Este ano tocoume volver estar no xurado dos Premios da Crítica de Galicia, na modalidade de Artes Escénicas. En 2019 tamén estiven e fiquei moi satisfeito, porque foi o ano en que, por primeira vez na historia destes prestixiosos galardóns, levaba o Premio unha coreógrafa, Rut Balbís. Aquel premio era unha ledicia polos méritos artísticos da gañadora, pero tamén unha sorte de xustiza histórica, ou de compensación simbólica, por todo o tempo no que a danza estivo, e continúa a estar, marxinada na nosa cultura.
Nos XLV Premios da Crítica de Galicia 2022, na modalidade de Artes Escénicas, un xurado composto pola actriz Rosa Álvarez, a directora da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, María Armesto, o actor Xosé Leis, a actriz Sabela Hermida Mondelo e os dramaturgos e colegas do Consello de Redacción da erregueté, Esther F. Carrodeguas e Ernesto Is, escollemos como finalistas ao creador Diego Anido, á compañía de monicreques Tanxarina e á peza N.E.V.E.R.M.O.R.E do Grupo Chévere, sendo esta última a que acadou o Premio.
N.E.V.E.R.M.O.R.E non só é un espectáculo de teatro documental cunha dose autobiográfica ou de autoficción, porque os propios membros do grupo participaron, como activistas, na denuncia e nos traballos contra aquela catástrofe ecolóxica, xerada polo afundimento do petroleiro Prestige. Ademais, trátase dun evento artístico de grande relevancia sociopolítica. N.E.V.E.R.M.O.R.E foi unha coprodución do Centro Dramático Nacional do Estado e estivo nalgúns dos teatros principais, como o Lliure, mobilizando emocións e pensamentos.
Alén desa revisión do momento histórico, no que o buque Prestige afunde e de todas as implicacións que iso supuxo, o grande fito, desde o meu punto de vista, é a consecución da emoción estética. A factura plástica do dispositivo escénico e a riqueza do espazo sonoro, nesa dimensión sempre tan lúdica, crítica e humanista, que caracteriza os traballos de Chévere, son os ingredientes que nos ensinan a conxugar ética con estética. Un mérito aínda maior, o da emoción estética, se se ten en conta a carga política, no que atinxe á memoria histórica, cando se cumpren, xustamente, 20 anos daquel nefasto suceso.
Todo o que podemos desfrutar e aprender con N.E.V.E.R.M.O.R.E é algo que temos que agradecer. Na miña opinión, en xeral, as artes escénicas, cando funcionan, ilumínannos, fannos medrar a moitos niveis.
Este sábado 19 de novembro, cando saiamos do Centro Social Afundación de Vigo, onde se celebraba a gala dos Premios da Crítica de Galicia, comezaban a valar as rúas do núcleo da cidade para outro gran espectáculo, protagonizado por Abel Caballero, o alcalde, o acendido das luces do Nadal.
Un espectáculo de masas, grazas á enorme promoción que o Concello de Vigo lle deu, a través de todos os medios de comunicación e da publicidade que puxo en moitas cidades do Estado español.
A iso das 19h., eu, que vivo no centro, tentaba ir adestrar ao ximnasio. Pero, para iso, tiña que esquivar o camiño directo, o Sireno e Príncipe, e buscar unha ruta alternativa. Aínda así, había policía e voluntariado cortando o paso aos peóns tamén nas rúas adxacentes. Polo cal tiven que facer un bo rodeo. Supoño que todo o centro estaría atestado de xente e, por razóns de seguridade, xa non deixarían pasar a ningunha persoa máis. Pero, xa se sabe que, nestas ocasións, ninguén te informa nin che dá explicacións, toca obedecer e punto. A iso xa nos acostumaron, con algunhas das prohibicións xenéricas durante os confinamentos da pandemia e todos os protocolos que se aplicaban sen reflexión nin cuestionamento. Aínda que a súa aplicación puidese ser contraproducente, ilóxica ou mesmo ridícula. Por exemplo, unha persoa camiñando soa polo medio dun monte cunha máscara, para non contaxiar nin ser contaxiada polas xestas, os toxos e as árbores. Trátase de dar luz ou de burrificar?
Así que ía eu para o ximnasio, facendo un rodeo, e observando como moitas persoas e familias, baixo a chuvia, corrían para poder chegar a tempo ao espectáculo do acendido das luces. Pola megafonía xa se escoitaba falar ao protagonista. Tiven tempo de escoitar unha frase en castelán: “Vigo, os queremos”, que me encheu de vergonza allea. Miles de persoas abarrotando o centro de Vigo, baixo a chuvia e ao frío, escoitando aquel discurso de grandes valores estéticos e éticos e agardando a que se acendesen miles de luces eléctricas (11 millóns de luces) enriba das súas cabezas. Miles de persoas facéndose fotos con adornos de plástico recreando clixés do Nadal e a cidade convertida nunha especie de parque temático.
Toda a grande promoción institucional e dos medios de comunicación, que non lle prestan ás artes escénicas, posta neste espectáculo de luces e clixés. Unha sobredose que convida á xente a vir a Vigo, a pasmar e a consumir.
Difícil pensar con tal sobredose de luces e decibelios. Se cadra porque pensar e consumir non acaban de casar del todo e a aposta que se fai desde arriba é que consumamos. Miles de persoas, este sábado, en Vigo, facendo o que se lles indica, celebrando a grande festa do consumo.
O sistema económico e de benestar parece que aínda non encontrou outro xeito de garantía máis ca este, tan lesivo a nivel intelectual e ecolóxico. Pido desculpas por escribir o que penso, pero a min, que me gustan as luces e a festa como a calquera, esta apoteose e este desequilibrio, parécenme un monumento ao mal gusto e unha paletada. Creo que o selo de prestixio e atracción dunha cidade civilizada e avanzada, quizais, debería ser outro. Sería marabilloso que as luces non só fosen vatios de potencia a cegarnos o entendemento e manternos nunha ledicia superficial, baseada no consumo.
Sería fermoso que o espectáculo das luces tamén alimentase a nosa sensibilidade e que as endorfinas xeradas, en vez de anestesiar o noso espírito crítico o animasen, facéndonos crecer. Algo semellante ao que fai N.E.V.E.R.M.O.R.E., nesa demostración de que a estética e a ética poden camiñar xuntas para facernos felices desde o coñecemento.