Acabamos de entrar no novo ano chinés e ata Febreiro do 2024 estamos baixo o influxo da coella de auga, que ten entre as súas características a prosperidade, a lonxevidade e a paz. Pois a verdade é que aínda que isto sexa un conto chinés, nunca mellor dito, benvida sexa a coella e a súa prole, se iso consegue acougar un chisco as nosas cabezas e con elas o devir do mundo.
Son unha persoa pragmática e senón fose polo que me gusta a vida e socializar case resultaría superficial, pero as persoas e as súas historias pérdenme.
A práctica teatral, ás veces, ten moito de pensamento máxico e demais horóscopos que fan que espernexe coa risa nalgúns momentos.Eu son como Julio Anguita, mais en lugar do programa o meu mantra é o planing. E, si, gústame que os plans saian ben! Ala! Xa me quito a graza tonta e xeracional do medio, porque era unha referencia ao Equipo A, que para as xeracións de despois dos Power Rangers googleade e escoitade esa cabeceira musical… O my God…Faime vibrar!
Pois ao que ía, que unha das responsabilidades da dirección de escena, que adoita realizar xunto con produción, é o planing de ensaios, onde se reflexan as secuencias para súa montaxe, ensamblaxe ou ensaio, que pode ser técnico ou xeral, pois cando o deseño do plan de traballo está aquelado e se respecta, as montaxes adoitan saír ben sen que teñamos que estar pendentes de predicións alén mar.
Isto é moi semellante á diferenza fundamental entre crer no destino ou non, e aí está a literatura dramático occidental ata o século XX, onde o destino decidía vidas, era responsábel dos actos ou provocaba hecatombes a todo un pobo.
Teño moitas e queridas amizades que cren en poderes máxicos superiores, chamados destino, sorte, brahma e algunha, debo conservar, das de misa os domingos pola mañá. Pero para min é inasumíbel que un poder superior controle o meu sino, chamádeme tola, descrida ou levádeme á fogueira, pero non hai nada na vida que me faga crer na maxia.
Pola contra, creo nas persoas e nas súas capacidades, eses seres que son quen de modificar un estado de ánimo, de ilusionar a unha equipa, de transmitirlle as emocións con tanta intensidade que nos quedamos cravadas na butaca, como se o tempo e o espazo non existiran.
Para min o teatro é difícil e apaixonante á par, porque se fai en equipo e os seres humanos somos complexos. A ver, se a maioría das veces nin nos entendemos a nós mesmas, como cona imos empatizar coa que temos ao lado!
Pois iso, que mentres remato esta birra leo o que vai traer de bo o ano da coella de auga e, de paso, preparo o ensaio de mañá, auspiciada pola cosmogonía oriental, Ganesha mediante!