Por terceiro ano consecutivo, o Teatro Rosalía Castro da Coruña abre paso á curadoría colectiva, unha actividade gratuíta que se organiza dentro do proxecto de Programación Expandida do TRC Danza, e que ten por obxectivo promover a participación da cidadanía no exercicio de escoller a programación de danza que visitará o Rosalía na próxima anualidade 2023.
O obxectivo é dar espazo aos públicos no proceso de toma de decisións do teatro. Ao longo de tres sesións, que terán lugar os sábados 8, 15 e 22 de outubro (de 10 a 13h na Sala Xan Eirís do Teatro Rosalía Castro), o equipo da Programación Expandida xunto coas persoas que se queiran inscribir na actividade, analizarán “algunhas pezas, tanto galegas como do territorio nacional, que sobrevoan a posible programación que prepara o director do teatro, Xosé Paulo Rodríguez”. Tal como se indica no programa da actividade, “a vontade deste proceso é a de analizar, sopesar e fundamentar de xeito colectivo a selección dalgún dos traballos que formarán parte do programa 2023, nun exercicio de curadoría colectiva entre o público de danza do noso teatro e a comunidade artística local; miradas diversas, que se relacionan coa danza dende sitios distintos”.
As inscricións á actividade de curadoría colectiva están abertas na páxina web do programa e poden facerse enviando os datos a través dun formulario. Esta iniciativa ocorre en diálogo co Taller de Público(s) que, dende 2018 e baixo a coordinación de Sabela Mendoza e Caterina Varela, se mantén activo no TRC Danza. Un espazo que funciona como grupo de espectadorxs, aberto a toda persoa que queira sumarse independentemente dos coñecementos ou experiencias previas que teña en relación á danza. O grupo reúnese periodicamente no teatro para acompañar e comentar cada unha das propostas artísticas que visitan o Rosalía. Actualmente o Taller de Público(s) ten tamén abertas as súas inscricións para acompañar a temporada de outono durante seis sesións programadas entre setembro e novembro de 2022. “Seis datas para coñecer, reflexionar, achegármonos aos espectáculos de danza que teremos a oportunidade de desfrutar sobre o escenario do Teatro Rosalía Castro entre os meses de setembro e novembro”. A información e horarios de inscrición poden atoparse na páxina web do programa.