Un espazo de encontro e reflexión para afondar dun xeito transversal nos desafíos aos que se enfronta o asociacionismo profesional dentro do sector escénico galego. O salón de actos do Pazo da Cultura de Carballo acolleu o martes 20 de decembro de 2022 as xornadas profesionais anuais de Escena Galega, a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas, dentro do programa A Cultura é un Dereito da Deputación da Coruña e da programación estendida do FIOT de Carballo, nunha edición especial encadrada no marco de celebración dos vinte anos da asociación.
Diego Vázquez Meizoso, o seu xerente, foi o comisario dunha xornada que se centrou en abordar os “retos do asociacionismo profesional como un dos eixos vertebradores do sector escénico galego”, mais que tamén atinxiu outros temas de interese e serviu de peche ao conxunto de actividades que levou a cabo Escena Galega ao longo de 2022 para celebrar as súas dúas décadas de traxectoria.
O encontro inaugurouse coas intervencións de Xurxo Couto, deputado de Cultura, Políticas de Igualdade de Xénero e Normalización Lingüística da Deputación da Coruña; Marcos Trigo Facal, concelleiro de Cultura do Concello de Carballo; Alberto Sueiro, director do FIOT; e Santiago Cortegoso, presidente de Escena Galega; que quixeron destacar a importancia das xornadas, cada un dende o punto de vista da entidade que representaban, e que as puxeron en valor en canto á súa constitución como espazo para a reflexión arredor do sector e para pode establecer relacións cos diferentes axentes do mesmo.
O bloque da mañá, titulado “Os retos dos nosos anos vinte: eixes de acción para o sostemento e mellora do sector escénico galego”, abriuse coa mesa de debate “A circulación escénica en Galicia. Posibilidades de mellora e artellamento de accións combinadas para contextos non urbanos”, moderada por Eva Alonso, membro da xunta directiva de Escena Galega. Nela volveu intervir Xurxo Couto, e uníronse tamén Maite Ferreiro Tallón, vicepresidenta da Deputación de Lugo, e deputada de Cultura, Patrimonio Histórico e Normalización Lingüística; Patricia Torres Madureira, deputada de Cultura e Proxectos Audiovisuais da Deputación de Ourense; e María Victoria Alonso Méndez, deputada de Cultura e Igualdade da Deputación de Pontevedra. Xurxo Couto introduciu dous dos temas que máis se abordaron logo ao longo do debate: a pouca posibilidade de manobra das deputacións para modificar a cultura, debido á súa pouca capacidade para lexislar, e tamén á importancia de descentralizar e apoiar o rural; e fixo mención á necesidade de que houbese un organismo central que exercese de coordinador das catro provincias. Couto referiuse tamén á rede cultural da Deputación da Coruña como catálogo fundamental e na que as tres cidades son as que menos participan, porque tentan traballar sobre todo cos concellos medianos e pequenos.
As outras tres deputacións insistiron na diferenza de orzamento que teñen con respecto á da Coruña, e fixeron fincapé tamén nas diferenzas que existen entre os diferentes concellos á hora de poder programar. Maite Ferreiro explicou que en Lugo son poucos os concellos que contan coa figura dun programador ou programadora, rol que explicou que rematan por asumir as asociacións veciñais, culturais e de mulleres ou as ANPA. Tamén fixo mención a que son moi poucos os concellos que teñen instalacións; “a maioría non reúnen os requisitos necesarios para acoller unha actuación teatral; ou nin hai os espazos, e hai que facelo en pavillóns, ou salóns de actos do concello”. E quixo aludir á importancia do teatro amador na provincia como dinamizador cultural, que recibe tamén apoios, ademais dos que recibe o teatro profesional; así como á necesidade de “non facer distincións e levar a cultura a toda a provincia”.
Patricia Torres abriu a súa intervención resaltando o papel que xogou a cultura na pandemia, como “gran salvavidas” durante o confinamento. Tamén expresou que os esforzos en cultura nunca son suficientes e que ás veces, cando os concellos teñen que facer recortes, onde primeiro os fan adoita ser en Cultura, por iso destacou a necesidade de que as deputacións apoien e incentiven a programación por parte dos concellos, para, deseguido, centrarse en debullar o funcionamento da rede propia da Deputación de Ourense. Ao igual que Couto e Ferreiro, Torres destacou a importancia de programar en todo o territorio, “mesmo para poucos veciños”, así como a de coidar as artistas.
Victoria Alonso, pola súa banda, engadiu que na Deputación de Pontevedra tamén buscan potenciar a programación nos concellos pequenos e adaptarse ás circunstancias de cada un, potenciándoos e espertándolles as ganas de desenvolver as súas infraestruturas. Coincidiu con Maite Ferreiro á hora de querer destacar a importancia das asociacións como elemento vertebrador e falou de programas como Tornar ás táboas, ou do catálogo Pontegal, antes de pechar a súa intervención querendo reforzando a pouca capacidade de manobra lexislativa e as dificultades burocráticas que supón nas deputacións non teren unha lei de contratación máis específica para o sector cultural, e ter a mesma que para contratar infraestruturas, como puxo por exemplo. Dende as catro deputacións tamén mencionaron a importancia de incentivar a programación por parte dos concellos, así como o seu investimento na mellora dos espazos e a promoción e visibilización do que programan, para achegalo á poboación.
Ao abrirse o debate ás intervencións das persoas asistentes á xornada, xurdiron outras cuestións e inquedanzas, como a importancia de que as deputacións e os concellos aposten por contratar a actividade profesional, mesmo nos concellos máis pequenos, e que non a substitúan pola amadora; que nas redes provinciais poidan entrar profesionais das outras provincias; ou que aos concello medianos e pequenos poidan chegar espectáculos grandes.
O financiamento privado
Na segunda mesa do primeiro bloque, titulada “O financiamento privado de proxectos escénicos. É posible unha estratexia de colaboración entre o sector creativo e o produtivo?” e moderada por Diego Vázquez Meizoso, participaron Lucía López Bayo, responsable de comunicación de Cafés Candelas; Gabriela González Márquez, directora de responsabilidade social do Grupo Vegalsa-Eroski, e Rosa Bugallo, asesora das Bodegas Martín Códax.
Abriu a rolda de intervencións Diego, preguntándolles cal era a súa percepción arredor das posibilidades de colaboración co sector cultural e, sobre todo, co escénico, cada unha dende a perspectiva da entidade á que representaba. Lucía López Bayo explicou que había moitas pero que moitas estaban sen explotar, e nese momento as tres coincidiron en que do sector das artes escénicas era do que menos propostas lles chegaban. Lucía engadiu que era importante un maior achegamento e tamén vontade polas dúas partes para crear conxuntamente, para colaborar, “xa que se comparten moitos valores e tamén públicos”.
Gabriela González, ao resaltar que no Grupo Vegalsa-Eroski non lles chegan moitas propostas do sector escénico, tamén quixo poñer énfase na importancia de que as propostas que lles cheguen non contemplen só ofrecerlles poñer o seu logo a cambio de apoio económico, senón que o que queren é compartir proxectos e valores.
Rosa Bugallo sumouse ao que sinalaran Bayo e González, para pedir que se lles envíen propostas, e valorou o potencial das compañías de artes escénicas para achegar un valor engadido a unha marca. Lucía sinalou que pode que haxa unha barreira que faga que non lles cheguen, Gabriela apuntou que esta podía deberse a que haxa certa prevención a vincularse cunha marca, e Rosa engadiu que tamén pode vir da crenza de que as empresas só queiran apoiar espectáculos de masas, cando non é así. Todas coincidiron en que as bases para poder crear colaboracións de calidade son o establecemento de relacións e irse coñecendo, xa que moitas veces as colaboracións que xeraron con proxectos culturais se foron consolidando co tempo, a partir de compartir valores e traballar conxuntamente.
Foi unha mesa que orixinou diferentes intervencións tamén por parte das persoas asistentes ao encontro, que compartiron as súas inquedanzas arredor de saber que é o que busca unha empresa á hora de aceptar unha colaboración, e tamén o que se pode pedir a cambio; e que permitiu un achegamento entre as dúbidas e experiencias das e dos profesionais das artes escénicas, e as claves e consellos que compartiron as profesionais das tres empresas convidadas.
A comarcalización
A terceira mesa do bloque da mañá, que levaba como título “ A comarcalización da acción cultural como vía para o achegamento a contextos non urbanos e a democracia cultural. Exemplos e posibilidades”, estivo moderada por Gustavo Del Río, membro da xunta directiva de Escena Galega, e nela participaron Álex Rodríguez Ramírez, actor e xestor cultural independente e ex-director do FETAL de Urones de Castroponce, e Fran Núñez, coordinador do Departamento de Produción Teatral da Agadic e director do CDG.
Gustavo del Río abriu a mesa mencionando o interese que está a espertar a cuestión da comarcalización e o achegamento ao rural, e como se pode potenciar a través de axudas como as dos fondos Next Generation. A continuación, Álex Rodríguez, procedente de Palencia, unha zona á que se referiu como “baleirada”, falou da súa abordaxe dende a rexión, e do feito cultural como lugar de encontro, como reunión comunitaria; da conexión coa terra, coa contorna, a partir do exemplo do campesiñado. Rodríguez compartiu tamén diferentes aspectos da súa experiencia durante quince anos participando e once dirixindo o festival FETAL, “nunha poboación de cen habitantes, sen cobertura móbil, que só conta cun teatro de duascentas cincuenta localidades, unha residencia de artistas, un bar e unha igrexa”. O actor subliñou a importancia de dous conceptos á hora de desenvolver este tipo de proxectos: a autoxestión e o militarismo cultural; e reflexionou arredor de como establecer conexións dentro do territorio, nun festival completamente público, do que explicou, en relación co tema tratado na mesa anterior, que el non conseguira obter financiamento privado. Fixo un pequeno percorrido tamén polos diferentes espazos cos que foi conectando o festival, na súa vontade por abrirse e expandirse dentro do territorio, destacando tamén a relevancia que ten que a xente se identifique cun ou cuns espazos. E pechou a súa presentación tratando a cuestión de como relacionarse co territorio dende a propia xestión; da importancia da mirada.
Fran Núñez enfocou a súa intervención cara a falar do proxecto Territorio_Escena, dirixido a crear estruturas comarcais, que partiu dunha visita inicial por setenta concellos, así como “de non pensar que non hai cousas aló onde imos, que ás veces se cae nese erro, e que a mesma receita non serve para dous sitios”. Núñez insistiu na necesidade de “escoitar como funciona cada territorio, que se necesita e como se adaptan as cousas”, que foi de onde partiu Territorio_Escena. Explicou que o proxecto arrancou da lóxica de pensar que unha vez que en Galicia se conseguiron unha serie de estruturas máis ou menos asentadas que foron fundamentais para a profesionalización do sector (festivais, CDG, Rede Galega de Teatros e Auditorios, Rede Galega de Salas, ESAD de Galicia…), o seguinte paso sería preguntarse “de que xeito se xeran estruturas que dean servizo a un territorio, a unha poboación; en concreto a aquelas zonas (vilas e aldeas) con tamaños, necesidades e funcionalidades diferentes”. Para esa xeración de novas estruturas, incidiu que o foco hai que poñelo na xente e na comunidade, e que tamén hai que “abrir o territorio”, a partir dun amplo abano de liñas de acción que o director do CDG presentou recollidas baixo os seguintes epígrafes: escena e educación (creación de escolas municipais de artes escénicas, campañas escolares e actividades formativas), escena e creación (compañías profesionais, residencias artísticas e festivais), escena e comunidade (grupos de teatro amador, espectáculos comunitarios de gran formato, encontros de teatro amador) e escena aplicada (visitas teatralizadas, intervencións en patrimonio, audiodescricións…) e escena e divulgación científica.
Despois das dúas intervencións, abriuse un tempo de debate coas persoas asistentes no que se abordou a concreción e a viabilidade deste tipo de proxectos que implican diferentes Administracións e entidades, así como a consolidación e coordinación dos mesmos, e tamén o reparto orzamentario e a súa viabilidade económica.
Dinamización sectorial
O bloque da mañá pechouse cunha rolda de presentación denominada “Escena Galega no presente: accións e proxectos de dinamización sectorial”. O primeiro proxecto, vinculado coa promoción exterior, foi Camiño Escena Norte, do que falaron Diego Vázquez Meizoso, como coordinador do mesmo, e Marta Alonso Tejada, como participante na súa última edición. Como resumiu o xerente de Escena Galega, trátase dun proxecto de intercambio cultural entre Galicia, Asturias, Cantabria, o País Vasco e Navarra (como comunidade convidada en 2022 e que en 2023 xa se vai incorporar como quinto territorio estable), que ten “dúas grandes patas”: o Itinerario Constelacións, que é un circuíto de intercambio con estratexias sostibles de distribución; e Camiño Expandido, que se centra na mediación cos públicos e na posta en relación entre os e as profesionais destes territorios.
Sinalou tamén que unha das accións “máis queridas” dentro de Camiño Escena Norte é a rede de estancias de creación Cruzamentos, e logo tamén quixo lembrar a convocatoria Habitación Peregrina Pro, que se celebra no vello Cárcere de Lugo e que funciona como espazo de encontro entre axentes profesionais dos diferentes territorios. Ademais, quixo avanzar que o proxecto está a medrar e que a seguinte edición, a quinta, vai incluír cinco territorios, vaise desenvolver ao longo de cinco semanas e vai haber un aumento na programación.
Deseguido, interveu Marta Alonso Tejada, quen explicou que participar en Camiño Escena Norte foi unha oportunidade para “sacar o traballo fóra e seguir visibilizando a peza”, mais tamén, explicou con sinceridade, para “facer o trimestre”. Ademais, quixo agradecer o acompañamento co que contou e tamén a oportunidade que lle deu de estar en espazos moi diversos, podendo achegarse a todo tipo de públicos e lugares.
O segundo proxecto que se presentou, vinculado á formación e ao desenvolvemento profesional, foi Acompaña, de consultoría e acompañamento da acción profesional. Falaron sobre el Esther Carrodeguas, da compañía ButacaZero, participante no proxecto, e Lucía Martínez e Luisa Castiñeira, de The Office, que levaron nel a área de asesoramento na comunicación. Esther explicou que estar en Acompaña lle serviu para obter un diagnóstico do que estaba a facer mal e do que estaba a facer ben e para acceder a novos recursos e ferramentas, así como para conseguir respostas a inquedanzas e consultas; porén, quixo destacar sobre todo a parte máis humana do proxecto, a de sentirse escoitada e acompañada.
Lucía Martínez e Luisa Castiñeira destacaron deste programa que lles permite axeitarse ás necesidades e ferramentas particulares de cada compañía ou proxecto, e que foi “moi construtiva” a experiencia pola súa parte. Por iso explicaron que o seu papel foi axudar a que a persoa ou a compañía faga unha autoanálise, que se pregunte “que é, que quere ser, que está a facer e que pode facer”, xa que nun sector precarizado como é o das artes escénicas a clave do seu traballo está en axudar as profesionais para que poidan facer as cousas por si mesmas pero dándolles unhas guías; “explotando o que xa están a facer ben por intuición”, traballando en conxunto e dándolles ferramentas.
O proxecto que pechou a rolda de presentacións e tamén o bloque da mañá, relacionado coa igualdade e a loita contra as violencias machistas, foi o Protocolo contra o acoso sexual e por razón de sexo nas artes escénicas, do que falaron Patricia de Lorenzo, vicepresidenta de Escena Galega e impulsora do protocolo, e Fátima Rodríguez, da Consultora Promove. Patricia de Lorenzo explicou que o protocolo busca atender ás realidades e necesidades do sector das artes escénicas, pero que compite a todo o sector da actividade escénica, tamén á música. E destacou que unha vez que estea elaborado o documento vai ser moi importante, “porque ten un carácter preventivo, nun sector sensible, e tamén de observatorio para detectar que casos se dan”. Por iso quixo poñer énfase na importancia de atendelo, e tamén na importancia de que logo conte con asistencia técnica, externa, que se seguirá a concretar, ao igual que parte do seu financiamento.
Fátima Rodríguez engadiu que se trata dun “reto moi ambicioso”, pero que o que querían era crear un protocolo que funcionase, que non fose algo só para cubrir unha obriga, xa que é necesario ter ese protocolo en cada empresa. Expuxo que se trata do primeiro protocolo que se fai en España con estas características de carácter sectorial, e que ao que se chegou foi a querer deseñar “un protocolo modelo para que se poida adaptar a cada (micro)empresa das artes escénicas”. O proceso de elaboración non foi doado debido á falta de referentes, xa que non había ningún protocolo sectorial, e os que había non estaban adaptados ao sector cultural nin, en concreto, ás artes escénicas. Rodríguez declarou que este protocolo pode converterse nunha referencia no eido estatal. Explicou que o máis interesante desta iniciativa é o traballo de campo que se faga, a partir de mesas de traballo con mulleres que compartan as súas experiencias, e tamén recalcou a importancia de visibilizalo, non só para as mulleres, senón tamén para os homes, buscando que se deixen de normalizar determinados comportamentos, revisar cando se dan, como se dan, en que situacións, e tipificar a escala de gravidade. Xa que logo, o principal obxectivo do protocolo vai ser “sobre todo previr, pero tamén detectar, e saber que hai que facer cando se é vítima ou se sabe dunha situación deste tipo”.
Como peche da presentación, explicouse o estado actual deste Protocolo contra o acoso sexual e por razón de sexo nas artes escénicas, que xa se compartiu con outras asociacións de dentro do sector que poidan querer asinalo e poidan facer achegas; neste mes de xaneiro de 2023 farase unha posta en común das contribucións e deixarase listo para asinar.
Asociacionismo profesional
Despois dunha pausa para facer un xantar compartido, abriuse o bloque da tarde, “O asociacionismo profesional como chave para un sector vertebrado e organizado”, cunha mesa titulada “O rol do asociacionismo na vertebración do sector escénico profesional. Historia, actualidade e retos de futuro”, na que participaron Santiago Cortegoso, presidente de Escena Galega, quen tamén moderou o debate; Roca Suárez, presidente de EscenAsturias (Asociación de Empresas de Artes Escénicas de Asturias); Susana Lloret, presidenta de Ciatre (Associació de Companyies de Teatre Professional de Catalunya); e Emilio del Valle, presidente de Artemad (Asociación de Empresas de Artes Escénicas de la Comunidad de Madrid).
Santiago Cortegoso quixo facer mención ao vixésimo aniversario de Escena Galega, como fito no sector pola súa lonxevidade e tamén pola súa boa saúde, destacando o grande aumento no número de compañías asociadas, así como o feito de que se fose abrindo a aglutinar compañías das diversas disciplinas de artes escénicas (danza, artes circenses, maxia…; alén do teatro) e que estea a desenvolver unha actividade intensa e extensa. Referiuse a proxectos como Camiño Escena Norte, xa presentado durante o bloque da mañá; á coorganización de Galicia Escena Pro; á súa participación no Culturgal; ás súas actividades de formación e ao programa Acompaña, abordado tamén antes do xantar; ás xornadas profesionais e ao seu labor de representación ante as institucións.
Cortegoso recolleu tamén varios retos aos que se enfronta Escena Galega como asociación: no plano interno, referiuse a unha cuestión de representatividade, xa que son moitas compañías que se dedican a actividades diferentes e formatos moi diferentes, e “é difícil conseguir ter unha voz única, unha interlocución na que transmitamos uns intereses unificados, tendo en conta a diversidade que hai agora mesmo dentro da asociación”; o propio mantemento da infraestrutura da asociación, xa que desenvolve moitas actividades cunha infraestrutura moi básica; e logo, nun plano exterior, aludiu á necesidade de insistir e profundar na profesionalización do sector, para que as persoas creadoras se poidan dedicar a crear, e non se lles vaia o tempo noutras actividades, e mencionou tamén desafíos relacionados co mercado interno, xa que en Galicia “cada vez hai máis oferta, pero a demanda continúa igual, non hai máis circuítos, e sería preciso un ámbito de distribución maior para que as compañías poidan manter e reforzar as súas infraestruturas”.
Roca Suárez comezou a súa intervención compartindo a súa sensación de que “Asturias está a anos luz de Cataluña, Madrid e Galicia”, en canto a redes e circuítos, e axudas á produción e á distribución, a pesar de que no último ano tiveron algúns avances; e explicou que alí aínda están a construírse as bases do sector e que están agora cun plan estratéxico que desenvolveron dende EscenAsturias do cal lles copiou a Consejería unha parte.
Pola súa banda, Susana Lloret iniciou a súa presentación falando de que en Cataluña superaron algunhas cousas no sector escénico pero seguen a ter retos, e puxo algúns exemplos, por se podían servían de referencia. Quixo aclarar que a diferenza co resto de comunidades convidadas é que en Cataluña as asociacións de artes escénicas están divididas por disciplinas; e de teatro hai catro, das cales unha é Ciatre, que naceu da unión das compañías independentes. Explicou que cumpren tres funcións: “articular o sector, desenvolver a interlocución coa Administración e atender proxectos concretos e necesidades do sector”. Lloret referiuse tamén á situación actual na que se encontran como sector; que estiveron a traballar no plan integral do teatro e agora están a ver as medidas que teñen que tomar, como, por exemplo, ampliar o circuíto. Fixo fincapé en que para poder solicitar e levar adiante calquera medida era moi importante ter orzamento, e contou que por iso decidiron unirse representantes das diferentes asociacións autonómicas do eido da cultura na Plataforma Cultura para el 2 % para pedir que o orzamento da Generalitat tivese un 2 % para Cultura, e conseguiron que aumentase considerablemente, grazas á forza da unión. En relación a isto tamén explicou que alí o sector conseguiu, coa súa presión, que as deputacións, a través do artellamento por parte da Generalitat, se unisen nun único circuíto e que ese medrase moitísimo, ao impulsar que se incorporasen a el moitos máis concellos.
Emilio del Valle, pola súa banda, destacou a importancia dos encontros e xornadas para atender a necesidade do sector de xuntarse e debater, e estimou que estes non se producen coa asiduidade que deberían, polo que explicou que dende Artemad para o 2023 tamén teñen como reto a promoción das súas xornadas. Resumiu as liñas básicas da súa asociación, que ten 27 anos de historia e “unha biografía moi semellante á de Ciatre”, e que, entre as súas principais funcións están a interlocución coas Administracións e a representatividade; o acompañamento e mediación das compañías asociadas e o apoio xurídico. Incidiu nisto último e no perigo que está a sufrir o asociacionismo debido á falta de orzamento, pero recoñeceu que, aínda así, está a vivir un momento especialmente doce, que coincide coa pospandemia. Contou que Artemad medrou un cincuenta por cento dende a pandemia, “por esa toma de conciencia por parte do sector da necesidade de asociarse, a pesar das tentativas para dividilo, de aí tamén a loita que desenvolve contra a miserabilización do sector”. Del Valle valorou que si que hai recoñecemento das asociacións sectoriais por parte das institucións públicas pero pouca escoita, “de aí a necesidade da unidade de acción e a unidade dentro do sector, partindo do recoñecemento do outro”; referiuse tamén á falta de compromiso individual que percibe no sector, que fai que as xuntas directivas se perpetúen; e destacou tamén a importancia que ten o manexo de datos por parte das asociacións.
Roca, Lloret e Cortegoso coincidiron tamén na detección do aumento do asociacionismo e nesa necesidade de ter datos, e reflexionaron arredor de se as asociacións sectoriais realmente teñen a capacidade de incidir nas institucións tanto como lles gustaría. Roca explicou que en Asturias a Consejería copiou o plan estratéxico que desenvolvera EscenAsturias, pero que, grazas a iso, foron conseguindo avances, que logo tamén se trasladaron a outras áreas da arte; pero insistiu na importancia de que aumenten os orzamentos, que é a base; “que máis dá que creen unha rede de teatros se logo esta só ten un orzamento de 50 000 euros?”, exemplificou.
Lloret volveu facer fincapé en que a clave está en negociar cos departamentos de Economía, non cos de Cultura; Santiago considerou que “falta unha vontade de reestruturación do sector e toma de medidas de calado”, e os catro coincidiron en que “hai cartos pero se desvían a outros lugares”. En canto á cuestión económica, dende o público comentouse como se diluíu toda a unión e a presión que houbo no momento da pandemia, e como “agora que non hai unha parálise total non se está a ter en conta a inflación derivada da crise enerxética actual e a súa incidencia nas e nos profesionais das artes escénicas, e non se dan solucións”. Tamén se recalcou a importancia da busca da interrelación e da unión, mesmo á hora de explotar recursos, entre as diferentes asociacións sectoriais dos diferentes territorios dentro do Estado, e de pensar que máis se pode facer dende as asociacións.
Mellora do tecido cultural
O bloque da tarde pechouse cunha segunda mesa titulada “O sector galego dende o asociacionismo. Cuestións e accións transversais para a dignificación e mellora do noso tecido cultural”, moderada por Belém Brandido, membro da xunta directiva de Escena Galega, e na que participaron Uxía Caride, xerente de AGAPI, Asociación Galega de Produtoras Independentes; Patricia Hermida, presidenta de AGEM, Asociación Galega de Empresas Musicais; Miguel Toval, tesoureiro de AGE, Asociación Galega de Editoras; e Carlos Lorenzo, presidente da AGPXC, Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural.
O debate enfocouse cara á relevancia do asociacionismo e os seus retos, así como cara á concreción de obxectivos comúns, pero iniciouse cunha breve presentación de cada unha das asociacións por parte de cada persoa representante. Uxía Caride explicou que AGAPI leva 28 anos traballando a prol do audiovisual como agrupación de empresas produtoras de cinema e televisión, e que se atopa nun moi bo momento como asociación. Resumiu as liñas de acción principais que desenvolve, que son “o apoio sectorial e a defensa da produción independente galega”, e puxo en valor os encontros para converxer e compartir retos, problemáticas e intereses.
Patricia Hermida fixo tamén unha pequena presentación de AGEM, que leva funcionando quince anos e “agrupa empresas que forman parte da cadea de valor da música”. O seu traballo está enfocado sobre todo cara á profesionalización das empresas que se dedican á música, e tamén á formación.
Miguel Toval explicou que en AGE, que é unha asociación de empresas do campo da edición, o que busca un editor ou unha editora “é, fundamentalmente, consolo”. E os seus principais labores son “a representación sectorial, conseguir que o sector sexa estratéxico e representar as persoas asociadas nacional e internacionalmente”.
Carlos Lorenzo presentou brevemente a AGPXC, que é unha asociación de profesionais, e explicou que nun comezo estaba formada sobre todo por persoas que traballaban no ámbito da xestión pública, pero que a transformación que viviu o sector nos 14 anos de traxectoria que ten a asociación se reflectiu tamén nesta, incorporando un gran número de profesionais que traballan na empresa privada, como autónomos ou empregados. Expuxo tamén que a xestión cultural é unha profesión relativamente nova, en expansión, e que nestes anos un dos principais obxectivos da AGPXC foi traballar para que houbese en Galicia formación específica na xestión cultural; mais tamén a defensa dos dereitos das profesionais da xestión cultural, e a visibilización do seu traballo.
Outro dos temas abordados foi a saúde das asociacións. Uxía Caride compartiu a súa opinión de que as asociacións xogan un papel moi importante na sociedade e que a súa saúde é boa, pero que tamén cre que “é necesario que a xente entenda para que serve asociarse”; o valor do asociacionismo. Patricia Hermida coincidiu con ela e engadiu que moitas veces o asociacionismo non é tratado xustamente, en canto a que a xente “se cre con dereito a esixir moitas cousas que realmente non son tarefa do asociacionismo”. Por iso considera que é tan necesario “escoitar cales son os problemas e as eivas que teñen as profesionais e dar ferramentas para solucionalas, así como desenvolver a interlocución, para o que é moi importante unha unión entre as diferentes asociacións do eido da cultura, como forza”.
Miguel Toval tamén fixo fincapé no papel crucial da unión para o beneficio común; “a cultura galega necesita unha federación das asociacións dos seus diferentes eidos”, expuxo. Carlos Lorenzo, pola súa banda, quixo apuntar as cousas que melloraron no asociacionismo en canto á súa representatividade e voz, pero tamén no que non está a funcionar ben, sobre todo en que “nas asociacións moitas veces se perde o valor do que son, e rematan funcionando como unha entidade de servizos, nas que a xente para asociarse pregunta ‘que me ofrecedes?’, en vez de ser un conxunto de persoas que traballan para solucionar uns problemas comúns”.
Por iso, entre as conclusións que se sacan da mesa están a importancia da unión e da xeración de espazos e de contextos de encontro, eliminando os prexuízos á hora de establecer alianzas, así como de ver con que recursos se conta xa, porque, segundo Carlos Lorenzo, ás veces xa hai recursos e solucións que non se teñen en conta e se van buscar fóra. Insistiuse tamén na necesidade de reforzar o compromiso interno e establecer sistemas de grupos de traballo; pero, coincidindo coa mesa anterior, subliñouse a importancia de que aumenten os orzamentos e “que se poidan financiar proxectos sen que estes arrastren a empresa polo camiño”, como expresou Caride.
Outras das liñas que se mencionaron foron aumentar a visibilidade e concienciar arredor do valor do sector, non só en si mesmo, senón tamén dende o punto de vista económico; “facer unha transición a unha sociedade cultural e facer entender ao público que a cultura é un sector económico importante en Galicia”, explicou Toval. Ademais, conectaron de novo coa mesa anterior ao destacar a importancia de manexar datos fiables e actualizados arredor do sector cultural, e contar cun organismo que asuma a obtención e difusión dos mesmos, como propuxo Lorenzo, así como na relevancia que ten que se solucionen as cuestións lexislativas pendentes en cada unha das áreas do sector cultural. Pechouse a mesa coa reflexión de que aínda queda artellar mecanismos, pero tamén coa convicción de que o encontro e a posta en común son claves para a mellora de todo o tecido cultural.
Estaba previsto clausurar a xornada cunha actuación de Quico Cadaval, Por amor á arte ou a vaquiña polo que vale?, que tivo que cancelarse debido a cuestións de saúde do artista. Ao non realizarse, as reflexións finais da última mesa do programa, que seguiron o fío das que se foran facendo ao longo da xornada, ficaron como remate dun encontro no que se desenvolveron múltiples cuestións relacionadas cos retos do asociacionismo profesional como un dos eixes vertebradores do sector escénico, que abriron novos debates e que quedan aquí recollidas.