O sábado 19 de novembro, no decurso dun acto na sede de Afundación de Vigo, deuse a coñecer o ditame da XLVª edición dos Premios da Crítica de Galicia nas súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais e Cultura Gastronómica.
O xurado desta edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Artes Escénicas, formado por Rosa Álvarez, actriz, pioneira do teatro profesional galego; María Armesto, directora da Mostra Internacional do Teatro Cómico e Festivo de Cangas; Afonso Becerra, director da erregueté gañador de edición anterior; Esther Fernández Carrodeguas, dramaturga, actriz e directora; Ernesto Is, dramaturgo; Xosé Leis, actor e director e Sabela Hermida Mondelo, actriz e investigadora, secretaría en representación dos Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Diego Anido; N.E.V.E.R.M.O.R.E de Chévere e Compañía Tanxarina.
Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unamidade o premio a N.E.V.E.R.M.O.R.E de Chévere. O xurado salientou a honestidade e sinestésica maneira de recuperar un dos episodios máis negros da nosa historia recente. Chévere traballa dende a autorreferencialidade, elevando as táboas as historias propias, as de veciños e veciñas. A iconografía e mesmo os elementos gardados nas propias caixas negras dos fogares, idea coa que se xoga na proia caixa negra do teatro. A compañía Chévere reforza en N.E.V.E.R.M.O.R.E a súa liña pioneira de teatro documento, do teatro sociopolítico con grande impacto social, causando sempre a plena comuñón co público.