Topeng é unha forma de teatro balinesa que utiliza medias máscaras e movementos moi formalizados e é principalmente cómico. Cando o vin por primeira vez, hai moitos anos, pensei: esta é a Commedia dell’Arte! Podería ser que alguén de Italia, hai moitos séculos, viaxase ata Bali para traer a Commedia dell’Arte? Ou quizais un artista balinés viaxou a Italia e trouxo aquí o Topeng? Na miña opinión, debeu haber contaminación entrambos: hai tantos elementos comúns que non pode ser casualidade. O caso é que a Commedia dell’Arte está xusto nas orixes do teatro, é unha forma capaz de achegar Occidente e Oriente. Despois tiven a fortuna de traballar cun actor que coñecía a Commedia por dentro: Eugenio Allegri. Era un Arlecchino extraordinario. Lembro unha repetición de Il Falso Magnifico en Settimo Torinese, a cidade onde vivo. Podería ser 1980 ou 81. Settimo era un arrabalde que, con velocidade, se estaba a converter nun mal barrio. Convidaramos a TAG Teatro para o Entroido, a ver se podían animar o noso tradicional desfile de carrozas, que adoitaba ser bastante lúgubre. TAG montou a plataforma vertixinosamente alta na que actuarían. Creo que ese espectáculo, naquela praza, influíu en todo o teatro que fixen dende entón, do mesmo xeito que a Commedia dell’Arte, a partir do século XVI, influíu no teatro de todo o mundo. O desfile rematou, aínda máis melancólico do habitual, á sombra dun arrabalde feo e industrial, e comezou Il Falso Magnifico. A obra foi na Piazza della Libertà, que normalmente era un aparcadoiro e nin sequera ese domingo de febreiro conseguimos liberala completamente de coches. Ao principio debía de haber unha trintena de espectadores estremecidos. O espectáculo durou case dúas horas e pensei que o público, probablemente, acabaría por minguar a catro ou cinco. En cambio, pasou. A maxia do teatro aconteceu. Cada vez foron máis os espectadores sumándose a ese primeiro pequeno público, ata que a praza se encheu de xente. Todos os ollos estaban pegados a estes tolos que actuaban nun escenario de 4×3 metros, que estaba a 2 metros sobre a rúa. Eugenio interpretou a Arlecchino, o personaxe máis acrobático; con cada pirueta tiñamos medo de que caese do escenario. Pero aquí está a beleza da Commedia dell’Arte. É unha forma de arte arriscada, que require actores un pouco loucos. Só estes temerarios aventureiros poden encher de sol un domingo gris de febreiro. Só eles terían o valor de navegar ata Bali, ata os confíns do mundo, para difundir esta forma de arte, que debemos apreciar tanto como poidamos.