que por exemplo vaia caer ao chan unha buxaina lanzada ao aire ata a copa da árbore para acabar xirando sobre a mesma. Eu estaba tan metido na xiroscópica maxia hipnótica das buxainas danzando sobre todos os elementos escénicos (incluído o propio corpo do actor) que sentía que estas tiñan vida propia, que só precisaban do amor de Guillem para comezar a xirar, pero que a coreografía era cousa delas, que elas sabían o que tiñan que facer, a onde tiñan que chegar… Como cando unha baldufa está xirando durante máis dun minuto pasando e saltando entre varias táboas que sostén o público, atravesando incluso montonciños de palla que a poderían deter, para acabar sobre un caldeiro que a transporta ata outro lugar…

A maxia dun momento que dura o que dura a danza xiratoria coa que nos envolve a obra e que nos transporta a natureza das montañas de Mallorca. Porque detrás do circo, dos malabares, dos avós, dos obxectos… desta historia, está a conexión coa natureza. Prestando atención aos detalles, vese como en escena nada é fortuíto e todo significa ou ten un valor simbólico asociado á natureza: unha árbore cun froito cuxa semente é unha buxaina (nacida da súa madeira), unha gran mesa circular que semella o taboleiro do universo sobre o que rematarán xirando os seus planetas (buxainas de diversos tamaños, formas e cores) e escoitando o son que emiten cada un deles ao rotar… Cada buxaina, cada persoa, precisa do xiro, da danza da vida, para sintonizarse co universo. Un universo onde todo xira e nunca para de xirar, onde todo é movemento, aínda que as veces lle opoñemos resistencia; e por iso Guillem nos berra cun “giraaaaaa!”.


Publicidade

A súa voz falada soa nun momento da peza dende o espazo sonoro que emiten os altofalantes, contándonos a conexión das  baldufas coa súa terra, coas súas raíces ancestrais; a conexión das buxainas coas árbores das que naceron, que non esquecerán nunca por moi lonxe que as leve o seu xiro, pois son a súa orixe e cando xiran, xiran con ela.

Guillem e POI agasállannos coa poesía de facer danzar unha árbore, a través do espazo e do tempo, achegándonos á esencia natural da vida e da interpretación, en todas as actuacións programadas nesta xira.

Dá igual o grande ou pesada que sexa a nosa buxaina, abracémola e tiremos con coraxe da súa corda para ver como se ergue e comeza a danzar.

Baldufa, buxaina, trompo, peonza, peón, burot, zibota,…, seguide xirando.

POI, de Cia. D’es Tro

Idea orixinal: Guillem Vizcaíno
Dirección e interpretación: Guillem Vizcaíno
Mirada externa: Tomeu Amer, Biel Jorda e Roberto Magro
Deseño de luces: Jaume Miralles
Técnico de son e iluminación: Jaume Miralles
Deseño e creación de buxainas: Guillem Vizcaíno
Deseño e creación da escenografía: Guillem Vizcaíno
Colaboración na construcción da escenografía: Andy Hughes e Gregorio Vizcaíno
Autor musical: Jaume Compte
Vestiario: Artesanias Greca
Fotografías: Mai Ibargüen, M.Eugenia Canyelles, Pau Caracuel
Vídeo: Pau Caracuel
Produción: Cia. D’es Tro / Kandengue

MITCFC. Xardíns do Señal de Cangas, 5 de xullo de 2022.

David Rodas González

David Rodas González

Actor e creador escénico. Titulado superior en Arte Dramática pola ESAD de Galicia na especialidade de interpretación xestual. Na súa traxectoria combina a docencia coa investigación e a experimentación escénica, incorporando tamén a súa paixón pola fotografía e tratamento do espazo (en relación á súa experiencia previa no eido da arquitectura). É un colaborador asiduo nas obras de Ana Abad de Larriva.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

7 Hoy puede ser 19 |

Volve o festival Castelo Conta de Culleredo

British Library

Diversidade e democracia