Colectivo Glovo, afincado en Lugo, vén de recibir varios premios no Festival DZM de Cáceres. O Festival DZM xorde como consecuencia natural do crecemento do Danzamaratón iniciado en 2001 desde a Asociación Cultural Aula de Danza para visibilizar a creación que xurdía na Universidad de Extremadura, e que decide poñer en marcha este proxecto, xunto ao Gran Teatro de Cáceres.
A coreografía premiada foi Alleo, un dueto para rúa e espazos non convencionais estreada o 24 de abril de 2022 dentro do Programa ESCORA – A Coruña. Os galardóns recibidos foron varias programacións: para o Festival Gatadans 2023 en Madrid e a programación dentro da Noite do Patrimonio 2023 outorgado pola área de cultura do Concello de Cáceres.
Alleo foi unha das propostas seleccionadas para o Catálogo Danza a Escena 2023 e para o Certame Coreográfico de Madrid que se irá celebrar do 7 ao 10 de decembro de 2022 no teatro Conde Duque de Madrid. Alleo tamén foi seleccionado como espectáculo recomendado pola Comisión Asesora do Programa.cat 2023 de Catalunya e participará na xira que realiza o Festival Sólodos En Danza/Costa Rica no mes de novembro.
O espectáculo, coreografado e interpretado por Esther Latorre e Hugo Pereira, baséase na idea da atalaia e na posición privilexiada destas torres e de quen desempeñaba o papel da vixilancia. “Habitamos ambos corpos: o poder que outorgaba o coñecemento do descoñecido e do que estaba por vir así como a soidade desa posición e do peso do descubrimento do alleo”, sinalan dende a compañía.
“Todo comeza alí arriba, onde axexamos o que acontece e se rexistra o alleo do campo e do mar. Desde a miña posición apréciase a verdade; a torre é cálida, é laranxa. Os raios de sol fúndense nas fisuras e rompen baixo pedras rotundamente terreais. Aquela ardente soidade queima e destrúe o privilexio do axexo deixándonos no abandono ante a eterna inmensidade”, describe a sinopse do espectáculo.
- O Centro Ágora da Coruña acolle a I Mostra do Programa de Acompañamento á Creación Escénica (PACE) - 31/07/2026
- NOGA organiza a primeira edición das súas xornadas formativas de narración oral - 30/07/2026
- O Centro Coreográfico Galego coproducirá os novos espectáculos de Paula Quintas, VACAburra e SÖA - 28/07/2026



