O deseñador de iluminación portugués José Álvaro Correia faleceu este pasado luns en Lisboa por mor dun cancro. Tiña 45 anos.
Licenciado na Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo do Porto, debutou profesionalmente no ano 2001, aínda que levaba facendo teatro dende novo. Durante as dúas décadas seguintes, consolidouse como un dos deseñadores de luz máis talentosos de portugal, chegando a traballar no noso país. O teatro, cuxa paixón herdou pola súa familia, foi o seu principal campo de traballo e experimentación, pero tamén iluminaba espectáculos de danza e ópera, concertos, exposicións e desfiles de moda.
Entre os directores cos que traballou con máis frecuencia está o actual director artístico do Teatro Nacional São João (TNSJ), Nuno Cardoso. Tamén traballou con creadores como Marcos Barbosa, Carlos Pimenta, John Romão, Mónica Calle e Cristina Carvalhal, e con compañías como a Gato que Ladra, o Ensemble e a Formiga Atómica.
En Galicia, traballou principalmente coa compañía Voadora e Marta Pazos. Destacan os seus traballos en Martes de Carnaval do CDG, A amnesia de Clio de Voadora ou Siglo mío, bestia mía do CDN.