A Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC), co apoio da Deputación de Pontevedra, celebrará o 2 de marzo unha xornada no Castelo de Soutomaior para afondar na saúde (ou mala saúde) do sistema cultural, coa finalidade de poñer o foco naquelas prácticas que axuden a protexer e coidar as traballadoras e traballadores desta industria para salvagardar o futuro da cultura.
En “Coidar de Nós para Coidar da Cultura. Cara a uns Modelos máis Sustentables de Traballo na Xestión Cultural” reuniranse profesionais, entidades, empresas, xestoras e xestores, responsables das áreas de Cultura de entidades locais e programadoras e programadores culturais para sumar voces, experiencias, estratexias e recursos cos que facer do sector cultural un ecosistema con futuro. As prazas son limitadas e as inscricións están abertas na web da AGPXC.
A xornada será inaugurada ás 9:30 h pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o presidente da AGPXC, Carlos Lorenzo, e o comisario da xornada, Sergio Lago (BenCuriosa). Continuarán ás 10:00 h Alfonso Martinell, director do grupo de traballo sobre cultura e desenvolvemento da Rede Española para o Desenvolvemento Sustentable, e Gemma Carbó, directora do Museo da Vida Rural da Fundación Carulla e presidenta da fundación INTERARTS, cunha conversa sobre sustentabilidade e traballo cultural.
Ás 11:00 h será a quenda dunha mesa de experiencias con perspectivas institucionais, moderada pola directora de Cultura da Deputación Paula Cabaleiro. Participarán Adriana Moscoso, directora xeral de Industrias Culturais, Propiedade Intelectual e Cooperación do Ministerio de Cultura e Deporte; Pilar Portela, coordinadora de Música e Danza na Axencia Galega das Industriais Culturais e representante da AGPXC; e Tere Badía, investigadora e xestora cultural. Tralas institucionais, será a quenda das perspectivas profesionais a partir das 12:30 h cunha mesa redonda na que participarán Patricia Hermida, manager, produtora, presidenta da Asociación Galega de Empresas Musicais e socia fundadora de Mujeres de la Industria Musical; Fran Quiroga, investigador transdisciplinar e coordinador xeral en Concomitantes; e Alejandro Nieves, xestor e comunicador cultural. Exercerá de moderadora Marián Fernández, socia fundadora e responsable de comunicación do Cable Inglés.
Ás 15:30 h o autor, director de escena e narrador oral Cándido Pazó ofrecerá unha conferencia baixo o título “Traballar na cultura? Espera que che conto!” Para pechar a xornada, ás 16:00 h abriranse mesas de conversas en formato horizontal, con grupos reducidos, nos que as persoas asistentes poderán compartir ideas, facer consultas e debater cuestións concretas. As mesas xirarán arredor das seguintes temáticas: “O traballo público en cultura”, “O traballo privado en cultura”, “A activación de espazos e proxectos para unha creación cultural máis sustentable” e “O equilibrio entre os proxectos profesionais na cultura e uns proxectos de vida máis sustentables”.
As dificultades no sector cultural galego
Segundo o informe da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, no sector cultural existe un amplo consenso en canto á situación de precariedade e vulnerabilidade que afecta unha parte importante das e dos axentes que fan posible a cultura. Malia non ser algo exclusivo deste sector, si que existen importantes factores de risco neste ámbito. Entre eles, a elevada atomización, a alta intermitencia laboral, a escasa oferta de emprego estable por conta allea e o déficit de persoas nas institucións públicas.
Estas circunstancias provocan que as dificultades do día a día se afronten en solitario, sumándose outros factores de risco que provocan que diminúa a produtividade: unha excesiva carga multitarefa, compaxinar varios traballos ou proxectos simultáneos para acadar uns ingresos mínimos e unha falta de tempo crónica. Todo isto afecta a calidade do traballo cultural, pero tamén o plano persoal, desde as dificultades de conciliación ata os problemas de saúde, especialmente a mental.
Ademais, o sector precisa máis coñecemento económico, financeiro e legal, e ten unha predisposición a sacar adiante os proxectos aínda que non sempre teñan unha viabilidade económica clara e conten con poucos recursos para asesoramento externo especializado nestes ámbitos. A complexidade da lexislación e procesos burocráticos, a transformación dixital, a inclusión ou a sustentabilidade engaden novas dificultades, que na maioría dos casos son asumidas como responsabilidades de mellora individual.
A Deputación e a AGPXC colaboran no eido da formación e do debate para conseguir novos espazos de encontro entre o sector profesional da xestión cultural, as entidades públicas e privadas, e as creadoras e creadores artísticos. Deste xeito, búscase reforzar e mellorar o ámbito da xestión cultural en Galicia e, sobre todo, na provincia de Pontevedra, ao convidar o tecido local a reflexionar e crecer na profesionalización da cultura.