in ,

O CDG e Ainé Producións estrean ‘Recortes, caneos e outras formas de driblar’

Será o 29 de setembro no Salón Teatro, onde estará catro semanas antes de comezar a xirar

Recortes caneos e outras formas de driblar |

O Centro Dramático Galego e Ainé Producións estrearán o próximo 29 de setembro no Salón Teatro de Santiago de Compostela Recortes, caneos e outras formas de driblar, un espectáculo que aborda tanto a dimensión visible como a cara oculta do mundo do fútbol. A peza mestura xornalismo, deporte e teatro nunha proposta escénica que xorde dun libro aínda inédito de Nacho Carretero. Tito Asorey será o responsable de dirixir a peza, que conta coa dramaturxia de José L. Prieto.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, e o do CDG, Fran Núñez, participaron onte no campo de fútbol do Villestro (Roxos) na presentación da obra xunto ao equipo artístico e de produción deste novo proxecto que abre a temporada escénica 2022-2023 da compañía institucional galega. Pisaron tamén o céspede Asorey, Prieto e Carretero, así como o representante de Ainé Álvaro Pérez Becerra e o elenco, formado por seis intérpretes: Xosé A. Touriñán, Manuel Cortés, Christian Escuredo, Xoán Fórneas, Isabel Garrido e Sergio Zearreta

Recortes, caneos e outros formas de driblar, que permanecerá no Salón Teatro de Santiago de Compostela ata o 23 de outubro para logo xirar ata febreiro por outros escenarios, aborda o fútbol dende múltiples perspectivas. Así, achegará a través dun de tantos partidos un retrato escénico dos protagonistas, dos secundarios e mais dos figurantes que participan no grande espectáculo futbolístico: xogadores, adestradores, xornalistas, árbitros, directivos e seareiros.

A peza propón desde a escena un traxecto lúdico, crítico e musical polo complexo mundo que arrodea a este gran deporte de masas, no que conflúen emocións individuais e sentimentos colectivos de pertenza, mais tamén todo tipo de intereses: económicos, deportivos, sociais, televisivos, etc. Un traxecto que percorrerá este deporte polo dereito e polo envés, xa que se achegará unha visión en conxunto da dimensión público e de todo aquilo que está lonxe dos focos: o que acontece nos vestiarios, o que se negocia nos despachos, o que se comenta nos palcos. Tamén, incluso, o que lle pasa pola cabeza aos protagonistas.

O equipo artístico deste espectáculo complétase con Vadim Yukhnevich ao cargo das composicións musicais, José Faro Coti asinando a escenografía, Laura Iturralde como responsable da iluminación e mais dos audiovisuais, Laura Baena á fronte do vestiario e Sara Rey na axudantía da dirección.


Publicidade

Catro semanas de fútbol teatral

Recortes, caneos e outras formas de driblar ofrecerá representacións de mércores a domingo durante as case catro semanas que estará no Salón Teatro. Seguindo a política de accesibilidade para todos os públicos posta en marcha polo Centro Dramático, as funcións serán inclusivas, con apoio en lingua de signos e materias especiais para a súa percepción. Haberá tamén sesións descontraídas, que se desenvolven nunha atmosfera acolledora e con máis tolerancia ao ruído e ao movemento no patio de butacas, formuladas para aquelas persoas cunha especial sensibilidade ou con necesidades sensorias específicas para a escoita e mais a comunicación.

As entradas para Santiago de Compostela xa están a venda. No despacho de billetes do Salón Teatro, poderanse adquirir tamén nos días das funcións dende dúas horas antes do seu inicio.

O primeiro destino da xira será Pazo da Cultura de Carballo para clausurar o Festival Internacional Outono de Teatro, FIOT, o 31 de outubro, ao que seguirán o Auditorio Municipal de Ourense (4 e 5 de novembro), o Teatro AFundación de Vigo (11, 12 e 13 de novembro), o Pazo da Cultura de Narón (25 e 26 de novembro), o Auditorio Sede Afundación de Pontevedra (10 e 11 de decembro), o Auditorio Municipal dde Cangas (23 de decembro), a Casa da Cultura de Burela (7 e 8 de xaneiro), o Auditorio Gustavo Freire de Lugo (13 e 14 de xaneiro), o Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa (20 e 21 de xaneiro), o Teatro Colón da Coruña (26, 27 e 28 de xaneiro) e o Auditorio Municipal de Ferrol (3 e 4 de febreiro).

Tres producións na temporada

Esta montaxe do Centro Dramático Galego e Ainé Producións será o primeiro espectáculo que se estree durante a temporada 2022/2023 da unidade de produción teatral dependente da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades. As outras dúas propostas son Shakespeare en Roma, con catro equipos de dirección, e Un hotel de primeira sobre o río, que leva a escena o texto de Xohana Torres codirixido por Gonçalo Guerreiro e María Torres.

Con este trío de producións, que representan un investimento superior aos 600 000 euros, contrataranse 18 intérpretes durante un novo período de actividade no que o CDG quere seguir  apostando pola pluralidade de estilos e formatos. A previsión é realizar 110 funcións en total, cun modelo de distribución diferente para cada montaxe, cos obxectivos de chegar á maior cantidade de público posible e de crear novas audiencias.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Berrobamban 1 |

Berrobambán comeza a segunda temporada de ‘Facer memoria’

'Libre como os paxaros', de Teatro do Atlántico

Póvoa de Varzim acolle a 13ª edición do festival É-Aqui-in-Ócio