in

A Agadic convoca as axudas á creación escénica

A liña conta con 800 000 euros para apoiar novos espectáculos producidos en Galicia

Alma de tigre
'Alma de tigre', de Elefante elegante. Imaxe de Vanessa Rábade

As compañías galegas profesionais de calquera disciplina escénica poderán optar este ano ás axudas para a creación dos seus novos espectáculos a través da convocatoria de subvencións da Agadic recollida no Diario Oficial de Galicia, que conta con 800 000 euros de orzamento. A liña destinada á produción de teatro, danza, maxia ou circo forma parte da canle específica de axudas ao sector e verase complementada nas vindeiras semanas con novas partidas dirixidas ás salas de exhibición de titularidade privada, aos festivais escénicos e á distribución das industrias culturais.

O obxectivo desta convocatoria é “contribuír á actividade laboral e á estrea das novas propostas escénicas das empresas e artistas con actividade maioritaria en Galicia”. A convocatoria divídese en catro categorías: espectáculos de empresas de nova creación, montaxes de teatro, novo circo e maxia, de danza e artes do movemento e actividade escénica plurianual.

Distribución por modalidades

Dos 800 000 euros dispostos, 430 000 resérvanse á produción de propostas de teatro, novo circo e maxia, que poden subvencionarse en ata un 75 % do seu orzamento, cun límite de 60 000 euros por proxecto. Outros 100 000 euros corresponden a espectáculos de danza e artes do movemento, nos que esta axuda pode acadar tamén o 75 %, ata un máximo de 37 500 euros, e 70 000 euros son para os proxectos de empresas de nova creación, nos que a intensidade do apoio se eleva ata o 90 % cun límite de 18 000 euros por adxudicación.

Tamén se ofrece a posibilidade de concorrer á concertación de varios proxectos de xeito plurianual, modalidade para a que se destinan 200 000 euros coa finalidade de favorecer o funcionamento de equipos e proxectos de empresas teatrais consolidadas. As súas planificacións, a tres anos, deben conter cando menos unha produción e unha xira de 70 funcións, tanto no mercado galego como no exterior. A cantidade máxima que se pode percibir por esta categoría é de 100 000 euros, cun límite do 80 % sobre o orzamento do proxecto presentado.


Publicidade

A través da convocatoria de creación escénica, a Xunta contribuíu en 2022 á materialización dos espectáculos de 28 compañías. Foron, en concreto, sete propostas de formacións de recente fundación, cinco pezas de danza e 15 proxectos de teatro, maxia e novo circo. Pola súa banda, Elefante Elegante resultou ser a única compañía beneficiaria na modalidade de actividade escénica plurianual.

As persoas físicas (autónomas) ou xurídicas privadas, así como as súas asociacións ou unións temporais de empresas interesadas en presentar os seus proxectos á convocatoria para este ano de creación escénica en réxime de concorrencia competitiva, teñen ata o 13 de febreiro de 2023 para facelo.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso exclusivo robots

Oes Siri, cal é a miña teima?

O deus do pop. Diego Anido

O Colectivo RPM convoca unha nova edición das Residencias Paraíso