in ,

Redrum sobe a escena os abusos infantís no espectáculo ‘Hamelin’ de Juan Mayorga

O espectáculo é a segunda obra de Mayorga que Redrum pon en escena en galego tras ‘O mozo da última fila’

Hamelin de Redrum Foto: Vanessa Rabade
'Hamelin' de Redrum Foto: Vanessa Rabade

O Teatro Principal de Santiago de Compostela acollerá o vindeiro xoves 23 de febreiro ás 20:30 horas a estrea de Hamelin, o decimosexto espectáculo de Redrum Teatro. Alex Sampayo encárgase da dirección e mais da adaptación desta obra, que conta cun elenco conformado por sete intérpretes: Machi Salgado, Belén Constenla, Guillermo Carbajo, Mónica García, Roberto Leal, Rubén Porto e Fran Lareu.

“É unha obra que trata sobre os abusos á infancia, que teñen moitas caras e neste espectáculo recóllense todas con duplas e triplas lecturas de todos os personaxes”, sinalou Alex Sampayo, quen compareceu ante os medios nunha rolda de prensa na compaña da concelleira de Acción Cultural de Santiago, Mercedes Rosón; o director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López; o director da Axencia Galega de Industrias Culturais, Jacobo Sutil; e Guillermo Carbajo, actor e membro de Redrum Teatro.

Esta será a segunda adaptación de Redrum Teatro dun texto de Juan Mayorga, autor teatral que en 2022 recibiu o Premio Princesa de Asturias das Letras. Logo d’O mozo da última fila, nesta ocasión trátase de Hamelin, obra de 2005 pola que o dramaturgo recolleu o Premio Max ao mellor autor teatral. Agora chega ao galego co apoio da Xunta de Galicia, a través das liñas de axudas á creación escénica, e do Concello da Illa de Arousa, pois a compañía levou a cabo os ensaios no seu Auditorio Municipal. “A obra inspírase de forma moi libre nun caso real, ocorrido no barrio barcelonés do Raval a finais dos anos 90, e reflexiona sobre como a rapazada é quen paga os pecados dos propios adultos”, relatou Alex Sampayo ante os medios.

Publicidade

Compostela será a primeira parada do espectáculo, que no día da estrea incluirá unha posfunción para que o público poida intercambiar impresións co equipo. Ademais, os espectadores terán unha segunda oportunidade no mesmo escenario o día seguinte, o venres 24, con Juan Mayorga como un asistente máis no patio de butacas. Redrum Teatro proseguirá a súa xira nas vindeiras semanas con funcións en Cangas (4 de marzo), Pontevedra (9 de marzo), A Illa (1 de abril), Lugo (20 de abril), Teo (28 de abril) e Verín (6 de maio). As entradas para as dúas representacións de Santiago poden adquirirse a través da plataforma www.compostelacultura.gal e na Zona C (Praza de Cervantes) de martes a sábado, no seu horario habitual. Tanto as funcións en Compostela como as de Pontevedra e Cangas enmárcanse dentro da programación semestral da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

'Hamelin' de Redrum Foto: Vanessa Rabade
‘Hamelin’ de Redrum Foto: Vanessa Rabade

Xunto á dirección e o elenco de sete intérpretes completan o equipo Laura Míguez como axudante de dirección, Carlos Álvarez-Ossorio como responsable do deseño de iluminación e Fernando Epelde como encargado do espazo sonoro.

Publicidade

A compañía Redrum Teatro funciona como unha empresa cultural dedicada á produción e distribución de espectáculos e á edición de libros dende o ano 2009. Dende a súa fundación, a compañía levou a escena obras para o público familiar (Moito Conto, Roedores, A nena que quería navegar ou Contos do recreo) e diversos espectáculos para adultos, entre as que cómpre destacar Currículum vitae, Noiteboa, A canción do Elefante, Idiota, O mozo da última fila ou Invisibles, montaxe esta última galardoada cos Premios María Casares á dirección, á iluminación e o texto adaptado en 2019. Para a que será a súa décimo sexta montaxe, Redrum Teatro escolle Hamelin, de Juan Mayorga.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

GIPHY App Key not set. Please check settings

    agpxc xestores culturais galicia

    Os xestores culturais reúnense en Soutomaior nas xornadas ‘Coidar de nós para coidar da cultura’

    3240 de DeuVe

    3240