Durante os días 1, 2, 3 e 4 de decembro Pontevedra vaise encher de cultura reivindicatica coa segunda edición do Festival Guerrilla. Un espazo de encontro das loitas sociais históricas a través da cultura. Este ano, os eixos temáticos principais das xornadas serán a educación durante o franquismo, a censura musical na dictadura e a loita do pobo saharauí. En cada unha das xornadas prográmase un faladoiro para conversar e reflexionar sobre estes temas con persoas expertas e un espectáculo comprometido de peche.
Nesta segunda edición de Guerrilla pasarán espectáculos como Encerrona de Pepe Viyuela, Grándola de mi querer de Luís Pastor, ou a obra teatral As Alumnas, con Anabell Gago e Mónica Caamaño e baixo un texto de Paula Carballeira. Ademais, o domingo haberá unha gala de peche a prol do pobo saharauí onde estarán artistas como Uxía Senlle, Yslem Hijo del Desierto, Dakidarría ou Isabel Risco.
Na rolda de prensa, durante a que se desvelou a programación completa do Festival Guerrilla 2022, estiveron presentes Nacho Fungueiriño, coordinador da iniciativa; Carmen Fouces, Concelleira de Cultura de Pontevedra e a actriz Mónica Caamaño.
“Este proxecto nace para perseguir a utopía a través da cultura. Unha cultura comprometida, alternativa, revolucionaria, de resistencia e accesible a todo o mundo. En definitiva, unha cultura guerrilleira”, afirma Nacho Fungueiriño, coordinador da iniciativa, impulsada polo Concello de Pontevedra e Culturactiva S. Coop. Galega. Ademais, dende a organización destacan que Pontevedra é o lugar perfecto para acoller este proxecto, pois a vila é un exemplo de resistencia a nivel cultural e social en Galicia.
“O obxectivo de Guerrilla é pór en valor as loitas sociais e culturais históricas que se artellaron no noso país e demostrar que non están mortas” din dende Culturactiva. “Guerrilla é o vivo exemplo de que dende todos os recunchos de Galicia e do resto do mundo estanse a facer pequenas accións culturais para construir unha sociedade xusta para todos e todas”, conclúen.