O colectivo de artistas #ChamizoBelloVila alzouse co Premio do Público do II Certame 67 Graos Ourense Fervescénica, que se celebrou o pasado 18 de outubro no marco do Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO). A peza gañadora, Menú-Do Día, é o resultado dun work-in-progress comezado en decembro de 2021. Nesta nova entrega do proxecto, que cuestiona a realidade actual do colectivo LGTBIQ+, centrábase na pregunta “Se volvese nacer, elixiría ser homosexual?”.
Con esta cuarta entrega do proxecto en desenvolvemento, péchase xa este formato de creación. O Colectivo agarda que no primeiro semestre do ano 2023 se celebre a estrea absoluta da peza completa, grazas á axuda dos 500 euros do premio do Certame. Antes de pasar por este festival, xa estiveran na MITCFC de Cangas, o FIOT de Carballo e o Festival de Teatro Mínimo Ambulante na Fundación Luís Seoane.
Este colectivo está formado por Diego Chamizo, Alberte Bello e David Vila. Dentro de #ChamizoBelloVila non só existen persoas vencelladas ás artes escénicas senón tamén ás artes visuais, ao cinema, o deseño de moda, etc. É por iso, tamén, que a súa forma de crear nace da comunidade tendo uns firmes colaboradores artísticos que traballaban dende outros campos das artes (neste espectáculo colaboran Roy Galán e Ana Esmith-Miss Beige) e uns colaboradores sociais que proceden de asociacións e colectivos especializados no traballo dende as marxes.
O certame
Os demais proxectos seleccionados no certame, que obtiveron unha bolsa de creación de 250 € e que tamén foron amosados no Teatro Principal de Ourense o 18 de outubro, foron Primavera, de Ana Abad de Larriva; Subterránea, de Mónica Sueiro; Tempo, de Amanda Von Blank e Su-Misión, de Ainhoa Linaza.