A cuarta edición do Camiño Escena Norte (CEN) continúa o seu periplo galego. Esta fin de semana, o proxecto de intercambio escénico, artístico e profesional entre compañías de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e, este ano, tamén Navarra, fará parada en Lugo con dúas propostas o xoves 29 e o domingo 2 no Auditorio Municipal Gustavo Freire. Nos dous casos a entrada será de balde até completar a capacidade do recinto e, ao finalizar a función, celebrarase un encontro co público asistente.
A compañía vasca Erre Produkzioak presentará a partir das 20.30 horas do dia 29 o seu espectáculo ‘Fake (trampantojo)’. Dirixido a público adulto, a peza, que fai alusión ao anglicismo da falsificación ou imitación da realidade, presenta a historia de abuso, relacións de poder e traxedia que se dan no seo dunha familia durante unha cea de Aninovo.
O domingo será a quenda do público infantil e familiar. Ás 18.30 horas comezará a función de ‘De otro lado’, de Blanca del Barrio, un espectáculo que fala de barreiras, valados, ladrillos e pontes. Da man da compañía cántabra Escena Miriñaque, as e os asistentes verán unha metáfora escénica que fala das fronteiras visibles e invisibles.
A fin de semana que vén o Camiño Escena Norte 2022 finalizará a súa andaina. A compañía asturiana Zig Zag Danza visitará Ames (venres 7) e Vilalba (sábado 8) co seu espectáculo para primera infancia (0-3 anos) ‘Mímesis’. Pola súa banda, a vasca Vaivén Producciones achegará a súa peza para público adulto ‘El enjambre’, a Viveiro o sábado 8; mentres que a navarra La Caja Flotante fará o propio no FIOT de Carballo, tamén na tarde do sábado, con ‘Beautiful Stranger’. Finalmente, CEN 2022 pecharase na tarde do domingo 9 en Santiago de Compostela, na Cidade da Cultura, coa representación para público infantil e familiar de ‘El secreto de Julio Verne’, da asturiana Fantastique Company.
Axenda de funcións CEN
Erre Produkzioak (Euskadi) | ‘Fake (trampantojo)’, de David Caíña
29.09.2022 | 20:30 horas no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo
Público adulto. Entrada libre. Ao remate da función, encontro co público. Acompaña: Anxo Manoel (Lucecús Teatro)
Lucía e Celia, irmás; Xabier, o marido de Celia; Pablo, o fillo de Lucía; e Uxue, a súa curmá. Todas e todos celebran que hoxe é o primeiro día do resto das súas vidas, mais esta celebración non é máis que un trampantojo: un paripé organizado para poder levar á avoa á cama antes de que cheguen as badaladas de verdade. Unha vez durme a avoa, todos poden comportarse como realmente son. E aí é cando comezan os problemas.
Escena Miriñaque (Cantabria) | ‘Del otro lado’, de Blanca del Barrio
02.10.2022 | 18:30 horas no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo
Público infantil e familiar. Entrada libre. Ao remate da función, encontro co público. Acompaña: Paloma Lugilde (Producións Paloma Lugilde)
Lembras cando se nos escapaba o balón por enriba do muro e ía parar Do Outro Lado? A aventura comezaba… Unha mañá, os habitantes dese Outro Lado atoparon no seu territorio un estraño balón. Non era como os seus: nin a materia, nin a cor. Non tiña marca. Viña… Do outro lado. Este espectáculo fala de muros, valos, ladrillos e unha ponte. É unha metáfora das fronteiras tanto visibles como invisibles. A ambos os dous lados dúas personaxes búscanse, xogan, necesítanse e comparten idénticas ilusións e os mesmos medos.