in

Marketing, comunicación, mediación e política

'O naufraxio' (1830-1850) [fragmento] de Knud-Andreassen Baade (1808-1879). Victoria and Albert Museum. London.

A mediación tecnolóxica nas nosas vidas, en certos aspectos, está a xerar unha homoxeneización global que atenta contra a diversidade. Tamén a especialización vai xerando uns estándares. Penso, por exemplo, en como a linguaxe e as actitudes do marketing se instalan en tódolos ámbitos dentro dun estilo unificado.

Moitos festivais de artes escénicas e moitas compañías contratan gabinetes de prensa, igual que fan os políticos ou as grandes corporacións, no seu intento por aumentar o cuantitativo, por aumentar o seu mercado. Porque agora todo se compra e se vende e un espectáculo ou un festival tamén se enfoca, desde o punto de vista da comunicación, como un produto que compite con outros no mercado do consumo, xa sexa no do entretemento, xa sexa no dos votos, no da popularidade ou a fama. As campañas de imaxe, neste sentido, seguen patróns parecidos.

Lembro cando, nas aulas do Institut del Teatre, a finais dos anos 90, nos explicaban, en Dramaturxia, que entre as funcións do dramaturxista, diferenciadas das do dramaturgo, estaba o deseño de actividades de mediación e comunicación, intimamente relacionadas co estilo e a natureza da obra teatral. Ou sexa, supúñase que os labores de mediación e comunicación entre o teatro e o seu público potencial, eran realizados pola equipa de dramaturxia e dirección da compañía, do teatro ou do festival. Porque os festivais e os teatros públicos e privados debían ter tamén unha dirección artística e unha equipa de dramaturxistas, unha especie de consello artístico para garantir no interior desas entidades un xogo de perspectivas máis poliédrico. Iso derivaba en que a comunicación e a mediación de compañías e teatros non se reducía a unha información competitiva, senón que tiña unha certa dimensión artística e unha graza especial. Na comunicación e mediación trasladábase tamén algo do que caracterizaba a maneira de facer e de estar no mundo desas entidades.

Todo isto, hoxe en día, foi pasando a gabinetes de comunicación, xeralmente formados por xornalistas, e a mediación e comunicación estandarizouse, derivando cara á información competitiva.


Publicidade

Desde que estou na dirección da erregueté | Revista Galega de Teatro recibo moitas notas de prensa e moitas comunicacións de compañías, festivais e algúns teatros e todas parecen a mesma cousa. Un aburrimento! As campañas de publicidade que me chegan de grandes marcas e de grandes almacéns e outras empresas non se diferencian moito das que recibo desas compañías, deses festivais e deses teatros. Dáme a impresión de que non se están a decatar desa unificación, desa homoxeneidade que, no fondo, tan mal reflicte a diversidade, a orixinalidade e a graza que se lles supón ás artes escénicas.

Xa non se trata de dramaturxismo e das súas capacidades para crear unha mediación e unha comunicación especiais, acordes coa identidade dun teatro, dun festival ou dunha compañía. Non se trata de xerar unha mediación e unha comunicación en íntima relación e simbiose cunha peza de artes escénicas. Trátase, basicamente, de política de marketing.

Ao meu ver, non hai moita diferenza en como se orquestran as campañas de imaxe dos políticos, en perpetua campaña electoral, na busca de aumentar o número de votantes e, por tanto, de poder, respecto á doutros produtos industriais, cando dentro desta categoría, a dos produtos industriais, incluímos unha “produción teatral”, a oferta de graos e posgraos dunha universidade ou as virtudes dun cosmético. Trátase, tanto nuns casos como nos outros, de política, ou mellor dito, de política de empresa, política de marketing, que vén sendo a política da política. Mandan os criterios cuantitativos e, ao fin e ao cabo, trátase de vender algo.

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2024, de prensa especializada, do Festival de Almada, organizado pola Câmara Municipal de Almada, do que tamén recibira unha Mención Honrosa en 2020.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Figuras do limiar Imaxe de Leo Lopez e1665131272200 |

Comeza a 3ª edición da curadoría colectiva do TRC Danza no Teatro Rosalía de Castro da Coruña

Dinosaurios, O regreso dos saurios de Larei Lará

O Galicreques abre hoxe a programación escolar en Santiago