in

Oes Siri, cal é a miña teima?

Uso exclusivo robots
Foto: Irene Moreira

Teño comprobado que as artistas en xeral sempre falamos do mesmo. E non me refiro ao falar sen cancelas da barra do bar, senón ao falar do discurso. Explícome. Penso que posuímos unha grande dose de auto engano, porque cremos que facemos abordaxes diversas e anovadoras en cada novo proxecto. Pode ser que algo diso haxa, pero non tanto como pensamos.

Penso que cada persoa que crea se debe a unha ou dúas teimas que irremediabelmente van estar sempre na súa produción e, por ende, na súa cabeza.

Facemos entradas por diferentes lugares e así cremos que estamos facendo novo discurso pero á volta, cando xa estreamos a peza hai alguén inesperado que di aquilo que quixemos agochar, e cóllenos desprevidas o comentario nese lugar que non é o teatro, que non é a sala de exposicións. Ese comentario, ao chou e atinando como ningún, queda varado en nós e volve unha e outra vez á cabeza, traído pola marea de pensamentos recorrentes que nos fan singulares ás persoas respecto ás intelixencias artificiais, que envexo, entre outros motivos, por ser quen de pasar dunha acción a outra, sen pouso da anterior. Oes Siri, non contaba con citarte nunha irreverencia, mais telo gañado abondo, que ben que me acompañas nos almorzos e ben sei que non sofres o acoso que che fago a preguntas cando estou obsesionada cun tema.

Outra cousa distinta son os traballos de encarga, a min gústanme moito porque son coma retos, como un challenge,pero sen ser viral, porque o teatro non é viral… de momento


Publicidade

Pois nos traballos concretos para empresas, ideas, institucións, o que se fai é o que, no sector, denominamos facelo de oficio, e para o que toda persoa profesional está preparada. Iso si, precisamos as coordenadas claras por parte da entidade contratante. Non será o primeiro caso onde a parte contratante non saiba ao que se refire e despois non quede satisfeita co que a parte contratada fai e, en lugar de ter unha comedia, teña un drama, diso a historia ten exemplos abondo, pasamos dunha comedia dos irmáns Marx ao marxismo, por incompetencia institucional nun momentiño.

Eu, como todas, xa me vin nesas, así que o que aplico é a ferramenta de preguntar a discreción e pór exemplos para non errar no que ten na cabeza quen me fai a encarga, porque adoita haber distancia entre o que se di e que se quere, e niso, nas nosas vidas, temos máis exemplos dos que nos gustaría recoñecer. Así que, ata ter ben claro o que se busca, non comezo a quentarme buscando opcións, que é como frear o desexo, e dá certo gustiño, non vou negalo. Así, ata que non estou segura, non arranco. Despois, todo dereito ata a primeira curva. E si, a primeira curva é facerme preguntas a min mesma para asegurarme de que non estou coando na encarga unha das miñas teimas, e entón falo con Siri e recalculo a ruta e dereitiño ao destino do traballo de encarga.

Así son as teimas, as encargas e o día a día que, grazas á intelixencia artificial, é mais doado. Noutra ocasión falamos das torpezas de Siri, dos traballos imprevistos e do difícil de deixarse levar sen agardar resultados, no teatro e, se cadra, na vida tamén.

Irene Moreira

Irene Moreira

(Vigo, 1980) Directora de escena e profesora de arte dramática. Actualmente dirixe a compañía teatral Xerpo, e, xunto con Álex Sobrino, fundou a Sala Ingrávida (Porriño), da que foi responsable de programación. Imparte docencia na ESAD de Galicia, traballo que combina co podcast 'Radio Ingrávida' e a experimentación co novo teatro confinado.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'Recortes caneos e outras formas de driblar'

Recortes, caneos e outras formas de driblar

Alma de tigre

A Agadic convoca as axudas á creación escénica