in ,

Iphixenia: unha nini de barrio na multipremiada obra que ensaia Compañía Humana

Sara Rey dirixe a Alba Caneda nesta obra premiada como mellor texto teatral de Reino Unido no 2015

Iphixenia na porta do súper. Alba Caneda
Alba Caneda en 'Iphixenia na porta do súper'. Foto: Compañía Humana

Comezan os ensaios de Iphixenia na porta do súper, un texto do galés Gary Owen que fai un paralelismo entre o sacrificio de Iphigenia do mito clásico e unha moza de barrio e sen recursos que sofre en primeira persoa as consecuencias da falta de médicos. O espectáculo estrearase o 17 de marzo no Festival Internacional de Monólogo Teatral SINGULAR.

Premiado como o mellor texto teatral de 2015 no Reino Unido e adaptado ó español pola actriz María Hervás co título de Iphigenia en Vallecas, co que conseguiu tres premios Max, o aclamado monólogo poderase ver por primeira vez en Galicia e en galego.

A Compañía Humana, formada por Antela Cid e Fran Peleteiro, produce o espectáculo que está dirixido por Sara Rey. A actriz escollida para o papel é grovense Alba Caneda, unha nova promesa da interpretación saída das últimas promocións da ESAD de Galicia e que presentou este texto como o seu traballo final de carreira. No espazo escénico e iluminación, As dúas e punto, o tándem formado por Carmen Casal e María Torres, dúas novas escenógrafas saídas tamén da ESAD de Galicia onde deseñaron o espazo do Tartufo producido polos teatros nacionais de Galicia, Portugal e Francia.

O proxecto foi seleccionado pola Agadic para as axudas á creación escénica e conta coa colaboración do Concello de Gondomar. O espectáculo iniciará a súa xira en marzo de 2023 con funcións confirmadas en Narón, A Coruña, Vigo e Gondomar.


Publicidade

Unha nini de barrio

Iphixenia, unha nini de barrio, pasa os días nun bucle de alcohol e apatía rondando as rúas da súa vila. Unha noite coñece a un tío distinto dos demais e comeza a sentir unha sensación extraña, como de non estar soa. A partir de aquí, unha serie de circunstancias alleas levará á protagonista a sufrir unha grande perda.

Se no mito clásico Iphixenia era sacrificada polo seu pai Agamenón para contentar ós deuses e proseguir coa guerra de Troia, nesta traxedia dos nosos días é a propia protagonista quen decide sacrificarse e converter o seu sufrimento en xenerosidade cara a sociedade que a marxina.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Escena Galega

Escena Galega celebra os vinte anos analizando os retos das Artes Escénicas

Pilar Murias, Jacobo Sutil, Antonio López e Fran Núñez. FOTO: Santi Alvite

Shakespeare chega á Universidade de Santiago da man do CDG