in

Recortes, caneos e outras formas de driblar

Odio eterno ao fútbol moderno

'Recortes, caneos e outras formas de driblar' Foto: Aigi Boga.

Unha canción que recoñezo facilmente acompáñame no patio de butacas. Eu, evidentemente, non lembro a letra orixinal pois o deporte estrela encargouse de encher a miña memoria con cánticos que para nada teñen que ver coas cancións nas que se basean. No escenario aparecen un conxunto de xogadores a raias brancas e laranxas, quecendo sobre as gradas dun estadio, dun campo ou dunha pista. Somos nós, o público, o campo de xogo ou a afección?

Ninguén pode pasar desapercibido ao que o fútbol supón para nós coma sociedade. Tamén como sociedade vivimos ligados e ligadas a odialo e criticalo, aínda que como é habitual, non teñamos nin idea de que vai o conto. Recortes, caneos e outras formas de driblar, obra presentada polo Centro Dramático Galego e a produtora Ainé o pasado 29 de setembro no Salón Teatro de Compostela, está baseada nas investigacións do periodista Nacho Carretero, autor de Fariña, sobre o mundo do fútbol; unha especie de cara B futbolística como as famosas cintas de radiocasette. Dirixidos por Tito Asorey (Fariña, Continente María, A lúa vai encuberta) e cun elenco coral, no que atopamos a Manolo Cortés, Christian Escuredo, Sergio Zearreta, Xoán Fórneas, Xosé A. Touriñán (tamén produtor) e como única actriz, Isabel Garrido.

As cancións orixinais, compostas por Vadim Yukhnevich, lévannos a unha atmosfera festiva na que é imposible non cantaruxar ao finalizar a función. As voces empastadas dos actores e a actriz fan un conglomerado harmonioso de agudos e graves que fai que o desafinar de Touri (xa que, aínda que domine divinamente a comedia, podemos comprobar que o cante non é o seu) caia no esquecemento. O espazo escénico, obra de Jose Faro Coti, xunto co traballo lumínico da excelente Laura Iturralde, simula as gradas dun campo, cunha gran pantalla de luces coma as dos grandes estadios. O equipo complétano Laura Baena a cargo do vestiario, Sara Rey como asistente de dirección e Rosa Moledo como asesora lingüística, ademais do traballo dramatúrxico de José Prieto, que colleu uns textos de carácter informativo e os transformou nunha traxicomedia de masas.

A peza, a modo de espectáculo musical (quen diría hai uns anos que hoxe poderiamos ver un musical sobre fútbol), engaiola temáticas tan diversas como as lesións que sofren os xogadores, o estigma e o medo que viven moitos futbolistas para admitir a súa orientación homosexual, dentro dun mundo completamente cis, o soño constante de moitos nenos que desexan chegar a ser como os ídolos dos seus equipos favoritos, os partidos amañados e o diñeiro que isto agocha, o valor que comezamos a dar, como sociedade, ao fútbol feminino, grazas ao movemento feminista e a ruptura de barreiras e, por suposto, a paixón que tanto os equipos como os afeccionados viven durante as xornadas.


Publicidade

Mestura entre risos e ruptura da cuarta parede, animando ao público a entoar cánticos e a animar aos equipos, a crítica e o amor que podemos chegar a sentir por un deporte, sen sequera ter tocado unha pelota na nosa vida. É imposible non sentir congoxa ao escoitar a Garrido falar do que teñen que vivir as nenas respecto a este deporte, o estigma no patio do colexio e o rexeitamento por parte das familias, “porque ti tes que facer cousas de nenas”, e como isto parece comezar a desintegrarse, aínda que, para variar, temos moito traballo que facer.

Á peza aínda lle queda unha boa xira por toda Galicia, onde agardo que chegue ás masas, que aqueles que ocupan os fines de semana a torre de maratón de Riazor, as gradas de Balaídos, do Anxo Carro ou os da Malata, lle dean unha oportunidade, e devezo por acompañar ao meu pai ao patio de butacas, porque como gran seareiro deste deporte, preciso que me responda á pregunta coa que Sara Rey, asistente de dirección da peza, me abordou á saída: “É unha crítica a favor ou en contra do fútbol?” Ao que eu continúo respondendo: “Seguinte pregunta.”

Recortes, caneos e outras formas de driblar, Centro Dramático Galego e Ainé.

Dramaturxia: José Prieto
Dirección: Tito Asorey
Espazo escénico: Jose Faro “Coti”
Iluminación: Laura Iturralde
Vestiario: Rosa Moledo
Composición musical: Vadim Yukhnevich
Asistencia de dirección: Sara Rey
Intérpretes: Isabel Garrido, Xoán Fórneas, Xosé A. Touriñán, Christian Escuredo, Manolo Cortés e Sergio Zearreta.

Salón Teatro, Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2022.

Andrea Peiteado

Andrea Peiteado

Actriz, creadora e animadora sociocultural. Estudante do mestrado en Literatura, Cultura e Diversidade da UDC e graduada na ESAD de Galicia en interpretación textual. Profesional da animación en diversos proxectos de animación á lectura e de recreación histórica, ademais dramaturga e intérprete da peza Agullas: a princesa mocosa, finalista do certame Xuventude Crea 2022.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Mar en Danza

Avanza o Estatuto do Artista coa aprobación da prestación por desemprego dos artistas

Uso exclusivo robots

Oes Siri, cal é a miña teima?