Laboratorio Escénico Coop, o espazo de formación e creación escénica dirixido por Carmen Cotelo, Alba Fernández e Alejandro Varela no barrio coruñés de Montealto, celebra o 19 de novembro, a primeira edición de Tarde de Danza: un programa triplo de tres pezas curtas, que poñen o peche a unha xornada con dous obradoiros intensivos de movemento.
A danza contemporánea mestúrase co flamenco no caso do bailarín estremeño Álvaro Murillo, quen presenta a súa peza 8 km en mula. Na mesma xornada do día 19, de 11:30h a 14:00h, Murillo impartirá un obradoiro intensivo baixo o título “Lo contemporáneo del flamenco” no que se propón adaptar o movemento contemporáneo aos sons, movementos e conceptos asociados xeralmente ao mundo do flamenco. A tamén estremeña Irene Naranjo presenta Transflorar, un solo de danza contemporánea que xoga co reflexo, a observación e o cambio para visibilizar os procesos de transformación corporal e reivindicar o movemento como movemento social. Irene Naranjo conducirá o segundo dos obradoiros intensivos da xornada, de 16:00 a 18:30h, no seu caso enfocado no traballo arredor do “Movemento contemporáneo”, que propón investigar o adestramento fluído e a combinación de movementos para xerar a máxima dispoñibilidade e a atención multifocal que permiten chegar a un corpo escénico. Por último, a galega Alba Fernández, socia do Laboratorio Escénico, presentará a premiada peza ON, coreografía da cía. Exire de danza urbana e contemporánea que codirixe xunto a Estefanía Gómez.
A entrada ao programa Tarde de Danza, cun prezo de 8 € (5,50 € para o alumnado dos talleres de Laboratorio Escénico Coop), pode reservarse enviando un correo a [email protected]. A inscrición aos obradoiros intensivos está aberta a persoas con maior ou menor experiencia previa danza, e pode solicitarse información e reservar matrícula a través do mesmo correo.
8 km en mula, de Álvaro Murillo
“Unha crónica de sucesos, un feito real ocorrido a noite do 22 de xullo de 1928 no Casarío do Fraile en Níjar, Almería, serviu como inspiración a Federico García Lorca para a creación da súa obra “Vodas de Sangue”. Un amor prohibido nunha sociedade que garda as aparencias. Unha forza instintiva que tende á unión irracional opoñéndose, sen buscalo, ao convencionalismo social.
O corpo utiliza a linguaxe da danza para contar unha historia de amor maldito. Unha crónica danzada da obra, unha versión flamenca da historia.”
ON, de Cía Exire (Alba Fernández)
“De súpeto, un só dedo acende cada parte do meu corpo. A súa enerxía leva ás miñas vísceras a experimentar unha sacudida tan potente como a forza mínima que provoca violentos furacáns. Convídoche a entrar no meu corpo sen ter compaixón. Entras e percorres, observas, explosionas. Ven, ven… Arrola o meu corpo, para que se mova diferente e me transporte a outro lugar.”
Transflorar, de Irene Naranjo
“Dito dunha cousa: transparentarse ou deixarse ver a través doutra. Durante anos relacionouse a imaxe das persoas trans con ambientes marxinais e prostitución. Afastarse deses estereotipos é unha necesidade e, para iso, é necesario mostrar ás persoas trans formando parte de contextos culturais, cerimoniais ou domésticos nos que desenvolven as súas vidas cotiás para acabar coa transfobia, homofobia e misoxinia. Con esta obra preténdese facer visible a democratización do xénero a través do reflexo, da observación e o cambio. A transformación corporal como feito artístico, o movemento como movemento social, a linguaxe do corpo como representación dos momentos de autobservación das persoas que cambian.”