in

O mozo da última fila

O mozo da última fila Redrum Teatro
Imaxe de Álex Sampayo

O inconfundible aroma do stalker milenial

Entramos na sala do Auditorio do Concello de Vigo e entramos nun mundo de inquedanzas. Recíbennos unha butaca e unha cadeira, un pano cun espazo opaco aberto no medio e, de xeito especial, unha atmosfera musical que xa nos introduce no aire da peza.

Eu, que coñezo o texto orixinal de Juan Mayorga e algunha das súas versións, non podo facer máis que preguntarme que nos deparará esta velada, cal será a visión que nos ofreza esta primeira tradución ao galego de El chico de la última fila (Premio Max ao mellor autor no 2008), dirixida e adaptada por Álex Sampayo.

Falamos dunha das pezas máis coñecidas dun dos dramaturgos contemporáneos máis importantes, e o feito de que sexa representada en galego non é calquera cousa. No noso teatro adoitamos tirar máis cara a adaptacións internacionais e producións propias que por autores nacionais contemporáneos, e isto non deixa de ser unha novidade interesante. Con todo, non é unha novidade, precisamente para Redrum, compañía que xa adaptara textos de Jordi Casanovas (Idiota, Un home con lentes de pasta), e que con O mozo da última fila continúa a configurar un estilo de teatro contemporáneo, bañado en luces frías e que ofrece un panorama de inquedanza na súa reflexión sobre a sociedade e o ser humano.

Como digo, esa inquedanza dános a benvida coa atmosfera musical composta por Davide González (unha das presenzas máis interesantes e completas do panorama teatral galego actual), que nos acompaña durante toda a peza, levándonos a mundos de frialdade tecnolóxica (como podería ser un Blade Runner composto por Vangelis).

A inquedanza é algo que se salienta na peza orixinal, protagonizada por un rapaz que comeza a escribir sobre unha familia de clase media, da que se mete na súa casa a cheirar a súa intimidade co pretexto de ensinarlle matemáticas ao fillo. A peza ofrece, así, a presenza dun estraño que asexa e do que non sabemos de certo o seu interese pola intimidade desa familia, pero que o rapaz comparte co seu mestre de literatura, a través dunha serie de redaccións que lle ofrece como exercicios.

Será a relación mestre/alumno a que esta versión de Redrum ofreza como máis nitidamente inquietante, xa que o interese do mesmo pola familia, e máis en concreto pola nai (co seu “inconfundible aroma a muller de clase media”), queda confuso, sen decantarse por unha opción clara, ficando así este personaxe un tanto desleixado.


Publicidade

O mestre composto por Roberto Leal convértese, entón, no eixo da peza, máis ca o mesmo “mozo da última fila” de Guillermo Carbajo, ofrecendo esta versión a un profesor que se debate entre o interese por un futuro talento literario ou o morbo que este lle ofrece en cada escrito, ata meterse na súa propia casa. Se cadra é que ese mestre atopa no rapaz un reflexo do que el puido ser, cando sentaba, tamén, na última fila da clase, ou se cadra está tan aburrido da súa monótona vida rodeada da arte conceptual da súa muller (Belén Constenla) que necesita unha emoción forte para sentir algo.

O resto do elenco ofrece uns soportes sólidos para acompañar este duelo entre mestre e alumno -salientando a parella Machi Salgado (recente aínda o seu María Casares por Idiota) e Mónica García (que mostra de novo unha enorme variedade de rexistros, ata o punto que me levou un tempo recoñecela)-, malia a miña confusión con algunha das opcións para os personaxes, como a coxeira do rapaz interpretado por Rubén Porto.

Interésame moitísimo a escenografía, separando os mundos do mestre e da familia, que coliden só a través do personaxe de Claudio (o mozo da última fila) cando este atravesa o muro invisible que os separa. Resulta sorprendente o efecto desa pantalla transparente na que se mostran imaxes coas que os actores interactúan (o efecto da choiva que semella ata repenicar nos ombreiros de Claudio, por exemplo) e que ilustran espazos tanto físicos coma internos. Ao meu gusto, sobraba algo de outono sentimental, mais eses son gustos persoais, que lle vou facer! Unha escenografía que vai acompañada, como xa mencionei antes, dese xogo de luces frías que nos levan todo o tempo á mesma frialdade da mente analítica do rapaz/stalker e operadas ambas por José Faro ‘Coti’.

Quedo así preso da inquedanza, coa ameaza da presenza do monstro, a incerteza de se estamos a crear artistas ou psicópatas.

Continuará?

O mozo da última fila, tradución de Álex Sampayo da peza de Juan Mayorga

Elenco: Guillermo Carbajo, Roberto Leal, Belén Constenla, Mónica García, Machi Salgado, Rubén Porto
Dirección e tradución: Álex Sampayo
Texto: Juan Mayorga
Deseño de iluminación e escenografía: José Faro ‘Coti’
Música e espazo sonoro: Davide González
Vídeos: Álex Sampayo
Caracterización: María Illobre
Axudante de dirección: Sheyla Fariña
Axudante de produción: Rubén Porto
Deseño cartel: Pablo Dávila
Prensa: Alberto Ramos
Distribución: Guillermo Carbajo

Auditorio Municipal de Vigo. 20 de marzo de 2021.

Avatar

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Juan Mayorga

Juan Mayorga: “Nos últimos tempos redescubrimos o teatro como o espazo no que podernos escoitar”

MIT de Ribadavia

A MIT de Ribadavia celebra o Día Mundial do Teatro coa estrea dun documental