O grupo teatral lucense Microefectos Dramatúrxicos cumprirá dez anos o vindeiro mes de maio pero xa quentan motores para a celebración cunha programación de actividades que comeza esta semana.
Ademais das habituais sesións trimestrais, o grupo de Lugo, fará dúas sesións de grandes éxitos en xaneiro e en outubro. A primeira sesión “Greatest Hits Vol. 1” terá lugar o xoves 12 e venres 13 en pases de 20:30 e 22:30 no Club Clavicémbalo. As catro pezas escollidas son textos bastante queridos e lembrados polo público, quen participou na escolla a través das redes sociais.
Adáptate paiaso!, un texto escrito e dirixido por Anxo Manoel e coa interpretan do autor xunto con Germán Frasio e Brian Rodríguez; Triunvirato Multígamo de Brian Rodríguez, coa interpretación de María Grandío, Isa Herrero, Germán Frasio e Brian Rodríguez; Nenos roubados de Elvira Velasco, con Conchi Madrina e Anxo Manoel; e Justicia desbocada, dirixida por Germán Frasio e con Raquel López Cendán, María Grandío, Brais García e Anxo Manoel.
Microefectos Dramatúrxicos pon en escena pezas teatrais duns quince minutos de duración nas que contan historias da vida para rir ou chorar, cunha escrita directa e actual, que cada tres meses practicamente completa o aforo do Clavicémbalo.