O festival É-Aqui-In-Ócio volve a Póvoa de Varzim cunha nova edición que se desenvolverá entre os días 23 de setembro e 1 de outubro. Esta décimo terceira edición constrúese sobre o tema Uma mesma Origem Um só Ventre A nossa Humanidade, Mulher, con actividades que propoñen unha reflexión sobre a muller e a súa condición na sociedade.
Abrirá esta edición a compañía Certa da Varazim Teatro, anfitrioa deste festival internacional, que conmemora os 25 anos da Associação Varazim Teatro e celebra a súa relación coa sociedade desta localidade portuguesa presentando por primeira vez Veias de sal numa terra com lágrimas de mar. Este espectáculo representarase no Cine-Teatro Garrett até o día 25. O día 28 estará a compañía galega Teatro do Atlántico con Libre coma os paxaros, unha homenaxe a Rosalía de Castro.
O programa inclúe dúas compañías portuguesas das máis internacionais: Chapitô, que estrea Antígona 3 por 3,5 e Teatro do Mar con Eu Fêmea, un peep show que será montado no centro da cidade. Tamén de Portugal son os recoñecidos Teatro Livre, con Mater, e a Escola de Mulheres, que fará unha lectura dramatizada, Da voz humana.
De Uruguai vén Lucía Trentini para exhibir Criaturas domésticas. A brasileira Mari Paula Dance and Performance presenta en solitario o seu espectáculo Retórica. A performance butoh, Mujer destejida, da compañía colombiana/vasca Con Ciencia y Arte, o concerto do guineano Mû Mbana, a exhibición do documental sobre o Espaço d´Mente, sé da Varazim Teatro, son outros dos acontecementos de descorrerán nestes días nos espazos da cidade. Dentro das actividades paralelas haberá unha mesa de reflexión, A mulher: Corpo, imagem, identidade, moderado pola xornalista Sofia Branco.