A Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo colaboran no desenvolvemento da aplicación web CIMA, unha ferramenta gratuíta destinada a transformar información sobre eventos culturais para facela máis accesible a todos os colectivos creando folletos baseados en textos sinxelos e pictogramas.
Deste xeito, os programadores culturais dispoñen dunha nova ferramenta que permite xerar, de modo rápido e en diversos idiomas, folletos que poidan ser lidos por lectores de PDF para ser accesibles a persoas con problemas de visión.
Os profesionais do sector contarán así cun recurso doado e gratuíto para ofrecer información relevante e de maneira accesible sobre os seus eventos: localización, horarios, información sobre como chegar, guías, prezos especiais, dispoñibilidade de escaleiras mecánicas ou ascensores, espazos de descanso, carreiros accesibles para cadeiras de rodas, información sobre as pezas do museo, etc.
CIMA está dispoñible para uso libre e gratuíto por calquera persoa ou institucións a través da web do proxecto en castelán, galego, portugués, inglés, polaco, islandés e ucraíno, este último co obxectivo de facilitar o acceso da poboación desprazada polo conflito aos diferentes eventos e recursos culturais. Ademais, para a súa elaboración tívose en conta a tipografía e o tamaño de letra e o contraste de cores que facilitan a lectura.
Esta nova ferramenta foi presentada esta semana nunha xornada de traballo con profesionais do sector cultural por parte de Fátima García Doval, xefa do Servizo de Coordinación Estratéxica e Innovación da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, e Enrique Costa Montenegro, profesor da EE Telecomunicación da Universidade de Vigo e investigador de atlanTTic no grupo GTI.
Lei de Cultura Inclusiva e Accesible de Galicia
O desenvolvemento desta aplicación enmárcase no compromiso das administracións por traballar por unha cultura sen barreiras e cada vez máis inclusiva e accesible a todos os colectivos, tal e como se propón na futura Lei de Cultura Inclusiva e Accesible de Galicia, para a que xa está aberto o proceso de consulta pública.
Esta aplicación é a primeira ferramenta xurdida no marco do proxecto europea Erasmus+ ALLURE no que os países socios son Islandia (Centro Textil de Blönduósi), Portugal (Asociación Empresarial de Portugal), Polonia (Talleres culturais de Lublin) e España (Grupo de Tecnoloxías da Información da Universidade de Vigo e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade).
Todos eles son coordinados pola Xunta de Galicia como socio líder e co obxectivo de elaborar diferentes ferramentas que ofrezan unha experiencia inclusiva nos recursos e eventos culturais de maneira sinxela, rápida e personalizada para garantir unha cultura inclusiva e accesible desde a educación non formal.