in

El viento es salvaje

Confeso disentir

Imaxe de Ángela de la Torre.

Confeso disentir.

Confeso que o teatro é a miña paixón e que, porén, hai veces que non me gusta o que vexo enriba do escenario. O meu compromiso coa erregueté ǀ Revista Galega de Teatro ten que ver cun activismo que me leva a escribir unha crónica activa das propostas escénicas que chegan ás táboas galegas e ás que podo asistir, independentemente do meu gusto por elas.

Mais tamén confeso que non todos os espectáculos que vou ver espertan as miñas ganas de escribir, nin de reflexionar. Nin todos me gustan, nin teñen por que me gustar. A crónica espectacular vai máis alá de gustos persoais e en todas as pezas podemos atopar elementos para comentar, aínda que non nos apeteza.

Confeso tamén que hai veces nas que o favor do público xeral e o meu criterio persoal disenten de xeito radical. É neses momentos nos que me pregunto polo que está a acontecer e tento facer unha análise máis alá da miña experiencia persoal, enfocándoa nos motivos que poden espertar ese beneplácito público e ao mesmo tempo, o meu desencanto particular.

Así aconteceu coa chegada de Las Niñas de Cádiz ao Auditorio Municipal do Concello de Vigo, dentro da programación de Vigocultura, para presentar aquí a súa famosa peza El viento es salvaje. Unha obra que vén precedida dunha chea de premios, dende o Premio al Mejor Espectáculo Revelación nos XXIII Premios Max (2020), o Premio Ángeles Rubio-Argüelles do Festival de Teatro de Málaga (2022) ou o Premio do Público da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas do Morrazo (2021), entre moitos outros. Galardóns que falan do favor de crítica e público, sen dúbida.

El viento es salvaje ou Fedra y Medea en Cádiz é unha comedia que actualiza as traxedias de Fedra e Medea como mulleres gaditanas de hoxe en día. Baseándose nos elementos máis propios da cultura andaluza e en concreto, da idiosincrasia gaditana, cóntannos a historia de dúas amigas: unha guapa e unha fea. Unha, agraciada non só no físico senón en todos os aspectos da vida, dende ben pequena. A outra, desgraciada dende o seu comezo. Mais, mediante a intervención dos deuses, a unha cambiará a súa boa sorte pola da outra, e aí comeza a traxedia. A esaxeración e o contraste entre estes dous personaxes é un dos elementos que favorecen a comicidade, ademais do traballo na fisicidade grotesca e a explotación dos tópicos do folclore local.

Partindo dunha dramaturxia propia e escrita en verso de xeito que por veces nos lembra as rimas dunha chirigota, firmada pola mesma directora e actriz da compañía, Alicia López Segovia, chegamos a unha historia enfocada na gargallada doada a través da graza, da broma escatolóxica e da ridiculización dx desfavorecidx, de xeito que un non pode evitar lembrarse dos chistes que contaba Arévalo no Un, dos, tres nos anos 80.


Publicidade

Mais nesta actualización, de Fedra e Medea queda pouco. Podemos recoñecer a primeira no amor case incestuoso polo fillo da amiga, e a segunda na súa imparábel sede de vinganza cando descobre que todas as súas desgrazas teñen como factor común á súa antiga mellor amiga.

Encamiñadas sen remedio cara ao desenlace fatal, as dúas amigas acaban esnaquizándose mutuamente, para divertimento do público. Unha vez sementado o escenario de corpos mortos e vísceras varias, as actrices recollen os seus cachifallos tal e como chegaron á escena, cambiando entón de rexistro, no que queremos entender un certo distanciamento crítico a todo o que nos acaban de presentar. Mais esa mirada posicionada non aparece durante o resto da peza.

No fondo do discurso de El viento es salvaje atopamos conivencia cun sistema heteropatriarcal que fai que agridas e mates a túa mellor amiga por “roubarche” o home ou deitarse co teu fillo, que apostes pola caridade en troques de atender á falta de autoestima, ou que creas que ter sorte na vida é ter parella e familia, por exemplo. Non hai unha outra lectura que nos axude a entender como chegaron estas mulleres ata aí ou por que aceptan ese sistema opresor da “sorte da bonita”, máis alá do fatum anunciado polo aturuxo sinistro do afiador ou o vento de levante, ese “vento salvaxe” que dá título á peza e que fan coincidir coa música de Nina Simone no remate.

A posta en escena é sinxela e efectiva, con moi poucos elementos escénicos que entran e sacan as mesmas actrices, combinando artes autóctonas como a chirigota ou a copla con outros que nos remiten á traxedia clásica, como o estupendo traballo de coro. Do mesmo xeito, as catro actrices xogan unha expresividade oral e corporal moi afinada, especialmente na forma de dicir o verso e na esaxeración das posturas corporais, redundando así na comunicación cómica e directa co público.

Con todo, non podemos evitar comparar unha proposta como esta con outras semellantes que temos máis a man, como poden ser as de Chévere coas súas Fillas bravas ou A Panadaría con Elisa e Marcela ou a súa recente As que limpan. Empregando tamén unha sinxeleza nos elementos escénicos (unha cadeira, unha cortina, unha pandeireta ou unha escobiña do váter), así como unha forte referencia á cultura propia e identitaria, e facendo igualmente comedia, presentan espectáculos que non deixan de provocar a gargallada mentres critican á sociedade e as nosas incongruencias, lugar onde atopan, precisamente, o absurdo preciso para crear as súas pezas. É así que favorecen a nosa reflexión empregando o humor como ferramenta.

Obviamente non estamos todxs de acordo, e así o público que se achegou a ver a Las Niñas de Cádiz remata en ovación fervorosa e en pé, mentres eu pregúntome como podemos entender un mesmo espectáculo de xeitos tan diferentes.

El viento es salvaje, Las Niñas de Cádiz

Actrices: Alejandra López, Alicia Rodríguez, Rocío Segovia, Ana López Segovia
Dirección: Ana López Segovia (coa colaboración de José Troncoso)
Axudante de dirección: Alicia Rodríguez
Texto: Ana López Segovia
Espazo sonoro: Mariano Marín
Vestiario: Miguel A. Milán
Xastra: Mayka Chamorro
Fotografía: Susana Martín
Deseño de iluminación: Agustín Moza
Auditorio do Concello, Vigo. 28 de outubro de 2022.

Avatar

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Petróleo de Piel de Lava

Petróleo

Premios da critica de Galicia

Entre as luces de Vigo, a de N.E.V.E.R.M.O.R.E.