O sábado 26 de novembro terá lugar a VII Xornada da Sección de Literatura Dramática. Os retos das artes escénicas en tempos difíciles. Esta actividade, organizada pola AELG, celebrarase no Centro Ágora da Coruña.
Estas xornadas buscan tomarlle o pulso á creación escénica contemporánea e aos retos fronte a esta época, marcada pola pos-pandemia e a crise derivada, á que se suma a guerra en Ucraína. A maneira de abordar isto vai ser a través do V Festival Pezas dun teatro do Porvir que procura presentar, analizar e debater propostas escénicas que se están a ensaiar e a crear neste momento en Galicia e Portugal. Un encontro que busca impulsar e analizar pezas que están en proceso de creación e que buscan abrir e compartir ese proceso con outras persoas, cun público, e con especialistas en artes escénicas.
Ademais, a programación contempla unha masterclass sobre os retos das artes escénicas e que contará co director artístico do Centro Cultural Vilaflor de Guimarães, Rui Torrinha, responsable da dirección e programación de varios espazos fundamentais e de renome internacional.
As Xornadas da Sección de Literatura Dramática da AELG naceron con vocación de poñer en foco unha das manifestacións artísticas máis senlleiras e estratéxicas dun sistema literario e dunha cultura de seu. Esta actividade, organizada pola AELG, conta coa colaboración do Concello da Coruña, Deputación Provincial da Coruña, CEDRO e a complicidade do Centro Cultural Português Camões de Vigo.
V FESTIVAL PEZAS DUN TEATRO DO PORVIR 2022
O Festival de Pezas, tenta servir como viveiro e estímulo para as creadoras e creadores que están a escribir ou a bosquexar algún tipo de peza para os palcos. Así, con esta actividade, a AELG tenta facilitar, visibilizar, abrir espazos de encontro para compartir eses procesos de creación e para encontrar unha complicidade e un diálogo que poida potenciar esas pezas en construción. Ademais, a asociación de escritores galega quere procurar o diálogo coas inquedanzas que comparten coas dramaturgas e dramaturgos de Portugal, reforzando os lazos de irmandade coa comunidade veciña.
A quinta edición do festival acolle 7 proxectos galegos e portugueses, que serán amosados e compartidos en público. Artistas como Constance Hurlé, Amparo Martínez, Ana Abad de Larriva, ChamizoBelloVila, Pablo Alvez, Rita Pinheiro, David Alonso ou María de las Llanderas concorren nesta edición a un premio que inclúe a estrea da peza nos espazos teatrais da Coruña.
O xurado que decidirá o premio, está composto por profesionais entre os que se atopan Xosé Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía de Castro da Coruña, e Célia Guido Mendes, directora do Centro Cultural Português Camões de Vigo.
Unha programación centrada na creación
O evento comeza ás 10.30 horas do sábado 26 coa sesión de apertura, no Centro Ágora da Coruña e contará con acceso libre e gratuíto.
– 11:00 h. Sala 8. Primeira proposta escénica. Miña pequena, de Constance Hurlé.
– 11:35 h. Sala 9. Segunda proposta escénica. Menú-do-dia, de ChamizoBelloVila.
– 12:10 h. Sala 8. Terceira proposta escénica. Domitila, de Amparo Martínez Paz.
– 12:45 h. Sala 9. Aula maxistral a cargo de Rui Torrinha. Director artístico do Centro Cultural Vilaflor de Guimarães (Portugal).
– 16:30 h. Sala 8. Cuarta proposta escénica. Anarquiteturas do saber, de Pablo Alvez Artinprocess.
– 17:05 h. Sala 9. Quinta proposta escénica. Primavera, de Ana Abad de Larriva.
– 17:40 h. Sala 8. Sexta proposta escénica. Lista das Coisas Infinitas que Nunca Farei, de Rita Pinheiro.
– 18:15 h. Sala 9. Sétima proposta escénica. O que é o raio, nin maldita idea, de Souvenir (David Alonso e María de las Llanderas).
– 18:50 h. Deliberación, por parte do Comité de Selección do Festival, presidido por Xosé Paulo Rodríguez, Director do Teatro Rosalía Castro da Coruña e Membro da Xunta Directiva de La Red do Estado español.
– 19:25 h. Sala 9. Comunicación da resolución do Premio do V Festival Pezas dun Teatro do Porvir, Galiza + Portugal 2022.