O Salón Teatro, sede do Centro Dramático Galego, CDG, en Santiago de Compostela, será por segundo ano consecutivo o escenario do ciclo Quintas do Camões, que arranca hoxe baixo a organización compartida entre a unidade teatral da Xunta de Galicia e o Centro Cultural Portugués do Instituto Camões en Vigo. O programa deste ano volve poñer o foco nas raíces comúns dos idiomas galego e portugués, ademais de incidir no papel do teatro como espazo para o encontro cultural.
A primeira cita das Quintas do Camões celébrase esta tarde, ás 20.00 horas, coa presentación da Antoloxía do teatro galego contemporáneo, escolma en dous volumes e edición bilingüe publicada pola Cena Lusófona, asociación portuguesa para o intercambio teatral no ámbito lusófono. António Augusto Barros, director da colección na que se insire este título, contou co asesoramento de Ánxeles Cuña Bóveda, Dolores Vilavedra e Inma López Silva para esta recompilación a modo de percorrido pola escrita dramática galega desde os anos 70 do pasado século ata a actualidade.
Dez títulos
Para o primeiro dos volumes, seleccionáronse as pezas Un hotel de primeira sobre o río, de Xohana Torres, que subirá por primeira vez á escena profesional en 2023 da man do CDG; O aniversario. Cerimonia de laios e saloucos, de Euloxio R. Ruibal; Días sen gloria, de Roberto Vidal Bolaño; Cando chega decembro, de Manuel Lourenzo; As certezas de Ofélia, de Luisa Villalta; Lugar, de Raúl Dans, e Footing, de Gustavo Pernas Cora, ademais do ensaio introdutorio Historia dun futuro, por Dolores Vilavedra.
O segundo dos volumes xunta as obras As do peixe, de Cándido Pazó; Judite, de Marcos Abalde Covelo; Voaxa e Carmín, de Esther F. Carrodeguas; Nome: Bonita, de Vanesa Sotelo, e Ás oito da tarde, cando morren as nais, de AveLina Pérez. Esta última, editada previamente pola Xunta e Xerais como gañadora en 2018 do Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, foi levada a escena a pasada primavera polo CDG con dramaturxia de Marta Pazos.
Dúas funcións de Nuno Cardoso
Tamén esta semana, o Salón Teatro recibirá a Nuno Cardoso, director artístico do Teatro Nacional São João, no Porto, co monólogo Achadiço, que el mesmo escribiu, dirixiu e interpreta. Recoñecido como un dos máis destacados directores teatrais da escena portuguesa actual, Cardoso representará o mércores 26 e o xoves 27, ás 20,00 h., unha montaxe que toma o seu nome dun modismo de Canas de Senhorim, freguesía da que é orixinario. Achadiço refírese ao que non encaixa, substantivo que o creador se aplica a si mesmo e a este espectáculo, construído sobre un espazo-tempo improvisado que tampouco encontra unha clasificación ao uso e que nos introduce nun labirinto de referencias a partir da memoria propia e da compartida.
Xa en decembro, as Quintas do Camões presentarán en Santiago Calígula, una produción da Companhia de Teatro de Braga a partir da obra de Albert Camus con dirección escénica do galego Manuel Guede Oliva. A proposta, que subirá ao escenario do Salón Teatro o 1 de decembro, ás 20,00 h., deixa constancia dos paralelismos deste texto de 1944 coa actualidade.
As entradas para Achadiço están xa á venda en liña, onde proximamente poderán adquirise tamén as de Calígula, en ambos casos a un prezo especial de 3 euros para o alumnado das escolas de idiomas e para grupos escolares. Tamén estarán dispoñibles no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo das funcións.