O Festival Internacional Outono de Teatro, FIOT, de Carballo vén de botar o pano da súa 31ª edición co anuncio do espectáculo gañador do Premio do Público 2022. A obra Eclipse total, da compañía Pont Flotant, acadou a máxima puntuación entre as asistentes ao Programa de Sala, ao obter un 4,5 puntos sobre 5. A peza, cuxa estrea en Galicia tivo lugar no marco do FIOT o pasado 22 de outubro, enrédase nos fíos da memoria para cuestionar sobre como reaccionamos, como nos preparamos ante un feito irreversible como é a morte. A proposta, un xogo escénico de celebración da vida e ateigado da naturalidade e delicadeza que caracteriza o universo artístico da veterana compañía valenciana, e que reflexiona sobre o legado, a memoria e o misterio, obtivo a valoración máis elevada de todas as propostas.
Ademais de Eclipse total, tamén obtivo unha alta puntuación Silencio, de Avance PT e Entrecajas PT, con dramaturxia de Juan Mayorga e interpretación de Blanca Portillo; compañía que non concorría esta edición ao Premio do Público desta edición por recoller este ano Premio do Público 2015. Ao fío, o festival salienta o éxito da programación, xa que contou cun alto nivel de puntuación. As e os asistentes ao festival emitiron un total de 1429 votos e avalaron a programación de espectáculos cunha valoración moi positiva, sendo a media de 4,3651 puntos sobre 5.
A elevada aceptación do programa aconteceu tamén na sexta edición do Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, a liña de programación que promove a creación de pezas escénicas experimentais en espazos non teatrais e singulares de Carballo, e que contou cunha media de 4,18 puntos sobre 5. A obra merecedora do Mellor Espectáculo foi Menú-do día, do Colectivo #ChamizoBelloVila, con Alberte Bello como protagonista dunha peza que pon o foco nas violencias continuadas que vive o colectivo LGTBQI+. A obra, cuxa dirección e dramaturxia é do propio Bello e de Diego Chamizo, e que se puido ver o sábado 15, obtivo unha puntuación de 4,86 sobre 5 puntos. Menú-do día vén de gañar tamén o certame 67 Graos Ourense Fervescénica do FITO de Ourense. O Metro Cadrado tamén recoñeceu a Mellor Interpretación do certame. Nesta ocasión, o premio foi para Alba Nogueira, da compañía Cacharela Teatro, polo seu traballo na peza Actriz, chora, cuxa estrea absoluta tivo lugar o sábado 29 de outubro. Nogueira obtivo unha puntuación de 4,57 sobre 5.
Case 10 000 asistentes
A dirección do FIOT aproveita a publicación dos resultados da votación popular para destacar tamén “a excelente resposta das e dos asistentes ao festival”, con preto de 10000 persoas de diferentes idades e diversas procedencias nas diferentes funcións e actividades, e entre as destaca unha importante presenza de profesionais do sector escénico que se achegaron ata Carballo. En total, o programa de exhibición do FIOT contou con 6 839 espectadores nun ano no que o festival recuperou a súa estrutura característica habitual.
O FIOT31, que se volveu confirmar como cita de referencia das artes escénicas en Galicia, ofreceu total de 39 espectáculos que se representaron en 60 funcións enmarcadas en diferentes ciclos (Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa, FIOT en Ruta, Fiotiño, FIOTeen). Destas case 40 propostas, o festival acolleu 8 estreas absolutas, das cales dúas, ‘Wombo Combo’ e ‘Pirolíticos’, son coproducións do FIOT, e 9 estreas en Galicia. Ao longo das cinco semanas de programación, o FIOT contou coa participación de dúas compañías internacionais, procedentes de Italia e Arxentina, e de 8 comunidades autónomas (Galicia, Illas Baleares, Navarra, País Vasco, Madrid, Castela e León, Comunidade Valenciana e Cataluña).
A programación escénica completouse cunha ampla programación paralela con preto de 20 actividades, ás que asistiron ou nas que participaron máis de 3000 persoas, e que incluíu accións teatrais en institutos de Carballo da man da compañía Galeatro, dúas exposicións no Pazo da Cultura (‘Zoom FIOT 2021’ e ‘Trinta anos de Mofa e Befa’), xornadas profesionais, que se pecharán o vindeiro 20 de decembro co encontro de Escena Galega, a celebración dunha nova edición do Concurso Escolar de Teatro Lido, cuxa gala final terá lugar o domingo 13 de novembro, ou mesmo o recoñecemento do Xograr de Outono 2022 a Evaristo Calvo.
Novas iniciativas dixitais
Nesta 31ª edición, o FIOT xerou unha nova iniciativa dixital, coa intención de afondar na exploración do teatro sonoro e dos vínculos entre as artes escénicas e as novas tecnoloxías. Baixo a denominación ONDA FIOT, o festival agrupou os diferentes proxectos que agromaron estes anos ao abeiro do certame coa intención de configurar, paseniño, un novo programa que expande a relación entre o teatro e os novos formatos e escenarios dixitais. Neste sentido, a web do FIOT recolle as obras gañadoras das últimas edicións do Concurso de Teatro Lido, mais tamén as obras do FIOT Fónico producidas polo festival en 2020 e 2021 -‘A lúa, válvula de spray’, e ‘O espello que arde’-, ou a recuperación da Escola do Espectador, á que lle deu unha volta para adaptala ás novas tecnoloxías, afondando así na aposta do festival por vincular as artes escénicas co novo escenario dixital.
Concurso Teatro Lido
Por outra banda, o FIOT celebrará o domingo 13 de novembro a gala final e acto de entrega de premios do XXI Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís, no que as nenas e nenos de 13 centros escolares da comarca de Bergantiños levan o teatro ás casas a través das ondas radiofónicas. Nesta edición, o certame conta coa participación de 216 persoas, agrupadas en 31 colectivos.
Todas as iniciativas participantes pódense ver ou escoitar na canle de Youtube do FIOT. Un xurado escollerá as propostas finalistas, que tamén se poderán escoitar ao vivo o día 13 no auditorio do Pazo da Cultura. Delas sairán as gañadoras da nova edición dun certame que procura achegar, dun xeito próximo e entretido, a lectura dramatizada ás novas xeracións.
Por último, a dirección do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo quixo agradecer o acompañamento e colaboración das diferentes institucións que fan posible o desenvolvemento do festival (Concello de Carballo, Xunta de Galicia a través da Agadic, Deputación da Coruña, Ministerio de Cultura y Deporte a través do INAEM, Fundación Luis Calvo Sanz); así recoñecer o labor do seu equipo de voluntariado e agradecer, especialmente, a presenza, compromiso e entrega “do corazón do FIOT”: o seu público.