Imaxe Artigo Pablo 27 |
Persoa facendo un debuxo baixo a neve en Tallin, Estonia. Imaxe: Ethan Hu
in

Sobre pertencer adecuadamente

Palabra: Confianza (substantivo feminino): Sentimento de seguridade e tranquilidade do que confía en alguén, en algo ou en si mesmo.

Música: Rebel Rebel, David Bowie. 1974

Fotografía: Persoa facendo un debuxo baixo a neve en Tallin, Estonia. Imaxe de Ethan Hu.

Xa era outono e polo tanto chovía. A noite anterior estivera de tormenta. Non fora unha cicloxénese explosiva, pero amencera con ramas arrincadas, vallas dobradas e todo tipo de pequenos danos.

A vida profesional de cada un é bastante impredicible. Plans a longo prazo, poucos, e tal vez certa idea do medio prazo. En xeral, nas artes vívese ó día e tirando. Supoño que por iso hai que ter sempre as portas e a mente abertas.

Vivindo nunha profesión de rumbo indefinido, os destinos son, ocasionalmente, inesperados. Ou tal vez non tan ocasionais. Depende, imaxino, do aventurismo de cada un.

Dende hai un tempo veño reafirmando a necesidade de apostar sempre pola calidade humana fronte a calidade artística. Quedeime no teatro pola xente e non foron poucas as ocasións en que pensei en deixalo precisamente polo mesmo.


Publicidade

E logo hai outro asunto, que é a denominada zona de confort. Chámanlle así a ese lugar onde un está cómodo e seguro. Un lugar coñecido, onde ou ben hai pouco risco ou precisamente por iso se pode arriscar a hora de decidir.

Pero tamén é certo que a vida pasa e mortalidade sempre pon en perspectiva o risco. Vamos, que o drama da finiquitudehumana chama pola aventura. Xa dicía Heidegger algo sobre iso e as posibilidades.

Total, que agradezo que a vida me sacara dese lugar xa coñecido e me zapateara cara a outros lados menos explorados até o de agora.

Volvendo a aquela noite tormentosa. Eu escoitaba os tronos e pensaba no incerto que é aventurarse nun proxecto fóra do habitual, do coñecido, do cómodo, do seguro. Mais séntese como necesario beber de outras augas para manter o interese nun mesmo. Quero dicir con isto que se nos abandonamos ó cotiá, a creatividade, a frescura e, incluso, o rebelde, tamén se abandona.

E que é a rebeldía? Podemos rematar intentando responder a isto. A rebeldía a finais do 2022, que significa? Significa apoiar o diferente? Tratar ben ó outro? Ir ó teatro? Ver cine independente? Non mercar en grandes cadeas?

Igual a palabra xa non ten sentido. Igual con tratarnos ben, saber entendernos e aprender a rir xuntos xa o temos. Podemos probar.

Pablo Carrera Simón

Pablo Carrera Simón

(Vigo, 1991) Master en Artes Escénicas polo Instituto de la Danza Alicia Alonso & URJC. Graduado en Interpretación Textual e Dramaturxia pola ESAD de Galicia. É un dos fundadores da Asociación Galega de Commedia dell'Arte. Actor, docente e condutor de furgonetas, o que sexa necesario. As palabras fante conservador ou revolucionario. E nesas andamos.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

313416203 543924421069107 5115892163292050336 n |

Os grupos Palimoco e Vórtice Escénico gañan o primeiro premio do Xuventude Crea 2022

Pont Flotant

‘Eclipse total’, de Pont Flotant, obtén o Premio do Público do FIOT