A XLIV Mostra de Teatro Galego de Cariño xa ten as súas pezas favoritas do público para esta edición do 2022, na que recuperou a normalidade. Os espectáculos que obtiveron máis votos por parte das persoas espectadoras foron A Panadaría e a súa obra As que limpan, para público adulto, e Teatro del Andamio con A nova historia da cigarra e a formiga, dirixida aos máis pequenos e pequenas.
As que limpan está centrada nas empregadas da limpeza, as invisibles que carretan ao lombo un sistema turístico dende unha situación moi precaria. Fala da loita organizada das camareiras de piso dos hoteis por conseguir uns dereitos laborais e sociais xustos.
A segunda está baseada na fábula da cigarra preguiceira e da formiga obreira contando o que ocorreu despois dunha noite de tormenta que fixo que todo cambiase; a vida da formiga, que vive na saída de emerxencia do seu formigueiro, e da cigarra, que chega ao fermoso outeiro despois de vagar durante moito tempo. Os premios entregaranse ao comezo da Mostra do ano que vén, para 2023, na súa cuadraxésimo quinta edición.