in , ,

Volve o festival Castelo Conta de Culleredo

7 Hoy puede ser 19 scaled |
Teatro en Vilo. Foto: Nuria Taboada

O próximo luns 22 de agosto comeza a VII edición do Castelo Conta, un festival centrado na comedia, a tradición oral e a cultura rural que se desenvolve na parroquia de Castelo (Culleredo), lugar onde naceu e vive Xosé A. Touriñán, o director do festival. Esta nova edición chega logo de dous anos sen celebrarse por causa da situación sociosanitaria, medrando en contidos e tamén querendo reforzar o seu compromiso co medio natural e coa veciñanza de Culleredo.

Durante toda a semana, Castelo encherase de espectáculos de humor, teatro, música, actividades para os cativos e cativas, xuntanzas coa veciñanza, accións orientadas á conservación do patrimonio natural… O público poderá gozar de espectáculos como ‘Somos Criminais 3’, ‘Hoy puede ser mi gran noche’, ‘As fillas bravas de Momán’ ou a gran noite de Monólogos, conducida por Touriñán e coa participación de Noemi e Darlene Rodríguez, Javier Veiga, Oswaldo Digón, David Amor, David Perdomo, Pepo Suevos, Patricia Castrillón e Isabel Risco; e Sés, Guadi Galego, Xabier Díaz, Xurxo Fernandes, Moura, Caamaño&Ameixeiras e Russinha, entre outros, serán os encargados de poñer música ao festival.

De luns a venres, as mañás serán para os máis cativos, coas actividades da Xente Miúda do Castelo Conta, e tamén poderán desfrutar cos espectáculos ‘Quixote’ e ‘Saaabor!’. Nas tardes, os e as maiores toman a palabra nos Contos de Castelo, uns encontros de recuperación da memoria oral de Castelo conducidos por Tone Martínez. Este ano, recuperarase a figura de Finita Gay e a súa imaxe quedará retratada no Centro Social cun mural de gran formato do artista Mon Devane.


Publicidade

Mantendo o espírito de calquera celebración popular en Galicia, a organización decidiu avanzar cara a unha programación sostible no económico, pero tamén no medioambiental e no social. Así, os espectadores que decidan achegarse ao festival atoparán novidades como que os dous grandes espectáculos de comedia contarán con intérpretes en lingua de signos grazas a un acordo de colaboración coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia. Por outra banda, a campaña #SenPlásticosNoMonte evitará a presenza de plásticos dun só uso durante todas as actividades e eventos da semana e contrataranse tamén para realizar tarefas de produción usuarios da Asociación Mestura, que traballa desde Culleredo pola integración social das persoas inmigrantes e emigrantes retornadas.

O Castelo Conta é unha iniciativa impulsada polos veciños de Castelo e recibe o apoio do Concello de Culleredo, Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e Xacobeo ademais do patrocinio de Estrella Galicia, Deleite, Bodegas Méndez-Rojo e Nordesía.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Menu do dia ChamizoBelloVila

Menu-do día ǀ 39ª MITCFC

POI 07 |

POI