in ,

Diversidade e democracia

British Library
Entrada principal da British Library. Foto de Afonso Becerra

Estas semanas andei por algúns teatros de Londres, visitei algúns museos da capital británica e de Oxford, camiñei polas rúas etc. Fiquei admirado da grande variedade étnica e da enorme diversidade de aparencias, estilos e tendencias fóra do canon. Persoas de todos tipos e estéticas traballando en tendas e nas institucións. Souben que para acceder a un traballo non se pode enviar a foto co currículo, porque o que importa non é a aparencia, o sexo, a cor da pel, a estatura, o peso, o grao de beleza, senón a capacitación e experiencia para o emprego ao que te postules. Até me atrevería a dicir que en Londres o grao de beleza ou fealdade do canon non escrito, que manexamos na Península Ibérica, ficou abolido.

Unha amiga, que traballa aquí, dime que nos levan moitos anos de vantaxe niso da democracia. Certamente, as nosas democracias, a portuguesa e a española, aínda son moi novas e aínda temos partidos políticos e unha boa morea de xente que bota de menos aos ditadores e que, se puidesen, nos volverían levar a aqueles tempos escuros.

No Evening Standard do 11 de agosto, un diario que podes coller gratuíto á entrada do metro, leo unha entrevista, a dúas páxinas, titulada “The Met allows you to be yourself and bring your whole self to work” (A Met [policía metropolitana de Londres] permíteche ser ti mesmo e levar o teu xeito de ser ao traballo), a dous policías, un deles transexual e o outro gay. Segundo parece a Met está comprometida con aumentar a diversidade e a relación con esas comunidades.

Outra cousa que me chamou a atención foi a bandeira LGTBIQ+ ondeando, como símbolo dos dereitos humanos, nos mastros de institucións principais, como a British Library. Unha boa parte do persoal do Natural History Museum con colares coa bandeira identificándoos como parte dunha comunidade diversa, quizais para que outras persoas non heteronormativas encontren visible esoutras opcións vitais.

No Museum of London, unha parte da exposición dedicada á historia da comunidade LGTBIQ+ e a loita polos seus dereitos na cidade. Na British Library, na galería na que expoñen os seus tesouros, entre os manuscritos de Virginia Woolf ou o orixinal tamén manuscrito da peza An Ideal Husband de Oscar Wilde, unha sección titulada “Proud Words” (Palabras orgullosas), cunha coidada colección dos primeiros manifestos, xornais, revistas, libros e outros materiais cos que as persoas LGTBIQ+ abriron os camiños da liberdade.


Publicidade

Tamén no British Museum aparecen especialmente sinalizadas, coa etiqueta “Desire, love, identity” (Desexo, amor, identidade), obras de arte e alfaias da antigüidade desa temática, ofrecendo, deste xeito, unha perspectiva histórica da diversidade.

Na tenda de libros do National Theatre, os estantes centrais están dedicados ás últimas novidades, tanto en ensaio de artes escénicas como en pezas teatrais, arredor da transexualidade, o queer, o universo gay e lésbico. Antoloxías de pezas trans, teatro queer, performance lgtb, etc.

Por que ocupan o centro da librería, se non estamos no chamado mes do orgullo? Por que unha enorme bandeira LGTBIQ+ ondea na entrada principal da prestixiosa British Library? Por que en todos os teatros aos que fun hai símbolos que visibilizan a diferenza en pro da igualdade?

Por algo será, non si?

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Mención Honrosa no Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2019 do Festival de Almada (Portugal, 2020).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

POI 07 |

POI

José Alvaro Correia

Morre o deseñador de luz portugués José Álvaro Correia aos 45 anos