in ,

As vivencias e historias da veciñanza soben a escena no peche de Facer Memoria 2022

O acto de despedida celebrase en Teo baixo a dirección de Paula Carballeira e Chiqui Pereira de Berrobambán

Facer Memoria Berrobanbán
Paula Carballeira na primeira edición de 'Facer Memoria'.

A compañía Berrobambán despide o domingo 27 de novembro en Teo a segunda temporada de Facer Memoria, un proxecto escénico e vivencial no que se dilúen os límites entre escenario e patio de butacas, de xeito que se lle brinda voz ao público para contar no teatro as súas lembranzas. A iniciativa, que conduce a dramaturga e narradora oral Paula Carballeira baixo a dirección de Chiqui Pereira, desenvolveu en cada municipio que participou nesta iniciativa, un programa de actividades. As principais liñas de acción pasaron por manter entrevistas individuais con veciños e veciñas que queiran compartir as súas experiencias vitais, xuntanzas abertas nos centros sociais, reunións con escolares que teñan traballado na aula a recuperación da memoria local dende calquera perspectiva e, finalmente, un encontro-espectáculo no que participen as persoas entrevistadas.

No caso de Teo, este encontro de peche celebrarase o domingo 27 de novembro, ás 17.30 horas no Auditorio Constante Liste da Ramallosa. A entrada será de balde e nela condensarase a experiencia de Facer Memoria en Teo, onde protagonizou ao longo da semana encontros coa veciñanza en lugares como o Local da Asociación Recreativa e Cultural dos Tilos ou a Casa Común de Oza.

Creación comunitaria e tradición oral

Facer memoria, proxecto que conta co apoio da Deputación da Coruña a través da liña de axudas a Proxectos Singulares de Especial Interese Cultural na Provincia da Coruña, parte da tradición oral, da creación comunitaria e da descuberta colectiva para desenvolver un proceso que desemboca nun encontro-espectáculo no que a veciñanza participante intervirá sobre as táboas.

Os obxectivos principais de Facer Memoria pasan por coñecer a historia dos lugares que habitamos e a nosa contorna directa, recuperar a memoria oral, conservar a lingua e darlle valor á memoria individual como paso previo para reconstruír a memoria colectiva. Para acadar estas metas, establécense sinerxías e técense redes de colaboración con asociacións e entidades locais dos diferentes municipios polos que xirou este proxecto de Berrobambán nesta segunda temporada: Mañón, Carballo, Outes e Teo.


Publicidade

Escena, imaxe e ‘podcast’

Nesta segunda edición, Facer Memoria tamén espalla o seu campo de acción ao son e á imaxe, xa que todas as entrevistas serán gravadas. Con este material, desenvolverase unha peza sonora, en formato de podcast, na que se recollen algunhas das historias contadas pola veciñanza para ampliar a súa difusión. Ademais, artellarase unha peza audiovisual a xeito de resumo da actividade de Facer Memoria en Teo.

Este proxecto de Berrobambán arrincou no ano 2021, cunha primeira xira desenvolvida ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais do Xacobeo 21 da Xunta. A compañía traballou daquela neste formato colaborativo ao redor da recuperación  da memoria e a tradición oral nos concellos de Viveiro, Fene, O Barco de Valdeorras e A Estrada

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Karelu e O charco de Ulises Premios Florencio Uruguay

Dúas montaxes galegas optan a mellor espectáculo internacional da crítica de Uruguai

Teatro infantil ou teatro familiar

Existe o teatro infantil?