in

Escena Galega celebra os vinte anos analizando os retos das Artes Escénicas

Faino cunhas xornadas dentro de A Cultura é un Dereito da Deputación da Coruña que teñen como eixo central o asociacionismo

Escena Galega
Encontros profesionais. Foto: Escena Galega

Escena Galega (Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas) cumpre 20 anos traballando polo sector escénico profesional. Dentro dos actos de celebración, a asociación prepara coa Deputación da Coruña unhas xornadas nas que debater e analizar a situación do tecido escénico profesional dende o punto de vista do seu asociacionismo. Será o día 20 de decembro no Pazo da Cultura de Carballo e estará comisariado polo xerente da asociación, Diego Vázquez Meizoso.

A área de cultura da Deputación da Coruña desenvolverá unha intensa programación destas xornadas profesionais dentro do marco do programa A Cultura é un Dereito. Pretende abranguer distintos aspectos, focos de interese e temáticas sobre o funcionamento, perspectivas e retos do sector cultural galego e das artes escénicas en especial.

Deste modo, este encontro polo vinte aniversario de Escena Galega  busca debater e compartir inquedanzas sobre algunhas das cuestións máis importantes para que o sector escénico profesional galego e os camiños para que este sexa máis sustentable, plural, aberto e relacionado co seu contexto social, económico e cultural.

Publicidade

Un dos temas a tratar no encontro non é novo para o sistema teatral galego pois reflexionarase nas estratexias para mellorar a circulación escénica profesional no territorio, poñendo o foco nos contextos non urbanos tamén como unha forma de achegar non só a oferta senón a acción cultural ás vilas pequenas e medias.

Ademais, buscaranse as formas para artellar maior encontro entre o sector creativo e o empresarial-produtivo ou as propostas de acción comarcalizada entre concellos pequenos que axuden a aumentar a oferta cultural.

A organización definiu os eixes temáticos da xornada que pasan pola necesidade da acción combinada entre administracións para a xeración de proxectos de política cultural: democracia cultural, atención á oferta cultural en contextos rurais, estratexias de estabilidade para o sector creativo e de relación deste co seu contexto (cidadanía). O financiamento privado (mecenado, patrocinio) de proxectos escénicos, posibles estratexias entre o sector creativo e o produtivo. Comarcalización como vía para unha acción escénica más sustentable (residencias de creación, circulación, relación co contexto social…). Retos de mellora na circulación escénica profesional en Galicia, centrada no achegamento da oferta e acción cultural especificamente a contextos non urbanos. O rol do asociacionismo na vertebración do tecido profesional e creativo. E como eixo transversal a sostibilidade do sector a medio e longo prazo (económica, sistémica e de relación coa cidadanía).

A inscrición está aberta ata o 18 de decembro e ten acceso gratuíto. Pódese consultar a programación completa na web das xornadas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Jose Luis Baños de Cos, Ana Carreira, Fernando Castro Paredes e Eva Mejuto. Premios Literatura Dramática Xunta de Galicia

Os Premios de Literatura Dramática xa teñen gañadores

Iphixenia na porta do súper. Alba Caneda

Iphixenia: unha nini de barrio na multipremiada obra que ensaia Compañía Humana