in ,

A MOTI de Ourense deixa en pausa a súa 19ª edición

Cancélase este ano por falta de apoios

27A B1. ULTRAMARINOS |
'soy un niño', de Ultramarinos de Lucas

A Mostra de Teatro Infantil, MOTI, de Ourense, unha das maiores no seu xénero, vén de anunciar que este ano non celebrará a súa 19ª edición, “debido á falta de apoios”, aínda que deixa a porta aberta a poder volver nun futuro se conseguise novas colaboracións.

“Despois de 18 anos traballando por e para o teatro infantil, a MOTI non pode realizarse por falta de apoios. O maior era o do Concello de Ourense, a Mostra xa quedou tocada o ano pasado e puido realizarse grazas á Universidade de Vigo (Campus de Ourense) e ao Teatro Principal, pero un cambio na política da Universidade, onde naceu a Mostra, fai que non poidamos levala adiante”, explica Fernando Dacosta, director da MOTI. O Teatro Principal seguirá mantendo neste 2022 a programación infantil de Nadal; e tamén continúa o FITO cunha nova edición este mes de outubro e volverá a MITEU na primavera.

Balance

Dende a dirección fan balance dos 18 anos de historia do festival e da súa proxección: “Non ter MOTI aféctanos, pois é parte do noso soño teatral e de cidade e tamén é parte do noso traballo, pero aféctanos máis polos miles de nenas e nenos que nos acompañaron durante tantos anos (máis dunha xeración) e tantos espectáculos: foron 247 en 18 anos. Montaxes de Galicia, de toda España, de Portugal, Arxentina, Canadá ou Francia, aínda que a MOTI é fundamentalmente galega e estatal. Todo isto con teatros cheos ata onde pedían as compañías ou recomendaban os espazos e as asociacións de teatro infantil. Somos unha Mostra que respecta os aforos recomendados para unha boa recepción por parte das nenas e nenos. Iso sábeno as miles e miles de persoas que nos acompañaron ata hoxe. E con iso abonda.


Publicidade

Desde os espectáculos de aforo moi reducido (teatro para bebés) ata os de maior aforo (circo, concertos) en cada edición esgotábanse as localidades en máis da metade das funcións e pasaron pola mostra case 2000 participantes, acadándose sobradamente as/os 60 000 espectadoras/es. Pero unha mostra de teatro non é programar sen criterio, non é procurar tan só números (que se cumpren de sobra con orzamentos axustados), é pensar nos valores que se transmiten cos espectáculos, na idea e no discurso da mostra, nos diversos xéneros que se presentan, na coherencia do que se programa ou no coidado e respecto pola nosa lingua, entre outras moitas cuestións”.

Porén, expresan que deixan a posibilidade aberta de volver: “Quedan moitos soños, moitas historias, moitas gañas de contar e de coñecer. Por iso, mantemos o espírito da MOTI vivo e, se hai algún cambio favorable, volveremos coa 19ª edición da Mostra de Teatro Infantil de Ourense, coa MOTI”.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Inventio © Vanessa Rabade 2 1 |

Ferrol acolle a estrea de ‘Inventio’

Melania Cruz

Melania Cruz galardoada co Premio da Cultura Galega de Artes Escénicas