in ,

Comezan os ensaios de ‘Un hotel de primeira sobre o río’, a produción do CDG

María Torres e Gonçalo Guerreiro asumen a dirección artística desta obra de Xohana Torres

María Torres e Gonçalo Guerreiro dirixen Un hotel de primeira sobre o río de Xohana Torres
María Torres e Gonçalo Guerreiro dirixen 'Un hotel de primeira sobre o río'. Foto: CDG

O Centro Dramático Galego en Santiago de Compostela acolle estes días a primeira quenda dos ensaios de Un hotel de primeira sobre o río, baixo a dirección artística de María Torres e Gonçalo Guerreiro. Esta nova produción chegará aos escenarios a próxima primavera, no que será o primeiro espectáculo profesional a partir deste texto de Xohana Torres, recoñecido co Premio Castelo en 1968.

O Centro Dramático Galego convidou os fundadores da compañía galega Elefante Elegante para se poñer á fronte desta montaxe, coa que se reivindica ademais a relevancia e a vixencia da obra dramática desta gran autora, figura transcendental da literatura galega contemporánea.

Contan para tal fin cun elenco de sete intérpretes, seleccionados a partir das audicións que a compañía pública levou a cabo a primeiros do pasado mes de setembro: Merche Pérez, Iván Davila, Raquel Espada, Sofía Espiñeira, Nicolás Otero, Pablo Sánchez Pérez e Lidia Veiga. Deles destacan ambos os directores a súa gran capacidade tanto a nivel físico como interpretativo e mesmo musical.

Vixencia temática e estilística

A especulación urbanística, a depredación do medio natural ou o desarraigo son algúns dos temas arredor dos que xira Un hotel de primeira sobre o río, que desprega en tres actos a historia de Ruth, quen vive e traballa nun val afectado por un proxecto urbanístico para construír un hotel con área recreativa. Como sinala María Torres, ademais da súa pertinencia en canto á actualidade temática, esta produción busca recoller o espírito e a beleza da escrita de Xohana Torres, “tan galega e, ao mesmo tempo, tan universal”.


Publicidade

Ensaios de 'Un hotel de primeira sobre o río'. Foto: CDG
Ensaios de ‘Un hotel de primeira sobre o río’. Foto: CDG

Gonçalo Guerreiro estase a encargar tamén do deseño da escenografía, a través da que se buscará reflectir un espazo simbólico entre a realidade e a imaxinación da protagonista, entre os seus soños e os seus medos.

Esta primeira xeira de ensaios estenderase ata finais desta semana, para dar paso a continuación aos dos diferentes equipos das catro pezas que conformarán o espectáculo Shakespeare en Roma que, xunto con Un hotel de primera sobre o río e o xa estreado Recortes, caneos e outras formas de driblar, integra o plan de produción do Centro Dramático Galego da Xunta de Galicia para a presente temporada 2022-2023.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Meiga-i cun micro na man e o público de fondo no Agrocuir

Criaçom de comunidade no Festival Agrocuir

Jose Luis Baños de Cos, Ana Carreira, Fernando Castro Paredes e Eva Mejuto. Premios Literatura Dramática Xunta de Galicia

Os Premios de Literatura Dramática xa teñen gañadores